Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Reza un proverbio viquingo que na sauna se evapora ata a ira. E é que este medio de relaxación ofrece incontables vantaxes: desintoxica a pel, purifica o organismo, dilata os bronquios, regula a presión sanguínea, mellora o ritmo cardíaco e circulatorio.
Sen embargo, para tirarlle o máximo proveito e evitar posibles riscos hai que coñecer moi ben o seu funcionamento e se se ten algunha dúbida sobre a conveniencia do seu uso, débese pedir consello médico.
Os característicos baños sauna tómanse en cuartos de madeira (tanto as súas paredes coma os asentos constrúense deste material), que conteñen unha estufa alimentada orixinalmente con leña, hoxe con electricidade. Esta quece pedras, ás que se lles bota auga para xerar vapor, intensifica-la calor e estimula-la transpiración. A calor dilata os vasos capilares da pel para mante-la presión sanguínea, que nun principio tende a diminuír. O ritmo cardíaco aumenta ata multiplicarse por dous e ata por tres. Isto tradúcese nun incremento da circulación na superficie da pel, semellante ó que se orixina cando camiñamos rápido.
Desde o momento no que entramos na sauna, o corpo experimenta unha serie de reaccións. As primeiras son a transpiración e a hidroforese (apertura dos poros da pel). Como consecuencia prodúcese a eliminación de toxinas e unha limpeza da epiderme en profundidade. Despois, a elevada temperatura e o grao de humidade estimulan a rega sanguínea e a rexeneración das células, o que significa que a sauna pode axudar a aliviar varias enfermidades cutáneas e respiratorias. A concentración de calor resulta tamén positiva para o sistema cardiovascular, dado que o corazón, ó adaptarse á vasodilatación, bombea máis forte e polo tanto favorécese a circulación. De igual maneira, as altas temperaturas inflúen nas terminacións nerviosas, provocando un retardo dos impulsos sensitivos que van da pel ó cerebro. Resultado: o individuo experimenta unha relaxación, na que radica o efecto antiestrés da sauna. Para rematar, a combinación de calor cun aceite de acción terapéutica (mentol ou eucalipto), actúa de xeito moi positivo nos bronquios e o sistema respiratorio en xeral.
A sauna pode resultar ser perigosa para quen padece determinadas enfermidades do corazón, xa que suar abundantemente provoca que se concentren tamén os fluídos corporais, polo que o sangue se torna máis denso e isto pode provocar un ataque cardíaco. Por iso, os especialistas recomendan tanto no caso de hipertensión coma nas persoas cardiópatas consultar co médico a conveniencia ou non de acudir a unha sauna. Ademais, hai estudios médicos que advirten de que o abuso das sesións de sauna pode ser nocivo para a vida sexual. Esta conclusión fundaméntase en que o calor dunha sauna pode reducir drasticamente a cantidade e calidade do seme masculino, e no caso das mulleres, ocasionar fortes hemorraxias menstruais e mesmo interrompe-la ovulación. Outro dato moi importante proporciónano estudios realizados nos EEUU, que demostran que os bebés nacidos de mulleres que utilizan a sauna con frecuencia presentan o dobre de probabilidades de padeceren espiña bífida, a consecuencia do excesivo quentamento do útero. Por iso, advírtese de que a muller embarazada non debe acudir á sauna e a que pense quedar embarazada debería limitar cada sesión a 15 minutos entre períodos de arrefriamento.
Unha alternativa á sauna que cada vez recolle máis adeptos é o baño turco. Aínda que os que se poden atopar nestas latitudes raramente coinciden coa fórmula orixinal, que destina un edificio para alberga-lo hamam e o seu sistema de salas de calor dotadas de diferentes temperaturas: a primeira, a 45 graos; a segunda, a 55º e a terceira a 70º, si respectan os catro elementos básicos: a calor seca, a calor húmida, o frío e a masaxe. Estes elementos estimulan e limpan o corpo amais de melloraren a saúde de xeito parecido á sauna, pero non hai dúbida de que o impacto é menor. De novo cómpre previr a aquelas persoas que teñen a tensión alta, algunha enfermidade cardíaca ou un trastorno de circulación, que deberán consultar un médico antes de entrar.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI