Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

A envexa: A referencia somos nós, non os demais

Cando estamos enfermos envexámo-los que teñen saúde, cando a nosa parella fai augas fixámonos nas que funcionan coma o primeiro día e cando padecemos problemas económicos envexámo-los que nadan na abundancia. E cando avellentamos envexámo-los mozos, e cando estamos tristes os que sempre levan un sorriso.

  En fin... tendemos a valorar nos demais aquelo que a nós nos falta, pero case nunca nos poñemos a pensar en todo o que temos. Sermos realistas e confeccionarmos mentalmente un cadro-diagnóstico certeiro da nosa situación pode axudarnos a non nos converter en víctimas do catastrofismo ou da euforia. O benestar emocional consiste no equilibrio ó que conduce coñecer e asumir con serenidade e bo humor o que somos (e temos) e o que aspiramos a ser (e ter). A envexa máis perniciosa é a que sentimos do irmán, do amigo, do compañeiro de estudios ou de traballo, e do veciño do lado, non a que nos xera o éxito, o modus vivendi e o recoñecemento social da modelo ou artista de cine, o arquitecto, a empresaria, o futbolista ou o intelectual. E isto porque sabemos que quen temos preto non é forzosamente máis listo nin mellor profesional ca nós, simplemente aproveitou mellor as súas oportunidades. Non se trata de sermos conformistas e abandonarmos calquera postura ambiciosa, senón de sermos consecuentes e elaborarmos unha valoración global sobre o que somos e o que aspiramos a ser. E todo iso non con base en comparacións, senón partindo das nosas propias percepcións, sentimentos e perspectivas de futuro.

O peor da envexa é que vai acompañada dunha frustrante impresión de que a vida pasa sen vivila, inmersa na monotonía ou nun devir insatisfactorio carente de retos atraentes. Vemos outras persoas felices e isto acentúa a negativa percepción da nosa vida e de nós mesmos. A miúdo esta disposición de ánimo condúcenos a evitármo-los contactos sociais, achéganos ó fracaso e produce esa inseguridade tan característica que disfrazamos de apatía, conformismo e negatividade.

A intelixencia emocional tórnase imprescindible para atinarmos no diagnóstico da nosa situación na vida e para darmos co paquete de medidas que nos axude a superármo-lo estadio da envexa e a articulármo-las estratexias que nos acheguen ás metas previstas. Ollarmos ó exterior e comparármonos con quen admiramos ou envexamos pode ser un bo estímulo ("¿por que eu non podo facelo?") sempre que o fagamos positivamente (non cun espírito de simple emulación) extraendo do éxito alleo conclusións adaptables á nosa maneira de ser, ás nosas capacidades e ás nosas circunstancias persoais.

Harry Stack Sullivan definiu a envexa como "un sentimento de aguda incomodidade, determinada polo descubrimento de que outro posúe algo que nós coidamos que deberiamos ter". O discurso do envexoso é repetitivo, monocorde e compulsivo no tocante ó que envexa e a con quén compite.

Pendente do que teñen os demais, evita recoñece-lo que ten e nada ou pouco fai para tirarlle partido. A súa vida non xira sobre a súa realidade, senón sobre o que desexa acadar e, en definitiva, sobre o que bota en falta. A insatisfacción, a frustración e a carraxe domínano e fan que a súa vida lle resulte pouco grata.

¿Ten efectos secundarios a envexa?

A envexa aguda pode crear ansiedade, trastorno do apetito e do sono e diversas alteracións. Incide tamén na actitude cara á vida, moldeando unhas formas de estar en relación cos outros que van desde converterse en eterna víctima ata a adopción dunha postura defensiva que se traduce en modos irónicos, fachendosos, fríos e distantes e mesmo de menosprezo cara ós demais. Os afectados colocan o obxecto das súas envexas nunha posición de superioridade, a unha distancia inalcanzable e sofren impotencia, desánimo e complexo de inferioridade, xunto con sentimentos de rabia e ira, que o manterán dependente da persoa coa que compite. En ocasións, a envexa non se manifesta cara a persoas do noso contorno nin sequera cara a individuos concretos que coñecemos polos medios de comunicación, senón cara a estereotipos creados pola publicidade, a moda, o cine, as series de TV... A estima social que merecen estes heroes da ficción provoca a envexa de quen se sente pouco valorado, que perde a súa capacidade de análise e de decatarse de que non envexa as virtudes ou capacidades dese modelo de persoa senón o recoñecemento social e os honores que recibe.

Coñecérmonos ben, potenciar e traballármo-las nosas calidades e sermos conscientes das nosas limitacións é o mellor comezo para progresar. Unha actuación exclusivamente competitiva xera unha dependencia unidireccional cara á persoa envexada. O envexoso gárdase moi ben, mesmo interiormente, de recoñecer que padece envexa. Poucas cousas feren e descualifican máis que dicirlle a alguén: "Ti o que tes é envexa". Pero, ¿por que nega sempre o envexoso a súa envexa? Porque denota un sentimento de inferioridade que non admite, porque se sente incapaz de recoñecer unhas limitacións que interpreta como signos de debilidade, porque non pode aceptar que a súa infelicidade non se debe a todo aquelo do que carece senón a que non sabe valora-lo que ten, e porque, pendente da vida dos demais, non deixa unha ocasión para asumi-la súa propia, coa que non quere comprometerse por non asumi-las súas responsabilidades. Pero non criminalicémo-lo envexoso "pata negra". No fondo, case todos sentimos envexa de algo ou alguén nalgún momento da nosa vida. É esa especie de sufrimento (normalmente, secreto) que nos produce o éxito alleo. Debemos acepta-la envexa como un sentimento humano máis, que só nos debe preocupar cando deriva en patoloxía e prexudica o noso equilibrio emocional. En casos extremos de sufrimento, de celos patolóxicos, convén acudir a un psicólogo.

Combate-la envexa leve

O mellor para facerlle fronte á envexa é non vivir pendentes do que non temos. Practiquémo-la contemplación no seu sentido máis fondo, o deleite polo que se ten, o redescubrimento gozoso do que nos arrodea: as persoas que queremos, a fauna e a flora, as paisaxes, os pequenos obxectos entrañables ou os que nos fan máis cómoda a vida. Tamén nos podemos convencer de que, normalmente, nada perdemos cando a outros lles van magnificamente as cousas. Ou decatarnos de que compararse cos demais case sempre resulta estéril. O noso mellor punto de referencia somos nós mesmos. Establezamos metas en función das nosas posibilidades, non do que outros conseguiron. Podemos considerar que superámo-la envexa cando nos aledamos do éxito ou a boa sorte dos demais.

Para previ-la envexa, é bo:

  • Estimula-la empatía, a capacidade de poñérmonos no lugar doutro.
  • Favorece-la confianza en un mesmo e nos demais, desenvolvendo expectativas e modelos positivos sobre as relacións sociais.
  • Establecer na infancia relacións correctas e equilibradas cos demais nenos.
  • Relativiza-las diferencias sociais e adquirir habilidades para elixir adecuadamente con quén, cómo e cándo compararse.
  • Valorar correctamente a nosa capacidade, sen infravalorarnos nin sobrevalorarnos.
  • Colaborar (tanto darlles ós demais coma solicitar axuda) é un bo medio para dotarnos da pericia que require resolve-los conflictos que causan envexa.
  • Afacerse a centra-la atención nos aspectos máis positivos da realidade, non sempre nos negativos.
  • Relativiza-lo éxito propio. E, se é posible, tomalo mesmo un pouco en broma.
  • Interpreta-lo noso progreso persoal mediante a comparación coas nosas competencias e habilidades, non coas doutros.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto