Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Amais de alteraren a vida en parella, a apnea vai acompañada doutros síntomas que entrañan riscos para quen a padece e para os que o arrodean
Roncar foi ata hai poucos anos motivo de bromas, chistes e, por riba de todo, un incordio para quen debía atura-lo roncador/a. Pero cando se descubriu que os ronquidos non resultan tan inofensivos e que poden agochar unha patoloxía considerada como un dos problemas de saúde pública máis importantes, deixaron de seren obxecto de mofa. A enfermidade á que nos referimos é a Apnea Obstructiva do Sono, un síndrome que se debe á aparición, durante o sono, de episodios intermitentes e recorrentes de oclusión das vías aéreas superiores. A apnea ten unha alta prevalencia entre a poboación adulta: entre un 4-6% de homes e un 2% de mulleres sofren este síndrome. Estímase que en España hai entre 1,5 e 2 millóns de persoas afectadas.
Durante o sono os músculos están moi relaxados e pérdese, en parte, a coordinación motora que normalmente existe entre os músculos respiratorios, sobre todo entre o diafragma e os farínxeos. Con iso, a parte superior da farinxe colápsase, xa que é o único tramo das vías respiratorias que non posúe unha estructura cartilaxinosa que impida o colapso. Cando isto se produce, a respiración cesa durante uns segundos. Tódalas persoas padecen durante o sono episodios de apnea de moi curta duración, de 2-3 segundos. Agora ben, cando se producen ronquidos violentos, ruidosos e a apnea dura máis de 10 segundos, atopámonos probablemente ante un SAOS (Síndrome de Apnea Obstructiva do Sono). O ronquido prodúcese pola vibración ocasionada polo paso do aire nas partes brandas dunha vía aérea estreitada e é o síntoma máis común nos afectados por esta enfermidade. Sen embargo, non tódalas persoas que roncan padecen SAOS. O ronquido obsérvase nun 10-30% das mulleres e ata nun 50-60% dos homes, pero só un 5-10% destes casos se asocian ó SAOS.
Son máis propensos a padecela os obesos e quen sofre alteracións anatómicas ou funcionais da vía aérea superior (desviación do tabique nasal, hipertrofia de cornetes, hipertrofia amigdalar ou do veo do padal, hipertrofia das adenoides, etc.). A trascendencia desta afección é enorme porque, amais de alterar nalgúns casos a vida en parella e mesmo a familiar, acompáñase doutros síntomas que entrañan riscos para quen padece a afección e para quen o rodea. Non tódolos ronquidos se deben á apnea, en moitas ocasións orixínaos unha roncopatía crónica benigna. Así e todo, as persoas que roncan moito e de xeito violento poden acabar desenvolvendo apneas e presentando outros trastornos que se asocian ó SAOS, polo que o diagnóstico precoz resulta fundamental, e tratalos axeitadamente supón sandar practicamente no 100% dos casos.
Durante a apnea a respiración cesa. O sangue non capta osíxeno e vaise desaturando deste, polo que os músculos respiratorios aumentan os movementos torácicos e abdominais para venceren a obstrucción. A apnea remata cun ronquido estertoroso acompañado de movementos e sacudidas, o que provoca un microespertar tralo cal se reinicia o proceso. Estes microespertares desestructuran o sono, que se torna irregular e fragmentado, e impiden o descanso nocturno fondo e reparador. Co tempo o sangue desatúrase de osíxeno (hipoxemia) e aumenta nela a concentración de gas carbónico (hipercapnia). Como consecuencia de todas estas alteracións aparece somnolencia diurna excesiva: os afectados adormecen en calquera circunstancia orixinando accidentes de tráfico e laborais. Baixo rendemento no traballo, deterioración intelectual, perda de memoria, trastornos da conducta, depresión, irritabilidade... son só algunhas das consecuencias da apnea. Pero, ademais, son habituais entre os afectados a hipertensión arterial e a cardiopatía isquémica, sendo elevado o risco de morte súbita por arritmias malignas.
Normalmente a persoa que convive co afectado é a primeira en detectar esta patoloxía. Os síntomas nocturnos son ronquidos, pausas de apnea prolongadas, espertares bruscos con sensación de asfixia ou sono axitado. Os diurnos, somnolencia excesiva, irritabilidade, ansiedade, depresión, deterioración intelectual, perda da líbido, dores de cabeza matutinos... Cando se dá unha asociación de varios dos síntomas devanditos, especialmente dos nocturnos, hai que sospeitar que se trata dun SAOS e cómpre visita-lo médico. O diagnóstico definitivo realízase nunha unidade neumolóxica mediante un estudio respiratorio nocturno, que rexistra simultaneamente variables neurofisiolóxicas e cardiorrespiratorias.
Resultan esenciais as medidas xerais.
O tratamento específico é actualmente obxecto de investigación.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI