Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Modesto Lomba, deseñador e presidente da Asociación de Creadores de Moda de España: "As avoas aprecian mellor cás mozas un bo patrón na roupa"

 Modesto Lomba asegura que traballou moito para acada-lo prestixio que hoxe suxire o seu apelido unido ó do seu ex-socio: Luis Devota. Admite que cando en 1986 decidiron formar unha factoría nin sequera soñaban con se converteren en protagonistas do restrinxido mundo das grandes firmas da moda. "Nós non podiamos recorrer ó apelido familiar, porque ningún dos dous pertencemos ó perfil de nenos ricos cunha afección exquisita, o noso modelo de crecemento tiña que responder á constancia, ó rigor e ó esforzo". Devota era arquitecto e Lomba iniciouse na xastrería de Ángel Muro en Vitoria, estudiou Artes e Oficios e viaxou a Barcelona para amplia-la súa formación. Pero o salto cualitativo que lles abriu as pasarelas foi o premio Cristóbal Balenciaga. Comezou así unha nova etapa: apertura de tendas en Madrid e distribución nas máis selectas boutiques do país. Protagonizou, xunto a outros deseñadores, o plantón á Cibeles pero foi o único deles que retornou á pasarela madrileña debido a que "como presidente da Asociación de Creadores de Moda de España entendín que o proxecto se tiña que desenvolver tamén alí". Esta asociación ten como obxectivo xestiona-la parte empresarial das firmas, en coherencia coa súa loita por moderniza-lo mundo da moda "que pasa por formar a xente nova en tódolos ámbitos". Lomba asegura, por outra banda, que o que define a calidade dunha prenda é o patrón e o tecido.

Estamos en época de rebaixas, ¿como suxire que as afrontemos?

En rebaixas, coma en calquera compra de roupa, convén ollar na etiqueta a composición, a marca e o prezo. Con estes tres datos hai que face-la conta, agora en euros, para calcular qué imos mercar e a qué prezo. Atoparemos boas oportunidades, pero non esquezamos que a calidade se paga. En calquera caso, deberiamos mercar de maneira racional, sen facernos falsas expectativas e buscando o que precisamos.

Vestir é unha necesidade, pero ¿ata que punto a moda se converteu nun mero consumismo e nun símbolo cultural?

A moda fúndese coa cultura e a propia historia explica este vínculo. Pártese da necesidade de cubri-lo corpo, aínda que axiña aparece o concepto estético: fuxir do espido con bo gusto e co obxectivo de agradar ós demais. Na era dos descubrimentos os tecidos pasan a ser esenciais: a ruta da seda e a do liño son dous exemplos. E as fábricas téxtiles convertéronse en símbolos da revolución industrial e da liberación da muller. Pero a revolución definitiva no mundo da moda viviuse a comezos do século pasado, que é cando aparece a figura do deseñador, un profesional abstraído do mundo do corte e a confección e que procede de calquera ámbito. Empézase a distingui-la parte creativa da industrial, xa non son os modistas e xastres os que deciden qué elaboran, porque antes está o labor do deseñador que crea a moda. Pero non confundamos moda con deseño. Se ben a moda é efecto do deseño e provoca novos consumos, o deseño non se limita a xerar novas ideas para ser consumidas, a súa función é menos efémera e máis fonda, xa que nace dunha actitude creadora.

Daquela, ¿que é o que se ve nas pasarelas e para que lle serve a un consumidor contemplar esas glamourosas postas en escena?

As pasarelas son escaparates, é o xeito de comunica-lo que se está facendo no campo da moda, hai que velos como un acto cultural, como unha expresión creativa. Cando subimos a unha pasarela non estamos pensando en vender, para presentar comercialmente as coleccións organizamos outros encontros. Na pasarela expóñense criterios, gustos, personalidade e conceptos.

Nos anos 80, mesmo nos primeiros 90, as pasarelas escandalizaban, os desfiles rompían e as propostas eran transgresoras. Agora, parece que a creatividade é máis conservadora.

Os anos 80 foron moi atrevidos e creativos. Agora, a sociedade é máis conservadora, non quere cambios, busca a tranquilidade. De tódolos xeitos, romper é o labor dos novos deseñadores, teñen que ser eles os que sorprendan.

Precisamente, esa xuventude demanda e non atopa centros de formación, coma os que existen en Italia, para ser un profesional da moda. Vostede suxeriu que se levase á Universidade esta formación específica. ¿Que hai daquilo?

Trátase non tanto de outorgarlle cariz universitario coma de forma-los profesionais a nivel superior. Ademais, e isto descoñécese, a industria da moda ten unha gran capacidade de crecemento e de xerar postos de traballo, só hai que ve-lo caso de Italia e Estados Unidos. O noso país non ten unha engrenaxe industrial básica seria, falo de directivos, xestores, estilistas, xastres, comunicadores... A nosa Asociación promove cursos dirixidos a estes mozos que queren facer da moda a súa profesión.

Na última década, os novos deseñadores defenderon a estética minimalista: o negro, o branco e, ante todo, a contención e a sinxeleza. ¿Este minimalismo é un período efémero ou, pola contra, un movemento artístico xa consolidado?

O minimalismo evolucionará como o fixo o Barroco ou o Romanticismo, porque é un movemento artístico e como tal rematará morrendo, pero non sen antes impregna-la súa filosofía en ámbitos máis alá da moda: o fogar, a música... e mesmo a gastronomía. Pero pasará aínda que non xurda ningunha corrente coa forza suficiente para desprazalo.

Outra característica do final de século é o abaratamento do deseño, a roupa barata pero co valor engadido da moda máis emerxente.

O consumidor sabe cándo está pagando barato e non se engana co falso luxo. O mercado simulou que se poden atopar tecidos de calidade a baixo prezo, pero non é tan certo. Cando mercas unha prenda barata debes ser consciente de que a súa vida útil vai ser curta. O que acontece é que hoxe se lle engadiu imaxe e deseño, e aí queda de manifesto un problema: o deseño non é un copyright que se poida rexistrar.

¿Como lles senta ós creadores a popularización do deseño de elite?

Preocúpanos pouco, porque segue existindo o consumidor que non quere mercar falsificacións nin imitacións. Pero preocúpame que se perda a zona intermedia mentres que sobrevive o barato que é copia e o caro que é orixinal. Ó final é consumo ou alto consumo, a posibilidade de mercar unha litografía de Picasso ou un Picasso; os dous teñen valor, pero a diferencia é abismal. A pregunta que se ten que face-lo consumidor é se lle gustaría ter unha prenda dunha marca de prestixio, e saber se se pode permitir tela.

A calidade, ¿vai unida ós tecidos naturais?

Nós investigamos con novos tecidos, pero a nosa base segue sendo o clásico: as boas las, sedas ou liños.

¿E onde cabe a obsesión de Balenciaga: o patrón?

É a estructura, a raíz de todo o traballo. O deseño dos patróns é un traballo arquitectónico que responde a unha investigación: ónde está a pinza e ónde está o corte, que se une á mestría de manexa-los tecidos clásicos e outorgarlles novos volumes, que xurdan prendas diferentes... Aínda que traballes con novas tecnoloxías, a xastrería segue sendo saber cortar. Precisaríase un máster para forma-la xente nova no coñecemento do que é un bo patrón. Non viviron a época na que o importante era un bo tecido adecuadamente cortado. Cando unha noiva vén ó noso estudio, se está acompañada pola avoa sabemos que a comunicación vai ser máis doada e que o traballo se vai entender.

¿E qué nos di da relación entre moda e anorexia?

É un tema que comeza a estar superado. Asocia-la moda con esta enfermidade xerou un interese morboso dos medios de comunicación, pero os feitos demostraron, e certificárono os médicos, que a anorexia é unha enfermidade demasiado complexa e seria como para atribuí-la súa incidencia ou aparición ó feito de que os deseñadores de moda ofrecesen determinadas imaxes. Non temos tanto poder. O problema da anorexia é grave, e dicirlle a unha nai que a enfermidade da súa filla a provoca que as modelos sexan delgadas non lle fai favor ningún, e non reduce o seu sufrimento.

A moda xa non é só roupa, está en tódolos lados: complementos, decoración, perfumes, útiles domésticos...

É que o deseñador deixou de ser un artesán, e o seu traballo é máis xenérico. Hai deseñadores de moda que proceden da arquitectura, a enxeñería ou a filosofía. É un analista do gusto que remata facendo de todo, porque o deseño chega a todo. A marca dun deseñador pode xerar moitos productos. Eu animo ós empresarios a que se lancen neste terreo, temos moi poucos copyright. O deseño italiano, é iso, deseño en tódolos ámbitos. Debemos face-las nosas propias licencias.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto