Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Anxos Rodicio, correspondente de TVE en Xerusalén: "O xornalista debe estar onde suceden os acontecementos e non contalos desde un despacho"

  A Anxos Rodicio (galega de Ourense) non lle gusta conceder entrevistas, normalmente é ela a que pregunta e busca a noticia polos vellos muros e explanadas de Xerusalén, que despois conxela e transmite nos sucesivos Telexornais de TVE. Nesta ocasión accede a falar con CONSUMER, facendo un oco nunha axenda na que non hai horas preestablecidas a causa da sucesión de acontecementos no Oriente Próximo. Anxos Rodicio lanzouse a unha correspondencia de guerra buscando retos e triunfos, dando a cambio un gran sacrificio persoal e convivindo coa difícil harmonía de ser un mesmo na soidade. É xornalista de vocación, titulada na facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid e formada en numerosos medios da capital, entre eles a norteamericana CNN e a BBC, pero tamén catou o xornalismo de provincias na Rexión de Murcia, o Faro de Vigo e a Voz de Galicia. En 1989 comezou a súa relación con TVE, sempre na sección de Internacional. A Guerra do Golfo en 1991 permitiulle vira-la súa vida cara a un camiño descoñecido pero devecido, foi unha dos poucos xornalistas que estivo transmitindo desde Bagdad, debaixo das bombas. Sen calcular a ónde a conduciría aquel paso, atinou. Sinte que está facendo as cousas ben, e que tivo que se enfrontar ás reticencias dos que son a súa fonte de información, pero tamén ós seus compañeiros: "Hai anos paguei un prezo moi alto por intentar introducirme, en plan profesional e sen ir de prima donna, nun mundo masculino, de tribo pata negra". Isto no canto de amedrentala confirmou a súa intuición: servía para conta-la guerra desde alí onde acontecese. E así o fixo en Iraq, despois en Saraievo e agora en Xerusalén, desde onde nos fala.

Cando se leva moito tempo implicada profesionalmente, e se supón que tamén emocionalmente, nun conflicto da gravidade e dimensións do palestino, ¿é posible manterse á marxe e non tomar partido por algunha das dúas partes en litixio?

Unha das premisas para facer xornalismo, calquera tipo de xornalismo, é manter sempre unha distancia. Aínda que eu levo máis de 10 anos somerxida profesionalmente neste conflicto, son fiel, ou cando menos procuro selo, a un principio básico: facer un exercicio de humildade constante, e por iso, ó igual que cando te ergues pola mañá ábre-los ollos por primeira vez, telos que abrir do mesmo xeito con cada historia que narras, con cada crónica que escribes. Isto significa limitarse a estar no lugar adecuado e despois simplemente conta-lo que viches. As conclusións desta noticia son propiedade do espectador ou de quen quere interpretar esa realidade que ti só contas. En resumo, que hai que ter humildade e respecto a tódalas partes.

¿Cal foi a noticia que máis lle doeu dar?

Desgraciadamente, hai moitísimas, parece que unha boa noticia non é noticia, e daquela acabas contando só as cousas malas, que son as que van entrar nos noticiarios. Tódolos días conto malas noticias. Un conflicto como o árabe-israelí parte dun fracaso de comunicación, e ó final o que caracteriza ós homes, o que nos distingue dos animais, é precisamente o poder de nos comunicar, e non facelo é volver a un estadio anterior. Cada vez que escribo crónicas sobre violencia sinto que se perdeu de novo un pouco da nosa civilización. Se tivese que salientar algunha... (suspira, pensa un intre e dubida), en realidade non podo salientar ningunha. Sinceramente, hai tantas...

¿Ata que estremo cambiou o traballo do correspondente de guerra coa irrupción das novas tecnoloxías?

Hoxe mesmo lía unhas declaracións do xefe de espionaxe ruso (KGB) nas que dicía que un dos fracasos que deixou ó descuberto o ataque sobre Nova York o 11 de setembro era precisamente que os estadounidenses, e a CIA en particular, centraron todo o seu esforzo nas tecnoloxías, e estas poden explica-lo que aconteceu, ata o poden transmitir en directo, pero non poden preve-lo que vai pasar, ese é un labor do ser humano. Limitámonos á xeneralidade, e esquecémonos do particular e nin sequera sumamos esas particularidades, deshumanizámo-lo noso mundo. Deberiamos pensar en recupera-la categoría humana. Nada de crear ou face-la guerra das galaxias, a busca de solucións é moi antiga: a comunicación.

E vostede decidiu comunicar desde as guerras. ¿Como chegou a querer ser enviada especial?

Pregúntanmo moitas veces e teño a sensación de que desilusiono coas miñas respostas. O meu posto actual provén dunha ligazón de diversas circunstancias. Cando estudiaba, os meus amigos dicíanme que me dedicase a escribir para xornais, sobre cousas de cultura, porque era moi puntillosa, e caíanme ben eses temas. É máis, comentábanme que non me vían nunha vida dura, porque coidaban que eu era moi fina, pero agora son eles os que viven en despachos estupendos, e eu quen se busca a vida e dorme en xergóns. Faime gracia. O meu plan, ó comezo, era probar tódolos medios e despois decidir. Escribín en xornais, traballei en radios e cheguei á televisión. Estoupou a guerra do Golfo e tiven a oportunidade de ir alí, e polo camiño fun descubrindo que podía mante-la calma nos momentos máis duros, que son lúcida cando a xente se torna confusa, que afronto situacións e problemas coa mente fría. Pero todo iso funo descubrindo polo camiño, hai veces que o penso cando algo xa pasou e nin eu mesma podo cre-las miñas reaccións.

¿É quizais o espírito da inconsciencia, da aventura?

Facendo unha vez unha viaxe coa escritora americana Susan Sontag díxome que nesta profesión, neste tipo de traballo, coincidían homes e mulleres que, ou ben son fillos únicos, ou son os primoxénitos. Este é o meu caso, e confirmei que se repite en moitos compañeiros. É un traballo de xente que está afeita a propoñerse metas, a lanzarse retos a un mesmo. Desde logo, se non es capaz de estar soa, non podes facelo. Cando hai que decidir en dous minutos se tes que ir á esquerda ou á dereita, precísase unha gran confianza nunha mesma, ou experiencia en ter tomado moitas decisións na vida.

¿E como decide un colocarse no outro lado da liña, como fixo en Bagdad durante as noites da Tormenta do Deserto?

É o sentido do deber, o querer face-las cousas ben e con certa dose de perfeccionismo. Ser perfeccionista sendo xastre é cortar ben os traxes, selo neste tipo de traballo é estar onde pasan as cousas e non conta-lo que acontece mediante segundas ou terceiras persoas. Se estás no lugar do feito velo en directo e é entón cando o podes contar. A miña presencia na Guerra do Golfo foi unha decisión persoal, conseguirámo-los visados e o día anterior a viaxar a Bagdad o director de informativos de TVE deixoume claro que era unha opción persoal, que se non quería ir non pasaba nada. Pero non tiven dúbida. Fixemos unha xuntanza os 20 xornalistas que tiñámo-lo visado, curiosamente eu era a única muller, e lembro que falabamos do perigoso que era ir a Bagdad, a guerra xa levaba 10 días e os bombardeos eran constantes. Cando me preguntaron qué pensaba, expuxen que se tiñámo-lo visado non debiamos dubidar máis. Lembro que un compañeiro inglés, que morreu despois nun dos golpes militares de Moscova, dixo "alégrome de que haxa aquí alguén con bólas". É o sentido do deber, perfeccionismo e, claro, algo de vocación, o que che fai colocar esas decisións en primeiro lugar, que ó mellor para outros non ocupan ese espacio. Pero é tamén unha especie de verme interior que te move, que te leva ó lugar dos feitos e te empuxa ata o final.

¿Como é un día corrente dunha correspondente de guerra, en Xerusalén neste caso?

Vou á compra un par de veces ó mes, se me lembro, xa que a vida doméstica resólvela como podes. Érgome pola mañá, leo a prensa, vexo as canles internacionais para saber cómo está o mundo, cómo vai a cousa. Bótolles unha ollada ás flores. Leo. Eu leo moitísimo, é fundamental para facer este traballo. Despois voume achegando ó local da correspondencia e no camiño aproveito para falar coa xente da rúa, coas persoas da miña cidade. Despois, os acontecementos desencadéanse coa velocidade do lóstrego. Por exemplo, onte (a entrevista realizouse o 5 de outubro), quén ía supoñer que un avión ía ser derrubado sobre o Mar Negro. Vaia, que non sei se é que desenvolves outro sentido, pero onte erguinme co convencemento de que ía pasar algo. Ó final podes explicar e informar do que aconteceu, pero traballando limítaste a ve-lo que tes diante, e face-lo exercicio constante de rigor e humildade para conta-lo que viches hoxe.

Dá a impresión de que, agora que temos ó noso alcance canles informativas de case todo o mundo, as novas que lle chegan ó espectador occidental son as mesmas independentemente da canle que escoite. ¿Onde está o filtro, se é que existe? Ou dito doutro xeito, ¿onde se percibe a peculiaridade de cada medio de comunicación?

A clave é que o xornalista estea onde acontecen os feitos. Despois usa as súas fontes máis ou menos institucionais e, posteriormente, fala coas testemuñas do que pasa e se logra que se sintan cómodos, mellor. Isto é fundamental para dar unha boa información porque se vas ó lugar onde aconteceu algo e falas coa xente, a escoitas e te convertes nunha esponxa, logras informarte de todo. O meu traballo remata cando chega a crónica a España. Eu chamo a Madrid para preguntar se chegou e se é así, rematou o meu cometido. A min gústame máis escribir, pero a televisión ten unha cousa boa e é que che poden cortar pero nunca engadir nada, e iso dáche a tranquilidade de que nunca poderán pór na túa boca algo que non dixeras.

Falar coa xente... ¿como son as persoas aí, en Oriente Próximo?

Este é un ambiente agresivo, neurótico, no que os cidadáns agardan que estoupe a bomba ó cruzar calquera esquina e iso nótase nas persoas, que saltan á mínima, a susceptibilidade está na flor da pel. Nótase ata nos xestos das persoas cando camiñan pola rúa.

Esa inseguridade transmitiráselle tamén ó xornalista. ¿Hai algunha garantía de seguridade para o xornalista, cámara ou fotógrafo?

O feito de estar traballando non te protexe de nada, procuras evita-lo perigo, pero o perigo está aí.

A circunstancia de ser muller nun país cunha cultura en parte musulmana, ¿engádelle dificultades ó seu traballo cotián?

Nunca tiven ningún problema. Si é certo que nos lugares de traballo, que non na cidadanía, hai bastantes prexuízos e tes que demostrar que non hai ningunha diferencia entre o home e a muller aínda que haxa que traballar cinco veces máis para acada-lo mesmo. Pero estamos abrindo camiño. Hai anos paguei un prezo moi alto por intentar introducirme, en plan profesional e sen ir de prima donna, nun mundo masculino, de tribo pata negra. Espero que isto servise para que ás mozas que veñan detrás lles resulte máis doado. Se hai unha soa delas á que a miña maneira de traballar lle servise para algo considerareime recompensada polos meus comezos difíciles.

O sentido do tempo e da rutina profesional, a identidade de consumidor de productos e servicios, os problemas específicos da muller, ¿ata que punto pasan a segunda orde cando se traballa a cotío contra o reloxo e nun contorno tan tenso e perigoso?

Pérdese o sentido completamente e confórmaste co básico. Do 92 ó 96, cando a guerra de Bosnia, vivía en Budapest, e pasaba meses e meses en Saraievo e lembro que nunha ocasión volvín a Madrid, metinme nun centro comercial, e ós dez segundos tiven que saír. Doíame fisicamente, sentinme fatal, había unha avalancha tal de ofertas que non o puiden aturar.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto