Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

A felicidade: ¿Un dereito, unha meta ou un simple soño?

  "Cuéntame, cómo te ha ido, si has conocido la felicidad" preguntaba o refrán dunha popular canción dos primeiros anos 70. É nesta época cando se comeza a falar da felicidade como meta que lle dá sentido á vida. Non se baralla tanto a querencia e dereito do ser humano á felicidade como premio a un denodado empeño ou ás boas obras realizadas, senón como a case obrigatoriedade de ser feliz, de vivir nun estado pracenteiro permanente. Non imos reflexionar aquí sobre cuestións conceptuais elevadas, de índole filosófica ou ética. Partamos, simplemente, dun principio: temos dereito a sermos felices e o deber, como persoas intelixentes, sensibles e sociables que somos, de encamiñármo-la nosa vida por un camiño que nos depare máis satisfaccións ca desgustos.

Pero a felicidade, como estado obxectivo de vida, non existe. É abstracta, subxectiva e persoal, se ben na nosa civilización occidental podemos enumerar uns elementos básicos que se requiren para ser feliz: boa saúde, un traballo satisfactorio, unha rica vida amorosa, afectiva e familiar, amigos que nos "enchan", tempo e posibilidade para desenvolvérmo-las nosas afeccións, boa situación económica, benestar psicolóxico e emocional... E independentemente de que nos guste que tamén ós demais as cousas lles vaian ben, especialmente ós nosos seres queridos, percibir que nos aprecian como persoas, en resumo, que nos aman, nos respectan e nos comprenden, axuda moito a que nos sintamos felices. O que varía, sen dúbida, é a importancia que cada un de nós lles concedemos a estes apartados.

Unha busca inútil

Hai persoas que malgastan as súas vidas nunha constante e estéril busca da felicidade como estado case-permanente, coa quimérica ilusión de que algún día a atoparán. Pero a felicidade é, normalmente, unha situación pasaxeira que se nos pode escapulir á mínima e sen avisar. Dominados por ese obxectivo da felicidade absoluta e permanente, algunhas persoas, malia a que teñen motivos reais para se sentiren razoablemente ben, entenden que debe mellora-la súa situación porque viven na convicción de que hai un estadio superior, máis intenso e satisfactorio, que outros individuos alcanzaron. Pero, unha vez máis, a comparación cos demais, lonxe de depararnos algo bo, tende a sumirnos na insatisfacción. En última instancia, a disxuntiva é ser conformistas ou ambiciosos, e como case sempre, o razoable está no termo medio. Non debemos deixar de loitar para mellora-lo noso benestar, ben sexa material ou emocional, pero debemos saber aprecia-lo xa acadado.

Os especialistas aseguran que consciente ou inconscientemente percibimos que nalgún momento da nosa vida alcanzamos ese estado que asociamos á felicidade, e que desexamos volver revivilo. A teoría da psicanálise, por exemplo, indica que ese gran momento está relacionado coa satisfacción que sentimos cando ó termos fame por primeira vez, o leite materno nos satisfixo. Segundo esta corrente psicolóxica, coñecida esa vivencia de plenitude ansiamos reproducila o resto da nosa vida. Outra explicación, máis espiritual ca científica, é a de que levamos gravada no noso código xenético unha certa idea do paraíso. Calquera que sexa a argumentación á que nos acollamos, buscamos algo que nun determinado momento experimentamos pero non coñecemos de todo. En resumo, o conveniente é deixar de buscar ese imposible idealizado, porque non o imos atopar. A felicidade non é o resultado dunha busca nin, aínda menos, do chou.

¿Meta ou entelequia?

Ser feliz non é unha entelequia, unha creación intelectual ou cultural con difícil referente obxectivo. É unha aspiración inherente ó ser humano, que cada persoa debe traballar e cultivar individualmente. É un dereito e, en certa maneira, un deber de cada un de nós. Porque ser infeliz equivale a vivir contranatura. Pero ser feliz non é gozar dunha ledicia constante, senón percibirnos involucrados en cada detalle das nosas vidas, conectados coa emoción que nos suscita cada momento, atendendo ó que nos está acontecendo e dándolle resposta á situación, sintonizando co que nos arrodea. Noutros termos, vivir e saborea-lo aquí e o agora.

Polo tanto, deberiamos saltar a outro estadio, pasar a falar de momentos felices, de instantes de pracer, benestar, ledicia, satisfacción con un mesmo, por algún logro conseguido tralo esforzo previo realizado. E é que os mellores momentos da nosa vida non son forzosamente os receptivos ou relaxados. Adoitan chegar cando mente e corpo ó unísono chegan ó seu límite de esforzo para acadar algo que valoramos moito. Un momento feliz, unha experiencia óptima, é algo que facemos que nos suceda. Os auténticos intres de gozo, ricos en serenidade e paz interior, non se deben normalmente a acontecementos externos. A vida é longa, complexa e diversa e nela caben momentos de enfastío, malhumor, preocupación, dor, amor, ledicia, pracer, gozo... unha lista interminable de sensacións, sentimentos e emocións. Esquezámonos da felicidade como abstracto e concretémola no seu intre. Agora ben, conseguir saboreala depende, como viamos anteriormente, da nosa actitude ante a vida.

Sexamos positivos

As persoas cunha actitude positiva ante a vida sofren e padecen as vicisitudes desagradables dos que amosan unha actitude negativa, pero coa diferencia de que os primeiros actúan eficazmente na resolución dos seus problemas mentres que os segundos se laian e bloquean.

É precisamente esta actitude positiva o que fai que un acontecemento negativo non nos impida vivir con plenitude. As preocupacións, o malhumor, a rabia, as enfermidades propias ou dos nosos seres queridos, os problemas económicos, a fatiga, as frustracións vocacionais, os conflictos coa parella ou cos fillos ou coa xente que se empeña en amargárno-la vida, sempre van estar aí. Pero actuando con espírito positivo, poderemos pensar e buscar solucións con maiores probabilidades de éxito. En definitiva, atúrase moito mellor o conflicto.

As dificultades existen e esta sociedade tan competitiva na que vivimos invítanos permanentemente a eleva-lo listón da esixencia e indirectamente a non sentirnos felices, aínda que paradoxalmente case se nos obrigue a selo, sempre que non queiramos atoparnos nese nicho de marxinación que ocupan os "fracasados". Unha actitude positiva non é sinónimo de felicidade, senón de execución eficaz: vivámo-los momentos de malestar sen desesperármonos, sen culpabilizármonos nin culpármo-los outros e sobre todo, sen paralizármonos.

Esta actitude positiva axúdanos tamén a goza-los momentos felices e a abrírmonos ó mundo que nos arrodea, promove a escoita activa e participativa. E anímanos á disposición a compartir desde a vulnerabilidade, a acepta-lo risco e a sentir e amar. Se tivesemos que asociar estes momentos felices con algunha emoción específica, sería coa paixón. Entendida como apaixonarse coas cousas que facemos e vivimos, sentilas como creación propia, valoralas e enorgullecérmonos delas.

Para sermos felices...

A persoa que se sabe feliz sabe que a desgracia é unha posibilidade, mentres que a felicidade é unha elección. Se apostamos porque na nosa vida estean presentes o máximo de momentos felices, viranos ben:

  • Aceptarnos como somos e confiar en nós mesmos.
  • Actitude positiva ante a vida.
  • Habilidades sociais e de comunicación.
  • Afrontar con realismo e boa actitude cada situación na que nos atopamos.
  • Expresar e vivi-los nosos sentimentos e emocións.
  • Consciencia de vivir e saborear cada intre.
  • Ganas de xogar, rir, descubrir e transgredir algúns límites do convencional.
  • Aledarnos co que temos e entusiasmarnos con novos proxectos.
  • Estar orgullosos de nós e do que fomos capaces de conseguir.
  • Coidarnos, valorarnos e apaixonarnos coa aventura de vivir.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto