Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Nutritivos, sabedores, enerxéticos, con moita graxa e indixestos.Esta é a imaxe, tan tópica coma atinada, que temos das améndoas, abelás, cacahuetes, noces, dátiles, castañas, pistachos..., sobre os froitos secos que este outono se recollerán nos nosos campos e fragas. As froitas desecadas (ameixas, uvas pasas, figos, pelas secas de pexego ou albaricoque) pouco ou nada teñen que ver cos froitos secos. Comparten con eles o elevado poder calórico, pero a súa composición nutritiva (graxa, azucre, proteínas, fibra...) é moi distinta.
Ambos constitúen un complemento idóneo da nosa dieta, e resultan particularmente apropiados cando facemos deporte de longa duración ou esforzos físicos intensos. Pero tanto uns coma outros están desaconsellados para quen segue unha dieta baixa en calorías ou sofre problemas dixestivos. E as froitas desecadas deben ser evitadas polos diabéticos e nalgúns casos poden causar alerxias en quen as consume.
Os froitos secos son sementes pobres en auga e ricas en graxa (é o caso dos oleaxinosos: noz, anacardio, améndoa, abelá, pebidas de xirasol, cacahuete...) ou nun hidrato de carbono complexo, a fécula (é o caso de landras e castañas).
Durante a desecación da froita fresca, o seu contido en auga redúcese, o que dá lugar á concentración dos nutrientes. O valor calórico das froitas desecadas é elevado (desde as 163 calorías cada cen gramos das ameixas secas ás 235 calorías das pelas secas de albaricoque) pola súa abundancia (50%-60%) en hidratos de carbono simples. Son boa fonte de potasio, calcio, ferro e de provitamina A, tiamina ou B1, e niacina ou B3, aínda que o emprego de compostos xofrados na desecación destrúe a vitamina B1. O seu contido en fibra soluble confírelles propiedades laxantes e permite que a liberación do azucre no sangue se realice gradualmente, proporcionando enerxía dun xeito constante e evitando que os niveis de glicosa no sangue aumenten de súpeto. A ameixa e os dátiles desecados, pola súa gran cantidade de fibra insoluble (celulosa), son moi eficaces para trata-lo estrinximento. Esta fibra contribúe tamén a reduci-la taxa de colesterol.
Máis da metade do contido dos froitos secos son lípidos (graxas) con predominio dos saudables ácidos graxos insaturados: ácido oleico (en maior cantidade nas améndoas e abelás) e ácido olinoleico (abundante nos cacahuetes e noces). A excepción é o coco, no que son maioritarias as graxas saturadas. Os froitos secos son ricos en ácidos graxos esenciais, que o organismo humano é incapaz de sintetizar e que resultan imprescindibles para a formación de membranas celulares, particularmente nas células nerviosas. O contido mineral dos froitos secos é superior ó do resto de froitas, e destacan en magnesio, fósforo, potasio, calcio e ferro, e oligoelementos como cinc e selenio (ambos, con acción antioxidante). No tocante ás vitaminas, carecen en xeral de vitamina C, pero son ricos en B1 ou tiamina, niacina ou B3, e folatos. E constitúen unha das fontes vexetais máis abundantes en vitamina E. Pero parte da vitamina B1 e da E se destrúen no proceso de torrado. Achegan proteínas (améndoas, cacahuetes e pebidas de xirasol, máis do 20%) e fibra en cantidades considerables, o que favorece a mobilidade intestinal e combate o estrinximento.
O seu gran contido de graxas prolonga o tempo de dixestión dos froitos secos e pode provocar diarreas se o consumo é importante. Tanto froitos secos coma froitas desecadas esixen unha boa mastigación e sempre poden resultar indixestos se se padecen problemas dixestivos. Para aumenta-la súa dixestibilidade, convén comelos crus ou pouco torrados (non frixidos), non inxerir máis de 50 gramos, e mastigalos ben.
É preciso evita-las froitas desecadas, pola súa elevada achega de azucres, se se ten diabete. E se se comen a miúdo favorecen a aparición de caries dental. Recoméndase, polo tanto, cepilla-los dentes inmediatamente despois do consumo de froitas desecadas. Outro posible inconveniente das froitas desecadas industrialmente e tratadas con derivados sulfurados é que estes compostos poden causar reaccións alérxicas en persoas sensibles.
A dieta que incorpora froitos secos en xeral e noces en particular pode exercer un efecto preventivo das enfermidades cardiovasculares. Cacahuetes salgados, pebidas salgadas e coco non son beneficiosos ante estas patoloxías. O consumo habitual e moderado de froitos secos reduce os niveis de colesterol LDL (colesterol malo), aumenta o colesterol HDL (beneficioso) e protexe fronte ó desenvolvemento de arteriosclerose. Coa finalidade de que o seu consumo non desequilibre a achega calórica, é conveniente un asesoramento dietético, xa que este beneficio é maior se se incorporan os froitos secos a unha dieta equilibrada como substituto de alimentos ricos en graxas saturadas: manteiga, lácteos enteiros, embutidos e productos de bolería.
Pola súa riqueza en proteínas de alto valor biolóxico, os froitos secos deben formar parte da dieta vexetariana, pois ben combinados con outros alimentos (lácteos, cereais ou legumes), constitúen unha das principais fontes deste nutriente. Non obstante, os froitos secos, e particularmente os cacahuetes, poden producir alerxias; e debido ó seu gran contido en graxa, as persoas con problemas na vesícula biliar e no páncreas ou con dificultade para a absorción de graxa, non deben consumir con frecuencia os froitos secos máis graxos, como noces (59% de graxa), abelás (54%), améndoas (53%) e pistachos (52%). Os menos graxos, e os únicos que baixan do 40% de lípidos, son as castañas (2%) e os dátiles (0,2%).
Para acadar unha perfecta conservación, é preciso gardalos en frascos de cristal ben pechados e nun lugar fresco, seco e protexido da luz e dos insectos. Non se deben conservar en bolsas de plástico, xa que acabarían collendo balor. É preferible merca-los froitos secos en pequenas cantidades e coa súa propia casca, pois manteñen mellor as súas propiedades nutritivas e se conservan durante máis tempo cós estonados. Cando máis sabedores son é agora, no outono e comezos do inverno. Evitémo-los que teñen balor na casca ou na semente. A aflatoxina (toxina producida por un fungo), que foi descuberta no cacahuete, pode prexudica-la saúde.
| FROITAS DESECADAS | Valor enerxético (Kcal) | Hidratos de carbono (g) | Lípidos (g) | Proteínas (g) |
|---|---|---|---|---|
| Albaricoque seco (pelas secas) | 234,38 | 55,7 | 0,7 | 4,8 |
| Ameixas secas | 163,20 | 40,0 | 0,4 | 2,4 |
| Figos secos | 227,18 | 52,9 | 1,6 | 3,6 |
| Pexegos secos (pelas secas) | 219,55 | 53,0 | 0,8 | 3,4 |
| Uvas pasas | 263,88 | 66,5 | 0,5 | 2,5 |
| FROITOS SECOS | Valor enexético (Kcal) | Hidratos de carbono (g) | Lípidos (g) | Proteínas (g) |
|---|---|---|---|---|
| Améndoas | 574,63 | 3,5 | 53,5 | 20,0 |
| Abelás | 565,88 | 5,3 | 54,4 | 14,1 |
| Cacahuetes | 580,88 | 8,5 | 49,0 | 27,0 |
| Noces | 602,0 | 4,0 | 59,0 | 14,0 |
| Pepidas de xirasol | 548,0 | 20,0 | 43,0 | 21,5 |
| Pistachos | 593,69 | 15,66 | 51,6 | 17,64 |
| Castañas | 165,05 | 36,6 | 2,2 | 2,0 |
| Dátiles secos | 227,13 | 57,1 | 0,2 | 2,8 |
Fonte: Táboa de composición de alimentos españois. José Mataix Verdú, Mariano Mañas Almendros (eds.), 1998.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI