Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Aceites de motor minerais: Non compensa adquiri-los máis caros

Usar un aceite con boas calidades é fundamental para que o motor sufra o menor desgaste posible

  Analizáronse 12 aceites de motor minerais (catro específicos para gasolina, catro específicos para diesel e outros catro mixtos gasolina/diesel) que custan entre 1.195 pesetas (Kraft Supermultigrado) e as 2.995 pesetas de Esso Uniflo Mineral Diesel e Gulf Multi G. Elixir un bo aceite de motor é esencial para o óptimo funcionamento do noso vehículo, xa que reduce o rozamento, elimina a calor xerada pola fricción e a combustión, elimina impurezas, garante a adherencia entre as pezas en movemento e protexe contra a corrosión.

Os aceites de motor minerais son aqueles nos que o fluído base (ó que se engaden os aditivos) procede do refinado do aceite cru de petróleo, non da síntese de compostos, como acontece nos aceites sintéticos. Un aceite mineral dura, polo xeral, a metade ca un sintético pero tamén é sensiblemente máis económico.

A característica clave na calidade dun aceite é a viscosidade ou resistencia a fluír. Pódese expresar cun primeiro número que fai referencia ás propiedades en frío, seguida por un W, que indica que é un aceite apto para funcionar a baixas temperaturas, e un segundo número que amosa a adecuación do aceite para altas temperaturas. No noso contorno, os máis empregados son os 20W 40 e 20W 50. O mellor aceite é o que mantén máis constante a súa viscosidade respecto ós cambios de temperatura. Defínense distintas medicións de viscosidade en diferentes condicións, para pór de manifesto a súa aptitude á función. Así, a viscosidade cinemática a 100ºC ou a viscosidade HTST, son medidas da viscosidade a altas temperaturas. En ámbolos casos, son desexables viscosidades altas. A viscosidade CCS e a viscosidade MRV mídense en diferentes condicións a baixa temperatura, a primeira relacionada co arranque en frío, e a segunda co bombeado a baixas temperaturas. En ámbolos casos, son preferibles viscosidades baixas. Ademais, o índice de viscosidade amosa a variación da viscosidade respecto á temperatura, e é mellor canto máis alto sexa o seu valor. No rango 20W 40, o mellor foi 3CV Brio Gasolina/Diesel, mentres que no rango 20W 50 destacou 3CV Brio Plus Gasolina.

A oxidación do aceite redunda nun aumento da súa viscosidade e carácter ácido. Os máis resistentes á oxidación foron Kraft Supermultigrado Gasolina, Elf Prestigrade TS Gasolina e Repsol Elite Super Gasolina/Diesel. No de Elf, a cantidade de cinc (aditivo con función antidesgaste e antioxidante) foi a maior (1.290 ppm).

Para rematar, a tendencia á formación de escuma, que podería provocar unha lubricación inadecuada no motor, foi especialmente elevada en Cepsa Platinum Gasolina/Diesel (incremento en volume do 140%). Sen embargo, esta escuma é pouco estable. Concluíndo, 3CV Brio Plus Supermultigrado (1.572 pesetas) e Kraft Supermultigrado Gasolina (1.195 pesetas) son dúas boas opcións en aceites para motores de gasolina; entre os diesel, Kraft Multigrado Super Serie 3a (1.347 pesetas) é a mellor opción calidade-prezo, aínda que Esso Uniflo resulta interesante pola súa calidade, aínda que o seu prezo se eleva bastante. Entre os mixtos, a mellor relación calidade-prezo é para Repsol Elite Super 20W 50 (2.684 pesetas).

Diesel ou gasolina

  Segundo algúns expertos, non hai diferencias apreciables entre aceites que din seren para motores de gasolina ou para motores diesel. De feito, só un dos doce analizados (Esso Uniflo) afirma servir unicamente para un tipo de motor. O resto, a pesar da súa denominación, poden utilizarse en ámbolos sistemas, aínda que con rendementos distintos.

O sistema máis empregado para medi-la calidade dun aceite de motor é a norma americana API (American Petroleum Institute), que contempla diferentes categorías para os lubricantes de gasolina (de menor a maior calidade: SF, SG, SH, SJ), e para os diesel (de menor a maior calidade: CC, CD, CE, CF4, CH4). Un aceite de motor que leve na súa etiqueta SJ CD ofrecerá un óptimo rendemento en motores gasolina pero só moderado en diesel. Se o aceite loce máis dunha denominación para gasolina ou para diesel (por exemplo, "SH e SJ" ou "CE, CF4") a calidade do aceite será a mesma que se só puxese SJ no primeiro caso ou CF4 no segundo, xa que prevalece a categoría superior.

A norma ACEA, malia á súa identidade europea, non está tan estendida en España coma a API norteamericana, pero podería converterse en obrigatoria nun futuro. Na ACEA establécense tres categorías de aceites para motores de gasolina (A1, A2 e A3), e catro para os diesel (B1, B2, B3 e B4). Só a metade das mostras analizadas incluían os parámetros da norma ACEA, aínda que todas indicaban a relativa á API.

A viscosidade, un dos parámetros críticos dun aceite, defínese como a resistencia dun líquido a fluír. Un aceite multigrado óptimo mantén a súa viscosidade o máis homoxénea posible independentemente da temperatura no motor. Hoxe, a maioría dos aceites de motor están deseñados para responderen en frío e en quente (multigrado).

Medir a viscosidade

O termo máis empregado para expresa-la viscosidade é o proposto por SAE, que consta de dous números separados por un "W" que indica que o aceite é apto para operar en vehículos que circulan por zonas con climas moi fríos. O primeiro número informa do rápido que un motor arrinca en clima frío (números máis baixos significan un mellor desempeño). O segundo número, pola contra, sinala a capacidade dun aceite cando as temperaturas son altas (canto maior sexa o número, mellor funcionará a altas temperaturas). Cobra especial relevancia a temperatura que alcanza o interior do automóbil: coches máis potentes (e, polo tanto, que se revolucionen e quenten máis) precisarán aceites que soporten mellor a temperatura.

O exame de viscosidade realizouse en tres condicións distintas. A 100 graos, os doce aceites son correctos se ben Cepsa Platinum Gasolina/Diesel se achega moito ó límite mínimo. Tódolos aceites superaron tamén a proba de viscosidade a alta temperatura (HTST). No tocante ós test a baixa temperatura (-15ºC e -20ºC), as dúas mostras de Cepsa presentaron viscosidades excesivas, o que implica posibilidade de dificultades de rendemento a temperaturas baixas. A etiquetaxe destes dous aceites é incorrecta. Cepsa Super D Diesel non é 20W 40 como figura na súa etiqueta, e Cepsa Platinum gasolina/diesel, ten un rango máis estreito ca 20W 50.

Sen diferencias importantes

As vantaxes dun maior índice de viscosidade son, por unha banda, unha maior viscosidade a maior temperatura, o que significa menor consumo de aceite e menor desgaste; e, por outra banda, unha menor viscosidade a baixa temperatura, polo que o motor arrincará mellor e consumirá menos combustible durante o quecemento.

O punto de derrame é a temperatura máis baixa á cal se observa movemento no aceite. Así, canto menor sexa este valor de temperatura, mellor realizará a súa función o aceite en condicións invernais. Catro aceites evidenciaron un punto de derrame mellor: Kraft Supermultigrado Gasolina e 3CV Brio Gasolina/Diesel (ambos, -30ºC), BP Super V Gasolina (-33 ºC), e destacou sobre todos, con -36ºC, o aceite 3 CV Brio Plus Gasolina. Por outra banda, o test de desgaste avalía o impacto do aceite sobre as partes metálicas do motor. En termo medio, as mostras analizadas demostraron teren boas propiedades antidesgaste. Aínda que os resultados son semellantes, destacan Cepsa Platinum Gasolina/Diesel e Ertoil Diesel, con 0,33-0,34 mm. BP Super V Gasolina, pola súa banda, acadou os peores resultados con 0,53 mm.

As outras probas

Aínda que a viscosidade, a creación de escuma e a minoración do desgaste son os baremos de calidade esenciais para un aceite de motor, hai outros que tamén inflúen e por iso foron estudiados no laboratorio. Algúns deles son a porcentaxe de cinzas sulfatadas, o carácter máis ou menos volátil do aceite, a cantidade de cinc e o test de oxidación. Cando nesta análise comparativa se fai referencia á calidade de cada un dos 12 aceites tivéronse en conta tamén as probas realizadas para comprobar estes outros parámetros.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto