Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Alimentos funcionais ou enriquecidos: Modificados para melloraren algunha función vital do noso organismo

Aínda que o termo "alimento funcional" semelle propio do novo milenio, moitos de nós probamos xa, quizais sen sabérmolo, alimentos funcionais: leites enriquecidos, probióticos, substancias antioxidantes...

  O concepto clásico de "nutrición axeitada", que proporciona os nutrientes suficientes (hidratos de carbono, proteínas, graxas, vitaminas e minerais) para satisface-las necesidades orgánicas tende a ser substituído polo de "nutrición óptima", que inclúe, ademais, a potencialidade dos alimentos para promove-la saúde, mellora-lo benestar e reduci-lo risco de desenvolver enfermidades. E é precisamente neste ámbito onde aparecen os alimentos funcionais. O papel benfeitor para a saúde que pode desempeña-lo consumo destes alimentos baséase en estudios científicos que, ó longo do século XX, confirmaron a relación directa existente entre os alimentos que se consumen e o estado sanitario da poboación, a prevención e o tratamento de certas enfermidades.

¿Que son os alimentos funcionais?

Son alimentos ós que se engadiu (ou dos que se eliminou) un ou varios ingredientes; ou alimentos nos que se modificou a súa estructura química ou biodispoñibilidade de nutrientes, ou unha combinación destes dous factores. É dicir, son alimentos modificados, coa particularidade de que algún dos seus compoñentes (sexa ou non nutriente) afecta a funcións vitais do organismo de maneira específica e positiva. Pero os compoñentes dos alimentos enriquecidos atópanse tamén nos convencionais, polo que unha persoa que segue unha dieta equilibrada e mantén hábitos de vida saudables non precisa consumir alimentos funcionais, xa que inxire tódolos nutrientes que o seu organismo precisa. Conviría, iso si, que a Administración lexislase (aínda non o fixo no noso país) sobre os requisitos esixibles ós alimentos funcionais, e que controlase o cumprimento do que na súa publicidade lle prometen ó consumidor.

Efectos positivos

Os efectos dos alimentos funcionais proceden da súa contribución ó bo estado da saúde e da súa capacidade de reduciren o risco de padecer enfermidades. Os investigadores identificaron e determinaron os beneficios destes compoñentes funcionais dos alimentos. Algúns efectos demostrados son:

  • diminución do risco de enfermidades cardiovasculares gracias ós ácidos graxos omega-3 (peixes azuis) e antioxidantes naturais -carotenoides, vitaminas C e E, cinc, selenio... (en verduras, hortalizas e froitas)
  • diminución do risco de certos tumores gracias a substancias antioxidantes (en vexetais)
  • regulación de funcións intestinais, do nivel de glicosa e colesterol no sangue mediante a fibra soluble
  • mellora do equilibrio da flora intestinal e do estado inmunolóxico polas bacterias lácticas (probióticos)...

Alimentos funcionais e as súas repercusións sanitarias

Existe a crenza de que os alimentos funcionais "sandan" enfermidades. Sen embargo, a propiedade funcional está relacionada co papel metabólico estructural ou fisiolóxico sobre o crecemento, desenvolvemento, mantemento e outras funcións normais do organismo; e non coa capacidade de tratar unha patoloxía. Os alimentos funcionais poden previr, pero non sandan.

Leites enriquecidos. A última xeración constitúena os leites enriquecidos en calcio, vitaminas, ácidos graxos omega-3, etc., que representan o 5% do consumo total, un volume pequeno, pero nada desprezable se valorámo-la curta idade do producto.

Probióticos. Un probiótico é un microorganismo vivo que ó inxerirse en cantidades suficientes exerce un efecto positivo na saúde máis alá dos efectos nutricionais tradicionais. Baixo o cualificativo probiótico englóbanse amais dos microorganismos do iogur (Lactobacillus acidóphilus bulgaricus), as últimas xeracións de leites fermentados con diversas bacterias (Bifidobacterium e Lactobacillus acidóphilus e L. casei inmunitas). Mentres que os xa asentados "Bio" aseguran favoreceren a xeración da flora intestinal pola súa achega de bifidobacterias (bacterias que aparecen de xeito natural no intestino humano) e os novos leites fermentados con lactobacilos sosteñen a súa capacidade de estimularen as defensas naturais do organismo, un bo número de estudios clínicos demostran que tódalas bacterias lácticas mencionadas exercen similares accións saudables no organismo.

Prebióticos. Son substancias contidas nos alimentos que resisten a dixestión no intestino delgado e susceptibles de seren fermentadas pola flora bacteriana do intestino groso, que teñen un efecto favorable sobre a flora e, indirectamente, sobre o organismo humano. Entre os prebióticos hai diferentes tipos de fibra: soluble, lignina e oligosacáridos non dixeribles (por exemplo, os FOS -fructooligosacáridos-), que se inclúen en productos tales como leite, iogur, flans e margarinas entre outros. Estes compostos son substrato das bacterias que colonizan o intestino groso, orixinando ácido láctico e ácidos graxos de cadea curta, metabolitos que estimulan o crecemento das bifidobacterias. Diversos estudios suxiren que a inxestión de oligosacáridos non dixeribles aumenta a absorción de minerais, en particular de calcio. Este achado abre unha nova vía na prevención da osteoporose. Os FOS están presentes en numerosos alimentos vexetais (porro, cebola, espárrago, allo, alcachofas, tomates, legumes), a lignina atópase na parte leñosa de vexetais (leituga, acelga) e nos cereais integrais, e a fibra soluble en froitas, legumes. De aí que haxa que contemplar variedade de alimentos como parte dunha dieta equilibrada.

Productos enriquecidos con ácidos graxos omega-3. Os omega-3 son ácidos graxos poliinsaturados, que se atopan naturalmente na dieta: ácido eicosapentanoico (EPA) e ácido docosahexanoico (DHA). Desde hai xa poucos anos, concretamente desde marzo de 1996, comercialízanse os ovos enriquecidos con DHA. O DHA é un ácido graxo que destaca por diversas propiedades: mantén o equilibrio das graxas no sangue, impide a agregación plaquetaria, polo que incide favorablemente en caso de risco cardiovascular e ademais, trátase dun lípido fundamental para o desenvolvemento e funcionamento favorable do sistema nervioso central. Este ácido graxo debe proporcionarse a través do consumo de productos ricos neste tipo de lípidos, como o peixe azul. Hai uns anos utilizábase aceite de peixe como complemento do penso das galiñas, co fin de enriquece-los ovos en DHA, pero presentaba os seus inconvenientes. O producto podía adquirir sabor a peixe e, ademais, precisábase unha serie de procesos químicos e de refinamento que encarecían notablemente a producción. Sen embargo, unha compañía estadounidense foi a que descubriu o tipo de alga que posúe un alto contido en DHA, e actualmente utilízase como parte do penso das galiñas.

  Hoxe, consecuencia dos avances tecnolóxicos, engádenselles estes ácidos graxos ás galletas, margarinas, productos lácteos, patés de fígado de porco e salchichas de ave, amais de ós ovos. Pero, como acontece con tódolos alimentos que posúen unha cantidade maior de determinados nutrientes, o abuso pode resultar prexudicial. De feito, o exceso de DHA no organismo pode provocar defectos na coagulación do sangue.

Productos enriquecidos en fitosterois. Os fitosterois son substancias vexetais semellantes ó colesterol humano. Ó incluílos na dieta, a absorción do chamado "colesterol malo" (LDL) no intestino bloquéase. Nestas propiedades baséase unha margarina, aprobada recentemente como alimento funcional por parte do Comité Científico de Alimentación Humana da Unión Europea. Este alimento actúa como un fármaco hipolipemiante (capaz de reduci-lo colesterol), coa vantaxe de que a tolerancia é boa e non implica os trastornos doutros fármacos cun mecanismo de acción semellante, concretamente, as resinas. O consumo duns 20 gramos diarios desta margarina, cantidade abonda para dúas rebandas de pan, basta para obter reduccións de LDL de entre o 10 e o 14%. Sen embargo, o consumo de fitosterois pode asociarse a determinados desequilibrios, tales como unha reducción importante dos niveis de betacarotenos ou provitamina A e a deficiente absorción das vitaminas solubles en graxa, A e K. Unha dieta variada compensa as diminucións, polo que non supón ningún risco. Non obstante, convén controla-la súa inxestión en persoas con necesidades nutritivas elevadas; nenos e adolescentes en período de crecemento, embarazadas e nais lactantes e persoas que sofren de alteracións no aparello dixestivo (maldixestión e malabsorción), situacións que impiden un correcto aproveitamento de certos nutrientes dos alimentos.

Productos enriquecidos con substancias antioxidantes. Existe evidencia científica de que inxerir a miúdo substancias con actividade antioxidante se relaciona coa diminución da incidencia de enfermidades cardiovasculares. Un dos principais mecanismos de producción de arteriosclerose (estreitamento do diámetro das arterias que dificulta o paso de sangue), orixe da maioría de enfermidades cardiovasculares, é a oxidación dunha das proteínas que transportan colesterol polo sangue (LDL). Entre as substancias antioxidantes que reducen este proceso están as vitaminas E (aceite vexetal virxe de primeira presión en frío, froitos secos, xermolo de trigo) e C (cítricos, kiwi, pemento, tomate) así como outros carotenoides como o licopeno (tomate), betacaroteno (cenoria, cabaza, mango), cinc (carnes, peixes, ovos) e selenio (carnes, peixes, ovos, marisco principalmente), polifenois (vexetais en xeral) e compostos xofrados (verduras da familia da col, cebolas, allos...). Ademais, o propio avellentamento e procesos dexenerativos como cataratas ou certos tumores, relaciónanse coas reaccións de oxidación no organismo, polo que as substancias antioxidantes teñen un efecto protector.

Na actualidade son numerosos os productos alimenticios, tales como zumes de froita, bebidas de leite e zume, entre outros, que inclúen unha ou varias substancias antioxidantes entre os seus ingredientes co fin de paliaren os procesos orgánicos oxidativos. Así e todo, cómpre ser prudentes coas doses que se vaian consumir, xa que existen diversos estudios realizados con substancias que se sabe que teñen un efecto beneficioso cando se inxiren como parte dun alimento, como o betacaroteno, que cando lles foron administradas a voluntarios en estado puro, fóra dos alimentos, e a altas doses, deixan de seren antioxidantes para seren prooxidantes (efecto contrario).

LEXISLACIÓN ALIMENTARIA VERBO DISTO

Na Unión Europea, o Comité Científico da Alimentación Humana (Scientific Committee on Food, SCF) que se encarga de formula-las opinións científicas en relación coa saúde do consumidor e seguridade dos alimentos en calquera punto da cadea alimentaria, ten en desenvolvemento actualmente a identificación dos niveis máximos tolerables para a inxestión de vitaminas e minerais, debido en parte ó enriquecemento xeneralizado dos alimentos, co fin de evita-la toxicidade como consecuencia dun consumo excesivo de determinados nutrientes.

Aínda que os alimentos funcionais poden mellora-la saúde, cómpre valoralos na súa xusta medida e aproveitalos sabendo que, se ben non son a panacea de tódolos males, resultan beneficiosos e achegan un complemento saudable a unha dieta apropiada e a un estilo de vida activo.

Os fundamentos científicos para considerar como funcionais a diversos alimentos son consistentes, pero cabe preguntarse se non é máis razoable espalla-las propiedades saudables ben demostradas de moitos alimentos, naturais ou transformados, sen necesidade de crear unha nova categoría, ambigüidades ou discutibles alegacións de promoción de productos que "suban ó carro do funcional" sen argumentos válidos que o xustifiquen.

Actualmente son necesarias máis investigacións para a comprobación científica das propiedades dos alimentos funcionais, identificando os principios activos e validando a seguridade e, o que é moi importante, a dose que se debe utilizar, establecendo marcadores analíticos, ensaios clínicos e demostración de efectos bioquímicos e fisiolóxicos.

Os alimentos funcionais poden resultar unha facilidade ou un complemento interesante, pero non unha necesidade. No estado actual de coñecementos, podemos seguir afirmando que unha alimentación suficiente, variada e equilibrada, que teña como base os alimentos cotiáns, frescos e procesados, pode proporcionar en conxunto tódolos efectos saudables que o noso organismo precisa e, ademais, elixindo axeitadamente estes alimentos, tamén incluirémo-los compoñentes funcionais dos mesmos (carotenoides, ácidos graxos omega-3, fibra, substancias antioxidantes e outros). Polo tanto, unha dieta correctamente deseñada xa é funcional.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto