Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Frixideiras eléctricas: A máis barata, unha das mellores

Atopáronse defectos de seguridade, pouco importantes, en dúas das oito frixideiras analizadas

  Analizáronse oito frixideiras eléctricas con prezos entre os 50,42 euros (8.390 pesetas) de Philips HD-6110) e os 107,58 euros (17.900 pesetas) de Tefal Visialis 100 e que teñen unha capacidade de ata 4 litros de aceite, que quece mediante resistencias eléctricas controladas por un termóstato que selecciona a temperatura á que se frixirá o alimento. A máis barata (Philips) e a máis cara (Tefal) son as de mellor calidade, entendendo por tal o compendio das súas características técnicas, a súa seguridade de funcionamento e os resultados de uso nas probas de laboratorio. Philips HD-6110 é a mellor relación calidade-prezo. A calidade das oito é cando menos aceptable, se ben Taurus Star-3 e Ufesa FR-1230 non cumpren a norma de seguridade, debido a deficiencias pouco importantes.

Tefal e Philips destacaron pola súa aptitude á función, ou conxunto destes apartados: ergonomía, uso e manexo, mantemento e limpeza, aspecto e acabado, protección de mandos, manual de uso, rapidez de quecemento e arrefriamento, precisión do termóstato, calidade de frixidura e consumo eléctrico. As máis ergonómicas: Fagor F-5220, Taurus Prof-3 e Ufesa FR-1230, por sinxelas de manexar, por incorporaren tres asas de plástico (dúas para o transporte e unha para a tapa) e polo seu tamaño. En consumo eléctrico, as máis austeras: Philips e Fagor, e Ufesa FR-1515.

Doadas de usar. Tefal foi a mellor en limpeza, con superficies exteriores lisas e case sen resaltes; e a súa resistencia de quecemento non permanece en contacto co aceite (non se lixa), a cubeta do aceite é extraíble e o seu filtro anticheiro é de doada substitución. Philips tamén foi ben cualificada, aínda que a cubeta encravada na frixideira dificulta a súa limpeza. A extracción dos filtros antigraxa de Solac 653 e Ufesa FR-1515 é pouco sinxela. En acabado, a mellor foi Tefal: recollecable, tapa con filtro anticheiro, goma no perímetro da tapa (peche máis hermético) e unha sólida construcción exterior de plástico, e incorpora unha ventaíña transparente para ve-la fritada, que ó carecer de mecanismo anticondensación ve reducida a súa utilidade. As máis estables (catro patas con goma antiescorregamento) son Fagor, Taurus Prof-3, Tefal e Ufesa FR-1230.

Manexa-los mandos. Na marcaxe dos mandos destacaron Philips HD-6110, Solac 653 e Ufesa FR-1230 que, ademais, indican sobre a frixideira unha relación de alimentos coa súa temperatura e tempos de fritura. En protección dos mandos, a mellor foi Taurus Star-3. En Solac 653, Taurus Prof-3 e Ufesa FR-1515, os mandos ofrecen unha menor resistencia ó movemento e carecen de relevos para a súa protección. As máis rápidas en alcanzaren o seu máximo quecemento foron Fagor e Ufesa FR-1515, mentres que Taurus Star-3, Tefal e Ufesa FR-1515 foron as máis rápidas á hora de arrefriaren. No baleirado do aceite, a mellor foi Tefal, porque a resistencia está fóra da cubeta e esta pode desencaixarse para limparse e extrae-lo aceite. En Philips cómpre envorca-la frixideira para guinda-lo aceite usado.

Convén que o mango do cesto de fritura sexa desmontable e estea protexido. En Fagor, Solac, Taurus Prof-3, Ufesa FR-1230 e Ufesa FR-1515, é desmontable, mentres que nas outras o mango é fixo, se ben o agarre é de plástico. En Philips e Tefal o mango é abatible, o que diminúe o risco de accidentes. Tefal conta con filtro anticheiro que funciona tamén como filtro antigraxa. Philips, Solac e Ufesa FR-1230 incorporan só o filtro antigraxa, mentres que as outras tres carecen de filtros.

Case todas frixen aceptablemente. Frixíronse 500 gramos de patacas conxeladas precociñadas durante seis minutos. En textura, a mellor foi Philips, da que saíron patacas moi ben feitas e case non se apreciaba a graxa, mentres que a peor foi Solac (moi frixidas por fóra, interiormente secas e sen graxa). En uniformidade, foron ben valoradas, non sendo Solac, xa que a maioría das súas patacas se queimaron. No dourado, as mellores foron Philips e Taurus Star-3, e as peores, Solac 653 (por exceso), e Fagor F-5220 (por defecto). Resumo: cinco frixiron ben na nosa proba, dúas (Fagor e Taurus Prof-3) aceptablemente e unicamente Solac mal.

  Diferencias no consumo. As máis austeras no gasto enerxético foron Fagor, Philips e Ufesa FR-1515 (uns 0,5 quilowatts-hora). As menos económicas no consumo eléctrico foron as dúas de Taurus, cun consumo de pouco menos de 0,7 kw-h. Fagor, Taurus Prof-3, e as dúas Ufesa teñen unha potencia real maior da indicada nas súas etiquetas, aínda que ningunha superou a tolerancia permitida. Pola contra, Philips, Solac, Taurus Star-3 e Tefal tíñana algo menor ó declarado.

No tocante á cantidade de aceite que precisan para a súa función, en Philips, Tefal e Solac o nivel máximo alcanzábase con entre 2,2 e 2,4 litros de aceite, mentres que en Ufesa FR-1230, Fagor, Taurus Star-3 e Ufesa FR-1515 este nivel situábase entre 2,7 e 2,9 litros. A que precisaba máis aceite era Taurus Prof-3 (3,4 litros). Philips, Fagor, Solac, Taurus Star-3, Tefal, Ufesa FR-1515 son as que operan cun nivel mínimo inferior de aceite. A desviación entre as capacidades de aceite indicadas e as reais son importantes nalgúns casos: Philips precisa un 10% máis do que indica e Taurus Prof-3 un 24% máis. E só Philips e Ufesa FR-1230 indican nos seus manuais o método axeitado para guinda-lo aceite xa usado.

Termóstatos, tamaño, peso...

A maioría dos termóstatos indican un rango de temperaturas de traballo de entre 150 ºC e 190 ºC. Un control axeitado da temperatura é crítico: desaconséllase frixir por baixo dos 150 ºC, xa que os alimentos absorberían demasiado aceite, e por riba dos 225 ºC porque pode resultar perigoso ó existir risco de inflamación. Os termóstatos máis fiables na súa temperatura máxima son os de Philips, Taurus Prof-3, Tefal e Ufesa FR-1230. Na mínima, Tefal e as dúas de Ufesa foron as mellores. E as maiores discrepancias entre o que indica o termóstato e a temperatura real do aceite rexistráronse en Fagor na temperatura máxima, e en Philips na mínima, con desviacións de entre o 15% e o 20%. Tódolos modelos están provistos de paredes exteriores separadas da cubeta de aceite mediante aire para evitar queimaduras (sistema "paredes frías"). Non houbo diferencias no quecemento sufrido polas que teñen paredes de plástico e as que teñen metálicas. Nas oito frixideiras, as únicas resistencias fixas ó aparello (polo tanto, máis difíciles de limpar) foron as de Philips e Tefal.

E as que máis espacio ocupan son Fagor F-5220 (57 centímetros), Ufesa FR-1230 e Taurus Prof-3 (53 e 54 cm, respectivamente). As máis pequenas son Solac (38 cm) e Taurus Star-3 (39 cm). No tocante ó peso, a máis lixeira é a Philips HD-6110 (2 quilos), mentres que a máis pesada foi Tefal (4, 5 quilos), unha boa diferencia.

A seguridade, mellorable nunha de cada catro. A maioría das frixideiras son seguras, pero a parte externa de Philips e Taurus Star-3, así como a ventaíña de cristal de Tefal presentaron un quecemento excesivo, aínda que non hai normativa ó respecto. Así e todo, detectáronse dous incumprimentos de norma: en Taurus Star-3 o aceite alcanzou unha temperatura superior en dous graos ó máximo permitido (225 ºC) e en Ufesa FR-1230 produciuse un quecemento excesivo das súas asas de plástico.

CONSUMER decatouse de que nalgúns casos o indicado nas embalaxes e nos aparellos teñen discrepancias. En Tefal as indicacións de tempo e temperatura de fritura recomendados para algúns alimentos non coinciden entre a embalaxe e o equipo. En Taurus Star-3 a embalaxe indica que leva filtro antigraxa, pero a mostra non o incorpora e na caixa da Ufesa FR-1230 non aparece a protección da asa do cesto que si incorpora a frixideira.

Non sendo por pequenos detalles, a información ó consumidor é correcta, pero o certificado de garantía de Tefal non ten espacio para os datos do comprador.

Cómo frixi-los alimentos

O aceite de oliva e o de xirasol "alto oleico", son os máis axeitados para frixir, porque producen na superficie dos alimentos unha costra que fai que se impregnen menos de graxa, que manteñan o seu contido de auga e que resulten máis agradables ó padal. Son os máis estables (poden utilizarse máis veces) ante as altas temperaturas que se alcanzan na fritura (160-200 ºC) e os que máis tempo tardan en descompoñerse. A súa riqueza en ácido oleico, graxa monoinsaturada "cardiosaudable", é responsable de que estes aceites sexan máis estables có resto (xirasol, millo, soia...) ricos en graxas poliinsaturadas, nos que as altas temperaturas favorecen a súa rápida oxidación e alteración. O de oliva e o de xirasol "alto oleico" forman menos escuma na frixideira có resto de aceites.

Consellos prácticos...

  • Non mesturar aceite novo con outro xa usado, nin tampouco o de oliva ou xirasol alto oleico con outras graxas líquidas vexetais (teñen diferentes puntos de ebulición; o aceite rico en oleico aguanta máis temperatura cós outros e se os mesturamos, un queima o outro e prodúcense substancias irritantes e potencialmente tóxicas).
  • Evita-lo sobrequecemento. Non superar, durante a fritura, os 170 ºC.
  • Regula-lo termóstato da frixideira de xeito que o aceite non fumee nin escureza.
  • Desbota-lo aceite sobrequecido: xera substancias irritantes e potencialmente tóxicas.
  • Os alimentos para frixir, sempre ben secos: a auga favorece a descomposición do aceite.
  • Filtra-lo aceite logo de cada fritura, para eliminar restos de alimentos que quedan flotando e que favorecen a oxidación e a descomposición do aceite.
  • O número de veces que pode reutilizarse o aceite (na tixola e na frixideira) non é fixo. Depende, e moito, das condicións nas que se produce a fritura: clase de aceite, temperatura e tempo, tipo de alimento, etc.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto