Saltar o menú de navegación e ir ao contido
|
Canles de EROSKI CONSUMER
Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde
Debido a un brote epidémico que irrompeu hai poucos anos en España, a meninxite suscitou o interese dos medios de comunicación e as novas que se difundiron relacionadas con esta enfermidade ocasionaron unha gran preocupación social.
A incidencia de meninxite en España descendera notablemente desde 1979, pero na tempada 1995-1996 rexistrouse un incremento do número de casos que culminou cun brote epidémico en 1997, o que motivou que en outono dese ano as comunidades autónomas procedesen, como medida excepcional, a vacina-la poboación de 18 meses a 19 anos. Esta patoloxía preocupou moito daquela, e séguelles preocupando hoxe ós pais con cativos, xa que acabados de nacer e lactantes constitúen o 75% dos casos de meninxite.
As estructuras do sistema nervioso, cerebro e medula espiñal, están recubertas por unhas membranas fibrosas que se denominan meninxes. Estas membranas, amais de contribuíren ó metabolismo do sistema nervioso, cumpren a esencial función de defensa do sistema nervioso: actúan como auténticas barreiras para algunhas substancias tóxicas e para os xermes. Cando estas defensas se ven superadas, prodúcense as meninxites, termo que engloba tódalas enfermidades inflamatorias das meninxes, con independencia da causa que a produce, aínda que se tende a identificar este termo coa temida meninxite infecciosa ou bacteriana.
A inflamación das meninxes produce unha sintomatoloxía típica que se denomina meninxismo ou síndrome menínxeo, caracterizada por unha intensa dor de cabeza, rixidez da caluga e unha serie de signos que o médico explora. Pódense sufrir, ademais, vómitos, convulsións, fotofobia, obnubilación, estado comatoso... Nas meninxites bacterianas danse conxuntamente o síndrome menínxeo e un proceso infeccioso caracterizado por febre elevada, debilidade muscular e suor. Algunhas veces os primeiros síntomas da meninxite difiren pouco dos dunha infección aguda calquera: febre, malestar... Pero axiña aparecen as clásicas manifestacións da meninxite, fundamentalmente a triada dor de cabeza, febre e meninxismo, presentes no 90% dos casos.
Tamén son frecuentes as náuseas, os vómitos e calafríos, a suor abundante, a debilidade muscular e a fotofobia. A mortaldade da meninxite é alta, aínda que cos novos tratamentos o prognóstico mellorou. Ademais, son temidas as secuelas que pode provocar, que afectan a estructuras do sistema nervioso central, especialmente á vista e ó oído.
A meninxite ou, máis correctamente, a enfermidade meningocócica, é de carácter endémico-epidémico: sempre hai casos, pero nalgunhas épocas o número aumenta considerablemente e pódese falar de epidemia. A meninxite amosa en España un claro patrón estacional: a súa incidencia é maior en inverno e ó comezo da primavera, e descende no verán e outono. Ó parecer, as causas desta estacionalidade radican en que no inverno as persoas conviven máis tempo en recintos pechados, e polo tanto facilítase o contaxio. As frecuentes infeccións virais que mingúan as defensas do organismo tamén propician a súa estacionalidade.
Algúns estudios apuntan a que os episodios da enfermidade aumentan tralos picos de incidencia de procesos gripais. A meninxite e a gripe seguen un patrón estacional semellante e nestes últimos anos estableceuse un paralelismo entre os incrementos de casos de ámbalas enfermidades.
Cando se produce un caso de meninxite salta a alarma e xérase certo pánico. Hai que aclarar que o meningococo se atopa na nasofarinxe de moitas persoas (no 10% da poboación, denominados portadores sans) sen que padezan a enfermidade, aínda que a súa transmisibilidade é moi pequena e as posibilidades de contaxio moi baixas. Por iso, non hai que crear alarma social, senón adopta-las medidas pertinentes. A vacinación é a medida preventiva máis importante e eficaz. Para a enfermidade meningocócica debida ós serogrupos A, C, Y e W-135 existen vacinas moi efectivas.
Tamén se dispón dunha vacina para a meninxite por pneumococo, aínda que polo de agora non se incluíu nos calendarios de vacinación infantil e está en fase de estudio sobre a súa eficiencia e a relación custo-beneficio (a dose custa arredor de 13.000 pesetas). Pódese aplicar a partir das seis semanas de vida do bebé, pero polo de agora o usuario vese obrigado a pagar integramente o seu custo. >
Varios xermes poden causa-la meninxite bacteriana: os máis habituais son o meningococo ou Neisseria meningitidis, o pneumococo ou Streptococus pneumoniae, e o Hemophilus Influenza. Tamén outros xermes poden produci-la meninxite, pero o único responsable dos brotes epidémicos é o meningococo.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI