Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Artrose de cadeira: A prevención desde a infancia, fundamental

Un proceso artrósico pode pasar desapercibido no seu comezo, e cando aparece a dor, o óso está xa afectado, aínda que sexa en grao mínimo.

Debido a que é unha doenza irreversible, o tratamento da artrose non é curativo senón paliativo.

  A artrose é un termo moi estendido que a miúdo se emprega de xeito inadecuado para referirse a todo tipo de doenzas de ósos e de articulacións. Esta enfermidade dexenerativa, crónica e non inflamatoria, afecta a unha ou varias articulacións e caracterízase polas alteracións anatómicas que se producen nelas. As articulacións están formadas por ósos, entre os que hai unha cartilaxe -unha suave superficie de cor abrancazada brillante, pero dunha resistencia tremenda- que os tapiza e protexe, favorecendo ademais a mobilidade articular. Co paso dos anos as articulacións sofren un proceso de desgaste polo que a cartilaxe perde auga e se torna máis fráxil. Esta deterioración da cartilaxe, xunto coa alteración que tamén padece o óso subxacente, é o que se coñece como artrose e pode afectar a múltiples articulacións, como as de xeonllos, mans ou cadeira. Esta última, que aparece xeralmente a partir dos 50-60 anos, é a que nos ocupa.

Exercicio programado

As lesións cartilaxinosas permanecen indoloras durante moito tempo, xa que a cartilaxe non está innervada, e cando aparece a dor é porque o óso está xa afectado aínda que sexa en grao mínimo. Isto explica, amais do comezo asintomático das alteracións artrósicas, que os signos radiolóxicos poidan en ocasións manifestarse antes cós síntomas da enfermidade. Por iso, un proceso artrósico nos seus comezos pode pasar desapercibido. As lesións artrósicas son, unha vez iniciadas, irreversibles: non hai un tratamento eficaz para facelas desaparecer. Algúns fármacos reducen a inflamación e a dor, pero polo de agora non hai un medicamento que torne as lesións ó seu estado inicial. O exercicio programado e adecuado axuda a mante-la mobilidade da articulación, mantén a flexibilidade, potencia a musculatura e contribúe a estabiliza-la articulación.

A cadeira

A articulación da cadeira, coma outras articulacións, ten dúas caras articulares. Por unha banda a cabeza do fémur, redonda e cuberta de cartilaxe, e por outra a cavidade cotiloidea da pelve, onde a cabeza do fémur encaixa perfectamente. A cadeira é unha articulación de moita mobilidade e por iso está moi ben estabilizada polo encaixe da cabeza femoral na cavidade cotiloidea. Ademais, un ligamento que une as superficies articulares reforza a unión. Pódese considerar, polo tanto, como unha articulación sólida no adulto normalmente desenvolvido.

Artrose de cadeira

A artrose de cadeira ou coxartrose é unha afección frecuente e de gran poder incapacitante. Afecta ós dous sexos por igual e aparece xeralmente entre os 50 e 60 anos, aínda que pode facelo máis tarde. En case dous tercios dos casos a coxartrose é secundaria, é dicir, hai outra lesión que explica que se desenvolva esa artrose de cadeira. Por iso, denomínanse coxartroses secundarias.

As principais causas que poden predispor a unha artrose de cadeira son: luxación conxénita de cadeira, enfermidade de Perthes, diferencia de lonxitude entre as extremidades inferiores, desviacións de columna (escoliose), mala aliñación dos xeonllos (genu varo), hiperlaxitude ligamentaria e anomalías de crecemento dos ósos, alteracións anatómicas que convén diagnosticar precozmente e corrixir para evitar que no futuro se desenvolvan artroses.

No tocante ás artroses primarias, nas que non hai ningún factor patoxénico local nin xeral, son varios os factores de risco que parecen asociarse á aparición de artroses: deportes que sobrecargan a articulación, factores ocupacionais que ocasionan microtraumatismos de repetición, a obesidade, os traumatismos, os procesos inflamatorios da articulación, os defectos de vascularización da cabeza do fémur, os defectos de aliñamento das extremidades inferiores.

O máis importante é a prevención da malformación luxante da cadeira na infancia, especialmente no bebé acabado de nacer, xa que se pode dicir que o problema da coxartrose está no berce, ó nacer. Hai que descartar sistematicamente a luxación conxénita de cadeira en tódolos acabados de nacer. A exploración física e a ecográfica permiten detecta-la totalidade dos casos.

Síntomas e diagnóstico

O síntoma máis relevante na artrose de cadeira é a dor de tipo mecánico (dor que se produce ó moverse e tralo repouso prolongado ó inicia-lo movemento), localizado na ingua, e que se irradia á cara anterior das coxas ata o xeonllo. Ás veces presenta unha localización diferente, con dor na rexión glútea, cara posterior ou interna das coxas. Na maioría dos casos produce unha impotencia funcional con coxeira progresiva e limitación da mobilidade. É moi característica a rixidez e a dor tralos períodos de repouso ou de permanencia prolongada nunha posición (por exemplo sentado na butaca, no coche, nun asento baixo...). Tamén resulta frecuente a limitación para separa-las pernas, que dificulta montar en bicicleta, sentar fronte ó respaldo nunha cadeira ou entrar nunha bañeira. Ademais, o afectado adoita presentar problemas para calzarse e descalzarse. Estes síntomas agrávanse co paso do tempo e se non se adoptan medidas terapéuticas, a limitación funcional e a dor poden chegar a ser moi incapacitantes.

O diagnóstico da artrose de cadeira non presenta problemas, os síntomas, a exploración física e o estudio radiolóxico son abondo para chegar a un diagnóstico correcto.

Tratamento

O tratamento da artrose non é curativo senón paliativo, e baséase en fármacos, medios físicos (exercicios e rehabilitación) e cirurxía.

  • Os fármacos máis empregados son os antiinflamatorios non esteroideos e os analxésicos que posúen unha acción calmante transitoria.
  • É moi importante a rehabilitación funcional para mante-la articulación indolora, asegura-la estabilidade da cadeira e conserva-la mobilidade. Trátase de exercicios destinados fundamentalmente a potencia-la musculatura da cadeira e a mante-la súa flexibilidade e mobilidade. Hai que evita-la sobrecarga ponderal (vixia-lo peso, descansar ó longo do día en posición de decúbito, deitado...), evitar desprazarse por terreos irregulares, facer desprazamentos longos ou subir e baixar escaleiras a miúdo, e cómpre aprender a andar cun bastón no lado oposto á lesión.
  • Malia a todas estas medidas, a artrose de cadeira tende inexorablemente á agravación progresiva, aínda que poida ter remisións e brotes. Isto motiva que moitos casos rematen no quirófano: a prótese total supuxo un notable progreso na cirurxía da cadeira. Polo xeral os resultados son excelentes, as dores desaparecen e a mobilidade da cadeira pode chegar a ser perfecta ou mellorar. Os postoperatorios non resultan problemáticos e as complicacións, polo xeral infección e desempotramento, non alcanzan o 2% dos casos. Aínda que os resultados a longo prazo son aínda pouco coñecidos, pódese afirmar que a súa eficacia é de como mínimo dez anos.

Relacións deste contido

Descargar esta información en PDF

PDF: Fai clic aquí para Descargar esta información en PDF (124 Kb)

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto