Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Informe

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Cirurxía estética: Perigos e vantaxes do bisturí

Aínda que as técnicas son cada vez menos agresivas, a cirurxía estética entraña riscos que convén calibrar antes de entrar ó quirófano

Non é oro todo o que reloce

A cirurxía estética estase convertendo nun servicio de consumo masivo, mesmo entre os homes. Só en España, e no último ano, realizáronse unhas 250.000 operacións de estética, cun custo medio por intervención de 400.000 pesetas (2.404 E). Esta industria do milagre xa factura neste país 100.000 millóns de pesetas (600 millóns de euros).

Privilexio de ricos e famosos ata hai poucos anos, gracias á gran demanda e ó avance das técnicas (máis sinxelas e con menos gasto hospitalario), os prezos das intervencións descenderon entre un 7% e un 9%, de maneira que deixaron de ser tan prohibitivas. Agora, persoas case de toda clase e condición económica recorren á cirurxía para melloraren o seu aspecto físico.

Para facilitar aínda máis o acceso á beleza, a maioría das clínicas españolas (hai un 15% máis de establecementos deste tipo ca en 1996) ofrece sistemas propios de financiamento. Trátase de préstamos persoais concertados entre a clínica e o banco que lle permiten ó usuario aboa-las intervencións a prazos, ata en máis de catro anos.

Os homes tamén se animan

E non dubidan en pasaren polo quirófano para se atoparen máis atractivos. No 2000, máis de 40.000 homes sometéronse a operacións de pálpebras, orellas, liposucción, depilación por láser ou implante de cabelo, mentres que no 1995 só 15.000 confiaron no bisturí para retocar esa parte do seu corpo coa que non se sentían conformes. Os retoques máis demandados polos españois son o transplante de cabelo (300.000 pta., 1.803 euros), a rinoplastia (250.000 pta. - 1.502 E) e a plastia de pálpebras para quita-las bolsas dos ollos, que custa entre 150.000 e 300.000 pesetas (entre 901 e 1.803 E).

Se pensa someterse a unha operación de cirurxía estética...

  • A cirurxía estética é un contrato de resultados, polo que sempre se debe quedar mellor ca antes. Solicite por escrito os resultados que se obterán coa operación. E pida fotografías do antes e do despois.
  • Coñeza de antemán as gravísimas consecuencias que pode comportar un fracaso nunha operación de estética.
  • Empregue o tempo preciso en elixir quén o operará. Infórmese da experiencia do cirurxián e de se está colexiado. Pídalles referencias ás asociacións profesionais, ó seu médico de cabeceira e a outros doutores. Comprobe que a clínica á que acode está legalizada e acuda cunha testemuña que poida declarar no caso de que a operación sexa un fracaso.
  • Pida segundas, terceiras e mesmo cuartas opinións. O médico debe asesoralo, non "venderlle" unha operación. Desconfíe de quen lle prometa imposibles.
  • Esixa o prezo por escrito, detallado e especificando os materiais que se van utilizar. Pida factura e copias dos documentos que asine, incluído o consentimento da operación. O pagamento final non debe supera-lo previsto. Non pague nunca cun cheque ó portador. Non debe aboa-lo IVE se a intervención ten por obxecto tratar unha enfermidade ou as súas secuelas. Se se somete a unha técnica netamente estética, deberá pagar un IVE reducido do 7%.
  • Non se opere para gustarlle a alguén. É posible que as persoas do seu contorno respondan positivamente á intervención, pero a cirurxía plástica está pensada para producir cambios en vostede, non nos demais.

Dereitos dos pacientes

As persoas que por motivos de saúde psicolóxica ou física sexan protagonistas dunha operación de cirurxía plástica teñen, coma calquera outro paciente, unha serie de dereitos que se recollen no artigo 10 da Lei Xeral de Sanidade.

  • Dereito ó respecto da súa persoa, á súa dignidade humana e á súa intimidade.
  • Dereito a obter información sobre os servicios sanitarios.
  • Dereito á confidencialidade de toda a información relacionada co seu proceso.
  • Dereito a ser advertido de se os procedementos de diagnóstico e terapéuticos se utilizan en proxectos docentes e de investigación.
  • Dereito a que se lle dea en termos comprensibles a el e ós seus familiares ou achegados información completa e continua.
  • Dereito á libre elección entre as opcións que lle presente o responsable médico do seu caso.
  • Dereito preciso ó consentimento informado.

Asesoramento psicolóxic

Segundo o Colexio Oficial de Psicólogos de Valencia, os motivos que inducen a unha persoa a operarse son moitos e variados, e teñen a súa orixe "nunha insatisfacción de moitos tipos. En ocasións está relacionada co ideal ó que aspiramos, coma o dunha actriz admirada, ou con querer dar certa imaxe ou, simplemente, con tratar de evita-lo efecto do paso do tempo".

Non hai un perfil determinado de persoas que queren modifica-la súa imaxe externa. Na maioría dos casos, non sofren trastornos especiais nin traumas de autoestima. O que si se dá é unha importante influencia dos estímulos externos á hora de crear un ideal de beleza e de tratar de conseguilo.

A preferencia polo bisturí fronte a outros sistemas para obte-lo físico desexado débese en boa medida á comodidade que impera na nosa sociedade, xa que "modelar un corpo e mantelo flexible se pode conseguir con deporte, pero é moito máis lento e require máis forza de vontade có bisturí". Desde o Colexio Oficial de Psicólogos de Valencia lémbrase que "os corpos ideais non existen. É importante que unha persoa o asuma e se afaga a negociar coa realidade".

Isto é así, porque se poden dar casos "nos que despois dunha operación que un paciente consideraba imprescindible para si mesmo, volva unha insatisfacción por outro motivo e non se solucionara o sufrimento interior da persoa". De aí que os profesionais da psicoloxía recomenden que "antes de que unha persoa recorra á cirurxía, fale e traballe cun profesional para coñecer realmente o seu desexo".

Máis graves son os casos protagonizados por adolescentes cun corpo que non os satisfai. Segundo o Colexio Oficial de Psicólogos de Valencia, "os pais deberían razoar coas súas fillas e non dar unha negativa directa, senón propor unha espera. Despois, en función da situación de angustia que sufra a adolescente, pódese volver valora-la posibilidade dunha operación estética. Pero tamén se pode aplacar esa angustia ou esa obsesión cunha psicoterapia".

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto