Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

SOS das especies: 5.205 especies animais, a piques de desaparecer

Aínda que a lei do máis forte é un proceso natural de selección, a intervención humana aumentou por 50 o ritmo natural de desaparición de especies.

  O 6 de xaneiro do 2000 atopouse morto o derradeiro exemplar de bucardo dos Pirineos. Malia ós esforzos que se fixeron a última hora por usa-la vía xenética para evita-la súa desaparición, significou o final desta especie de cabra montesa, unha das xoias da fauna peninsular. A gabita canaria (ave) seguiu ós poucos meses a mesma sorte. Estes dous nomes xa deixaron de engrosa-la lista oficial de 278 especies catalogadas en perigo de extinción no noso país e que levan camiño da desaparición. Entre elas destaca a elevada presencia de endemismos das illas, sobre todo nas Canarias, onde se extinguiron especies exclusivas do arquipélago. Pero sen dúbida, a maior preocupación por salvagarda-la fauna española céntrase no lince ibérico, o felino máis ameazado da terra.

A crise mundial da extinción de especies é bastante máis grave do que se pensa. A Unión Mundial para a Natureza (UICN), a maior organización do mundo dedicada á conservación da natureza, publica periodicamente o que se coñece como a Lista Vermella de Especies Ameazadas. A última, datada en setembro do 2000, determinou que un total de 5.205 especies animais (200 máis ca no estudio anterior) se enfrontan cun alto risco de extinción nun futuro próximo, en case tódolos casos como resultado da actividade humana. Desde a última avaliación realizada en 1996, os primates en perigo crítico de extinción aumentaron de 13 a 19, e o número de especies de albatros ameazadas aumentou de 3 a 16 debido á pesca de altura.

A Lista Vermella

O sistema da Lista Vermella da UICN aplica criterios científicos para clasifica-las especies e determinalas como ameazadas, en perigo crítico, en perigo ou vulnerable. Se ben a porcentaxe total dos mamíferos e aves ameazados non sufriu un cambio significativo nos últimos 5 anos, o paso dalgunhas especies a categorías de maior risco ilustra o imparable empeoramento do problema. A lista de 1996 incluía 169 mamíferos en perigo crítico e 315 en perigo; a análise do 2000 inclúe 180 mamíferos en perigo crítico e 340 en perigo. A magnitude do problema percíbese máis doadamente traducida a cifras: unha de cada catro especies de mamíferos e unha de cada oito especies de aves están en perigo de extinción.

Para frear esta tendencia, a IUCN solicita que os gobernos multipliquen por 100 os seus investimentos ambientais. A influencia do home nesta destrucción resulta determinante, xa que aínda que a lei do máis forte é un proceso natural de selección de especies, estímase que o ritmo de desaparición de especies é 50 veces maior có natural debido á intervención humana, xa que á acción humana se achaca directamente a extinción de 816 especies nos últimos 500 anos. A listaxe amosa só a punta do iceberg e expertos de todo o mundo advertiron de que nas primeiras décadas deste século se extinguirán moitas criaturas marabillosas, non sendo que aumentemos significativamente os niveis de apoio, participación e compromiso coa conservación.

Problema mundial

Aínda que os estragos máis rechamantes acontecen en zonas tropicais do planeta, onde a biodiversidade é máis rica, a fauna e a flora europea non escapan do enorme impacto que a alteración ou destrucción do hábitat ten sobre o seu ecosistema. Así, en España quedan menos de 600 linces ibéricos -o felino máis ameazado do mundo-, 70 osos pardos, uns 30 machos de guión de paspallás, a foca monxe considérase extinguida e descoñécese a poboación exacta doutras especies, todas ameazadas a nivel europeo. O mexillón de auga doce, por exemplo, un molusco presente nas correntes de auga do Pirineo occidental e indicador da calidade da auga doce, sufriu unha drástica diminución nos últimos anos. Outras especies, como o guión de paspallás ou a fritilaria (planta dos pantanos), diminuíron a causa das prácticas de agricultura intensiva.

Lince ibérico, o felino máis ameazado do mundo

A poboación de lince ibérico viuse reducida á metade nos últimos 10 anos, debido á persecución sufrida por parte do home, á perda do hábitat e ó descenso das poboacións de coello, base da súa alimentación. Estímase que quedan uns 600 exemplares, principalmente en España, onde só dous grupos son grandes abondo como para ofreceren perspectiva de viabilidade da especie a longo prazo. Algunha vez disperso por toda a península ibérica, o lince perdeu terreo ante a agricultura e a urbanización. A misomatose, enfermidade introducida para reduci-la poboación de coellos, principal fonte de alimentación do lince, tamén levou a unha diminución dramática das súas poboacións. Non obstante, aínda que xa non se caza, moitos linces morren por feridas causadas por trampas para coellos, e outros, ó cruzaren os camiños. Este felino está protexido legalmente e atópase nalgunhas reservas, onde se toman medidas para aumenta-la poboación de coellos e se realizan esforzos para cria-lo lince en cativerio, pensando na súa posible reintroducción.

Londras: aumenta o número de exemplares

Un exemplo de salvación, ou cando menos de esperanza de futuro gracias á intervención correctora do home, é a londra, un mamífero semiacuático que habita en ríos, regatos e zonas húmidas, e tamén na beira do mar. A recuperación das súas poboacións débese principalmente á diminución dos niveis de contaminación dunha parte dos ríos. Sen embargo, malia a esta relativa melloría, actualmente faltan da metade dos lugares nos que vivían a mediados de século. Estímase que a súa poboación podería oscilar entre os 4.000 e 6.000 exemplares. Trátase dunha especie que ten a súa supervivencia ameazada en toda Europa por distintas causas, desde a destrucción ou transformación do hábitat, o furtivismo, a contaminación, ata a diminución de encoros ou o uso de artes de pesca non selectivos.

¿Que podemos facer polas especies en perigo de extinción?

  • Interiorizar comportamentos e mesmo máximas que nos leven a non adquirir cremas de aceite de balea, abrigos de pel de tigre, puma, londra ou raposo branco. O mesmo cos zapatos, cintos, bolsos e carteiras de pel de serpe, iguana ou cervo.
  • Non consumir alimentos procedentes de especies protexidas (camaróns, paxariños ou ancas de ra) e denunciar ante as autoridades gobernamentais ou locais os establecementos que ofrecen estes alimentos.
  • Cazar pequenas aves como meixengras, ferreiriños azuis ou abelleiros, ou pimpíns priva o ecosistema dos seus insecticidas naturais e do equilibrio ecolóxico: as augas perden o efecto praguicida dos animais que comen larvas e adultos de insectos tan daniños como os mosquitos, tabáns, as pragas dos cultivos e do gando, etc.
  • Esforzarse na educación. Moitos nenos e algúns que din amaren a natureza recollen anfibios (píntegas, ras), réptiles (lagartos), insectos (bolboretas, escaravellos), crustáceos (cangrexos de río), etc., sen saberen -e mesmo sen importarlles- que algúns destes animais corren serio perigo de desapareceren. En España o 90% dos anfibios e réptiles están en perigo de extinción, e o mesmo lles acontece a case a metade dos insectos e a outros invertebrados.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto