Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os correos electrónicos poden cifrarse para que o emisor teña a certeza de que só o receptor accede ó seu contido
Imaxine a situación. Se vostede quixese presentarlle ó seu xefe unha brillante idea que lle puidese interesar á competencia, ¿redactaríalla nunha tarxeta postal que tivese no anverso unha paisaxe de Benidorm? Pois ese é o xeito habitual de proceder co correo electrónico. Case nunca se "pecha o sobre" nas comunicacións dixitais, polo que calquera que estea no percorrido do e-mail e teña unhas nocións mínimas de informática pode lelo sen maior impedimento.
A inseguridade non é unha característica inherente á Internet. A Rede ofrece maneiras de lacrar dixitalmente os envíos e facelos inviolables. É o que se coñece como cifrado ou encriptación. A potencia dos ordenadores actuais e a calidade dos algoritmos desenvolvidos converten nun xoguete as máquinas nazi Enigma que tiveron en xaque ós aliados durante a Segunda Guerra Mundial. O único xeito para desentrañar unha mensaxe cifrada cos métodos actuais consiste na forza bruta: ducias dos supercomputadores máis potentes traballando en común durante anos só poderían desenmascarar unha única mensaxe.
Non obstante, a encriptación tamén ten os seus problemas. Non todo o mundo está disposto a molestarse en cifrar e descifrar cada mensaxe que lle chega. Por iso, os programas de encriptación permiten quedar a medio camiño entre a seguridade total (que polo menos implica que emisor e receptor se poñan de acordo sobre cál dos sistemas empregar) e a alegre despreocupación coa que se remiten na actualidade a maioría de correos. A ese medio camiño está a sinatura dixital. Ó final de cada correo electrónico engádese unha serie de números e letras creadas ad hoc para esa mensaxe en particular. Coa aplicación apropiada, o receptor pode comprobar se o remitente é quen di ser, e, o que aínda é máis importante, se a mensaxe foi manipulada durante o seu traxecto polo ciberespacio.
Cifrar ou asinar dixitalmente as mensaxes non é patrimonio exclusivo de usuarios avanzados. Calquera que dispoña dos titoriais axeitados (Kriptopolis.com dispón de documentación moi práctica) poderá instalar un programa desta índole. Despois, o acto mesmo de encriptar ou asinar un envío limítase a facer clic nun botón da aplicación habitual de correo electrónico.
Por certo, para os máis precavidos está a esteganografía. Na criptografía clásica, o remitente está seguro soamente de que as persoas autorizadas entenden a mensaxe. Sen embargo, o que o emisor non poderá ocultar será que a comunicación tivo lugar. Un exemplo, se atopamos unha carta cifrada de Pedro a Xoán non a poderemos ler, pero si saberemos que Pedro lle dixo algo a Xoán. Ademais, preocupouse de usar un método criptográfico para que ninguén coñecese o contido da comunicación. E iso, hoxe por hoxe, resulta sospeitoso.
Sen embargo, todos estes sistemas suscitan dúbidas razoables. Un xuíz pode decreta-la intervención dun correo ou dunha liña telefónica, pero non hai forma física de descifrar unha mensaxe sen a colaboración do seu propietario. Organizacións de defensa das liberdades civís na Internet, como a Electronic Frontier Foundation, defenden o uso da criptografía argumentando que o feito de prohibi-las técnicas de cifrado só axudará ós criminais, xa que as técnicas están tan estendidas que eles non terán problema en seguir usándoas, mentres que o común dos mortais se verá privado dun dereito básico como a privacidade. En definitiva, trátase da enésima reedición do vello debate sobre o equilibrio entre seguridade e liberdade.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI