Saltar o menú de navegación e ir ao contido
¿Por que non viaxar no Nadal? ¿E en Ano Novo? Cada vez son máis os que non limitan estes días de festa a encontros familiares e deciden aproveitalos para desconectar do movemento do Nadal e coñecer novos lugares. Así o demostra a crecente tendencia a acurta-las vacacións de verán para poder gozar duns días de asueto no Nadal ou na Semana Santa. Amais de que os prezos non se disparan, a vantaxe das mini-vacacións do nadal é que os aeroportos e hoteis presentan unha estampa bastante tranquila, non sendo os días estrela. Parques temáticos, o Caribe, as Illas Afortunadas e, como non, as estacións de esquí constitúen os principais destinos dun viaxeiro, que ten como perfil arredor dos 40 anos, está solteiro ou non ten fillos e realiza un desembolso arredor das 100.000 pesetas (601 euros) para catro días de estancia.
Segundo os datos do Instituto de Estudios Turísticos da Secretaría de Estado de Comercio e Turismo, o 37% dos 119 millóns de viaxes efectuadas o pasado ano, é dicir, arredor de 44 millóns de desprazamentos, foron "viaxes turísticas" (as que non se efectúan a unha segunda residencia ou as que duran máis de tres días). E de todas elas, tan só un 8%, arredor de 3,4 millóns, cruzaron as fronteiras. Aínda que na última década se alongaron os períodos de vacacións, aínda se centran no verán; un de cada dous turistas escolle estes meses para viaxar. Ó período estival ségueo a Semana Santa, que move arredor do 12% dos desprazamentos, e máis lonxe queda o Nadal, unha época que comeza a despuntar timidamente: o 9% dos desprazamentos de vacacións realízanse nesas datas.
As Canarias e o Caribe constitúen dous dos destinos favoritos do turismo de nadal. Os hoteis das Illas Afortunadas acollen a centos de turistas que buscan a benigna climatoloxía do arquipélago, sumada a uns prezos asumibles -desde 75.000 pesetas (450 euros) pódese pasar unha semana en aparthotel, incluída a viaxe en avión-. O Caribe continúa en voga e por un desembolso medio de 200.000 pesetas (1.201 euros) gózase de 6 noites de areas brancas e mar turquesa. Pero a este recuncho soñado xurdiulle unha feroz competencia: o que xa se coñece como Caribe Africano, representado sobre todo por Cabo Verde e Senegal, coa vantaxe dunha viaxe de avión máis curta e prezos de promoción arredor das 100.000 pesetas (601 euros).
Os amantes do deporte branco despiden o ano dándolle a benvida á tempada de esquí. As estacións abriron as súas pistas hai un mes e para estas datas xa se intúe qué depara a tempada -prevese un inverno moi xeneroso-. A disparidade de prezos desta opción reside no tipo de estación e de aloxamento que se busque, e no xeito de desprazarse. Así, os Alpes franceses ofrecen prezos atraentes e a vantaxe de contar con algunhas das mellores estacións do mundo (por 60.000 pesetas -360 euros -, sen incluír desprazamento, pódese gozar de 6 días de esquí aloxado nun apartamento). Andorra dispón tamén de boas combinacións que inclúen aloxamento e remontes para catro días desde 40.000 pesetas (240 euros). O Pirineo aragonés acolle numerosas festas de Noitevella e é tradicional inaugura-lo ano cun primeiro descenso en Astún, Candanchú, Formigal, Panticosa ou Cerler. A marcha nocturna de Jaca, próxima ás cinco estacións de esquí devanditas, converte esta cidade na preferida dos máis novos. Por aproximadamente 50.000 pesetas (300 euros) pódense pasar 4-5 días en calquera destas estacións, en apartamentos compartidos, incluído o forfait. Recibi-lo novo ano sen luxos en Baqueira e Serra Nevada require máis cartos e pode supor ata 140.000 pesetas por unha semana (860 euros), e agarda-la chegada dos Reis Magos nestas estacións resulta algo máis económico, entre 60.000 (360 euros) e 100.000 pesetas (601 euros).
Dun tempo a esta parte os parques temáticos convertéronse nunha atractiva opción para as familias que desexan aproveita-los días de festa e rompe-la monotonía, premiando ó mesmo tempo ós fillos cunha estancia de fantasía. Os paquetes para ir a Disneyland París -dúas noites de hotel e tres días de parque para unha parella e dous fillos- varían desde a tarifa máis modesta, 104.000 pesetas (615 euros), á máis luxosa, 205.000 pesetas (1.232 euros). Port Aventura e Terra Mítica tamén abren este Nadal, e amais de adaptaren os seus "países" ó Nadal, ofrecen prezos moito máis baratos ca en tempada alta.
Hai alternativas menos tradicionais e máis curiosas para quen dispoña de máis diñeiro e ganas de algo distinto: pasa-lo primeiro día do ano en Rovaniemi, capital da Laponia finesa desde 180.000 pesetas (1.100 euros) ou gozar dun cruceiro polo Mediterráneo a partir das 150.000 pesetas (900 euros) por persoa. E sempre queda a romántica opción de erguerse en Praga, Viena, Budapest, París ou Londres, un capricho que non baixa das 50.000 pesetas (300 euros).
Fóra das viaxes propiamente turísticas, quen viaxe en tren ou en autobús debe ter moi presente que RENFE e os autocares tamén pechan no Nadal. O serán do 24 e do 31 de decembro non só aparecen baleiras as estradas, a rede ferroviaria descansa do movemento que sufriu os días previos. Nas dúas noites máis significativas das festas do nadal tan só se moven dous trens que parten de Barcelona e Madrid dirección París, e o Intercity París-Lisboa. Nada que ver co bulebule que se vive as vésperas de Noiteboa e Noitevella. Catro millóns de persoas mercan un billete entre o 22 e o 2 de xaneiro; convén telo previsto, porque se ben a empresa ferroviaria reforza o servicio engadindo máis vagóns para atende-la demanda, a adquisición de billetes, gracias ás novas tecnoloxías, adiántase cada ano máis. Igual acontece coa rede de autobuses: todo o mundo viaxa o mesmo día, polo que aínda que a flota se multiplica, as prazas acábanse esgotando.
Limitarse a descansar sen facer nada en especial pode ser tamén motivo de estrés, por iso hai que entender que as vacacións conceden a oportunidade de facer cousas que non se poden facer a cotío. Por iso, os psicólogos coinciden en que moitas veces é preciso planificar actividades para gozar deste período. E aínda que o verán é o momento tradicional para investir en viaxar, o Nadal produce un aumento das crises, especialmente dos problemas de parella, polo que paga a pena pensar nun destino orixinal.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI