Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Patés de pato: Os caros non son mellores

Analizáronse oito patés de pato, con prezos que difiren moito: entre 1.300 pesetas o quilo (Casa Tarradellas) e 4.400 pesetas o quilo (Goiburu).

Son productos ben distintos: Casa Tarradellas, Capdevilla e La Piara denomínanse Paté de fígado de pato, e Delicass, Eskuola, Martiko, Goiburu, e Jean Brunet din seren Paté de pato ou Paté de canard.

  Estamos ante un producto moi heteroxéneo, tanto na súa composición coma na súa presentación (distintos graos de picado e distribución da graxa...) e envasado, para o que lamentablemente non existe unha lexislación específica que regule o tipo e proporción dos ingredientes que se poden engadir, nin o proceso de elaboración, máis alá dunhas liñas xerais.

Só cinco dos oito incorporan fígado de pato, en proporcións que oscilan entre o 15% e o 33%. E catro inclúen carne de pato en proporcións desde o 22% ata o 80%. En Capdevilla, La Piara e Jean Brunet, o pato non é o ingrediente máis importante. E só Martiko e Goiburu utilizan pato como único ingrediente cárnico; os outros seis recorren a ave e porcino.

Son un elemento moi nutritivo, pero as súas abondosas graxas saturadas e colesterol e a súa elevada achega enerxética (unhas 400 calorías cada cen gramos) suxiren que o seu consumo debe ser moderado, tanto en cantidade coma en frecuencia da inxestión.

A análise detectou en tres mostras pequenas cantidades de aditivos non sinalados nas etiquetas. En Casa Tarradellas e Goiburu tratábase de nitratos e en Delicass de ácido benzoico, se ben no caso de Delicass non estamos ante unha etiquetaxe incorrecta, xa que este aditivo provén dun ingrediente e non dunha adición directa. A etiquetaxe de Martiko é incorrecta porque non sinala a proporción de pato no producto. Outra irregularidade: Capdevilla presentou un estado hixiénico-sanitario insatisfactorio, polos seu alto reconto de microorganismos aerobios e enterobacterias. Non hai límites microbiolóxicos normativizados para este producto, pero nesta mostra quedou patente unha hixiene deficiente na elaboración do producto.

Na cata, os resultados foron bos. Casa Tarradellas, Delicass e Capdevilla acadaron 7 ou máis puntos e a peor valoración global correspondeulle a Martiko, cuns aceptables 5,6 puntos. Constátase que o prezo ten pouco ou nada que ver coas características organolépticas destes patés: o máis caro, Goiburu (sae a case 4.400 pesetas o quilo), obtivo só 6,2 puntos e dous dos tres mellores (7 ou máis puntos) custaban menos de 2.000 pesetas o quilo. A mellor relación calidade-prezo é Delicass (2.500 pesetas o quilo, pouca graxa aínda que bastante saturada, nivel medio de proteína e un dos mellores na cata). Casa Tarradellas (1.320 pesetas o quilo, o máis barato e o mellor na cata) tamén é, malia á súa incorrecta etiquetaxe e á súa moderada achega proteíca, unha opción interesante.

Moita graxa

Na composición nutricional destes patés destacan as graxas, que supoñen de media o 31% do producto. La Piara foi a mostra máis graxa (45%), e Goiburu a máis magra (22% de graxa). É unha graxa cunha importante presencia de ácidos graxos saturados (34% de media), os menos saudables para o noso organismo. Os patés con menos graxas saturadas foron Martiko e Goiburu, con preto do 30% de saturados. E o de máis graxas saturadas é Capdevilla, cun 43%. Delicass, co 36% da súa graxa composta por saturados, e Jean Brunet, co 35%, superan tamén a media.

O contido en proteína destes patés, un bo criterio de calidade nutricional, é do 11% de media, elevado pero moi inferior ó da carne (un filete de porco ou becerro ten arredor dun 20% de proteína) e moi distinto entre uns e outros patés. O menos proteico é La Piara (só o 6% deste nutriente), seguido de Martiko (7%) e Tarradellas (9%). O máis proteico é Goiburu (17%), mentres que Capdevilla, Eskuola e Jean Brunet teñen o 12%-13%.

Por outra banda, os patés en xeral teñen moito colesterol (225 mg/100 g), moi por riba da maioría das carnes (polo 110 mg; año 78 mg; porco 72 mg; coello 71 mg; vacún 65 mg/100 g).

Os patés posúen tamén bastante sodio (700 mg/100 g), e cómpre ter isto en conta en situacións de restricción dietética de sal. No positivo, os patés son moi boa fonte de vitaminas A, B12, B2 e niacina, e de minerais como ferro, cinc e potasio.

O pato e o paté

O pato é unha ave migratoria con capacidade de cebarse antes de emprende-las súas longas viaxes, acumulando graxas principalmente no seu fígado. Esta graxa permítelle dispor de reservas de enerxía mentres percorre milleiros de quilómetros nun so voo. Para a elaboración de patés e outros productos semellantes, os patos críanse en réxime de semi-liberdade. Ata os catro meses aliméntanse con millo, outros cereais, penso, etc., antes de pasar ó embuche, proceso no que son cebados intensamente obrigándoos a inxerir gran cantidade de cereais. Deste xeito conséguese aumenta-lo tamaño e o carácter graxo do fígado. O paté é unha pasta fina elaborada a base de foie ou fígado, carne e graxa de pato, xunto con outros ingredientes cárnicos, ovos e leite, amais das moitas posibilidades de condimentación (pementa, armagnac, oporto, etc.). A elaboración consiste en triturar tódolos ingredientes e obter unha emulsión mediante a adición de auga fervendo. Poden presentarse tanto en conserva coma en semiconserva.

Os aditivos

Non sendo en Eskuola e Jean Brunet, atopáronse nitratos e/ou nitritos en tódalas mostras en cantidades desde as 97 ppm (Martiko), ata 10-11 ppm (La Piara, Goiburu). Tarradellas e Goiburu non indican este conservante, se ben as cantidades atopadas neles son moi baixas. En ningunha mostra se atopou ácido sórbico (aínda que este conservante figura na etiquetaxe de La Piara), pero atopouse unha pequena cantidade de ácido benzoico (92 ppm) en Delicass, que non figura na súa etiqueta pero procede dun dos seus ingredientes (concretamente, o ovo) e non dunha adición directa. Neste caso, a lexislación non esixe que se declare. Por outra banda, non se detectou proteína de soia en ningunha mostra.

No tocante ós aditivos que indican as etiquetas, destaca La Piara (proteína vexetal, aroma, emulxente, antioxidante, conservadores, e estabilizador). Martiko e Capdevilla tamén empregan varios deles. Tarradellas, Eskuola, Goiburu e Jean Brunet non declaran aditivos entre a súa lista de ingredientes, se ben CONSUMER atopou, como se dixo anteriormente, unha pequena cantidade de nitratos en Tarradellas e Goiburu. Delicass declara nitratos e nitritos pero a análise detectou ácido benzoico en pequena proporción (92 ppm).

Estado hixiénico-sanitario

Agás Capdevilla e Goiburu, os patés estudiados son conservas, productos esterilizados comercializados en latas ou tarros de cristal con peche ó baleiro que só precisan refrixeración unha vez abertos. Nestes seis patés, o estado microbiolóxico foi satisfactorio por seren practicamente estériles. Goiburu, que se vende en tarro de cristal como semiconserva que require refrixeración, amosou un estado microbiolóxico tamén correcto. Pero en Capdevilla (envase de plástico ó baleiro que esixe refrixeración), os recontos de aerobios e enterobacterias foron demasiado elevados, o que pon de manifesto unha manipulación hixienicamente deficiente, se ben o seu estado sanitario non supón un risco importante para o consumidor. Cómpre sinalar, de tódolos xeitos, que os patés non están suxeitos a límites microbiolóxicos específicos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto