Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Son malos tempos para comer sentados e de vagar. Impídeo, en moitas ocasións, o trepidante ritmo de vida que levamos. E cando ás présas cotiás se engaden uns hábitos alimentarios pouco saudables -cada vez máis a miúdo-, orixínanse malas dixestións, dor de estómago, acidez e outros trastornos dixestivos. Se os excesos se prolongan no tempo, aumenta o risco de aparición ou desenvolvemento de patoloxías relacionadas coa alimentación, como enfermidades cardiovasculares, diabetes, hipertensión, obesidade, alteracións dixestivas... Os trastornos dixestivos cobran relevancia en épocas como o Nadal, datas nas que é difícil fuxir das comidas copiosas. A frase "un día é un día" empúxanos a abusar da comida e da bebida, e é case imposible saír indemne de sufrir incidentes dixestivos. Cómpre lembrar que as grandes enchentes e inxerir moi rápido os alimentos obrigan a que o estómago traballe moito máis ca decote, coa conseguinte sensación de malestar e pesadez. Seguir unhas sinxelas pautas axudaranos a previ-las molestias dixestivas.
Os alimentos ou pratos demasiados graxos (fritos, estufados ou guisos con exceso de aceite) ou que inclúen carnes moi graxas, pratos con salsas (nata, queixo ou maionesa), pratos moi condimentados, picantes ou os alimentos excesivamente azucrados provocan dixestións máis lentas e pesadas do normal. Se, ademais, non gardamos orde no horario e distribución das comidas ó longo do día, e por exemplo, un día non almorzamos, outro case non comemos e ó seguinte tomamos unha gran cea, o noso aparello dixestivo acabará sufrindo as consecuencias.
Tampouco o estrés é bo aliado para as doenzas estomacais: numerosos estudios relacionárono con afeccións gastrointestinais (úlceras, cólicos, diarreas, gastrite...), polo que amais de seguir unha boa alimentación, resulta moi importante aprender a levar un ritmo de vida máis relaxado e a evita-lo estrés.
Aínda que a sesta se considera un hábito moi saudable, se se prolonga máis de 15-20 minutos e se realiza ó pouco de xantar, probablemente erguerémonos coa sensación de que a comida non foi dixerida, doeranos a cabeza e sentiremos acidez e malestar xeral. Isto débese a que cando durmimos todo funciona máis a modo no noso corpo, incluída a dixestión, e a que en posición horizontal se facilita o paso de ácidos do estómago ó esófago (refluxo). Para remedialo, deberemos facer unha sesta de curta duración e, no canto de deitármonos, permanecermos recostados no sofá.
A dixestión é un proceso moi lento que se alonga cando se inxire demasiada comida ou alimentos excesivamente ricos en graxa ou fibra. Ó producir máis ácidos para axudar na dixestión, o tracto intestinal ínchase. Outro xeito de indixestión é o que produce inchazón do abdome, que se manifesta cando o estómago se sente demasiado cheo e que adoita producir flatulencia.
Ben sexa polo consumo de alimentos en mal estado ou por exceso de alcohol, o vómito é síntoma de que o corpo trata de liberarse dun elemento tóxico. Tralos vómitos e para evita-la deshidratación, resulta fundamental asegurar unha boa provisión de líquidos, pero convén esperar 1-2 horas antes de tomar calquera bebida. A medida que os vómitos cesan se pode inicia-la inxestión de alimentos sólidos. Toléranse mellor os alimentos secos: torradas, galletas sinxelas...
Algúns remedios caseiros: infusión de xenxibre (pártese en anacos e pulverízase, engádese unha cullerada sopeira por cada cunca de auga e férvese 3-5 minutos), ideal para combate-las malas dixestións acompañadas de náuseas, vómitos, mareos e para eliminar gases.
Exceso de gases no intestino que causa espasmos intestinais e distensión abdominal (incha o abdome). Cambios bruscos na alimentación, comer ás présas e tragar demasiado aire mentres se mastiga, un consumo excesivo de hidratos de carbono (arroz, pasta, pataca, pan, cereais, galletas, etc.), o emprego de antibióticos que desequilibran a flora intestinal e a inxestión de alimentos flatulentos (alimentos productores de gas e formadores de cheiro) poden orixinala. Para previr esta incómoda molestia recoméndase:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI