Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Economía Doméstica

Λ

Asegura-las motos: O difícil cumprimento dunha obriga

Asegura-los vehículos é unha obriga legal que para os conductores de motocicletas pode converterse nunha desagradable experiencia.

  Se as compañías ofrecen datos sobre a escasa rendibilidade que supón asegura-los turismos, no caso das motos aseguran sufrir perdas incontrolables. Por iso, ante a negativa de numerosas entidades de seguros a asumiren o risco de aseguraren motos ou ciclomotores, ó conductor só lle queda a opción de se dirixir ó Consorcio de Compensación de Seguros. Esta institución está obrigada a aseguralo, xa que se a lei lle permite ó cidadán conducir estes vehículos, debe posibilitar tamén o cumprimento da obriga de contratar unha póliza. Pero ó Consorcio só se pode acudir se se demostra que previamente se obtiveron tres negativas doutras tantas compañías, algo, sen embargo, bastante habitual nestes momentos. De feito, o 95% das primas de ciclomotores era controlado no ano 2000 polo Consorcio. Por iso, non é estraño que o pasado ano as vendas de ciclomotores se visen reducidas nun 50%, coincidindo coa suba das novas tarifas fixadas polo Consorcio, con primas que actualmente sitúan o seguro dunha moto de 49 centímetros cúbicos (cc) de cilindrada en 57.000 pesetas, ata 350 cc, en 62.000 pesetas, e 122.000 pesetas para as motos que superan os 350 cc.

Compañías aseguradoras

Fóra do Consorcio, as dificultades multiplícanse. A maioría das compañías de seguros manteñen a política de non aseguraren, baixo ningún concepto, motocicletas e ciclomotores. Estímase que, no caso de lesións tras un accidente e por mínimo que este sexa, se hai entrada en urxencias a compañía debe facerlle fronte a un gasto mínimo de 98.000 pesetas que a Seguridade Social lle reclamará por atende-lo seu asegurado. E considerando que o chasis da moto é o propio conductor, na maioría dos sinistros de cicloturismos precisarase atención médica.

Nas poucas compañías que si ofrecen seguro de motos, raramente se poderá contratar como prima única: tratarán de que o conductor asine con ela o seguro do coche, vida, vivenda ou calquera outro. Argumentan, de novo, que as perdas que reporta asegurar motos non compensan como para acepta-lo conductor unicamente como cliente desa póliza. Nestes casos, a idade e os anos de carné case non se valoran e, comparativamente, a cilindrada tampouco. A explicación é ben sinxela: aínda que asegurar unha moto de 1.000 cc custa case o dobre ca unha de 49 cc, as estatísticas sinalan que o perigo de accidente é semellante. E, coñecedoras de que o que reporta verdadeiras perdas é a atención clínica dos accidentados, as compañías aplican tarifas nas que se considera máis ese perigo cá cilindrada do vehículo asegurado. Por iso, proporcionalmente, os conductores de pequenos ciclomotores pagan máis.

Pouco máis có seguro obrigatorio

Non sendo nalgúns concesionarios de motos e en casos excepcionais, as pólizas de motos non dispoñen das mesmas opcións que ofrecen as de coches: o seguro a todo risco, con ou sen franquía, non existe para elas. As pólizas básicas de motos suxéitanse ó mínimo marcado pola lei e limítanse a posibilitaren a contratación dun seguro obrigatorio de accidentes. Este contrato cobre os danos que se lles poidan producir co vehículo a terceiras persoas e ós seus bens, cun límite de 56 millóns por cada víctima e ata 16 millóns en danos materiais.

A esta prima cómpre engadi-lo seguro de responsabilidade civil, que se ben non é obrigatorio por lei, as aseguradoras consideran imprescindible. Este seguro resulta moi beneficioso para o tomador, xa que así se garante unha responsabilidade civil ilimitada. Tamén é aconsellable, especialmente para motos de maior cilindrada, engadirlle á póliza a cobertura de asistencia en viaxe e defensa xurídica, co fin de evitar prexuízos en saídas longas e previr gastos legais no caso de accidente. Con estes requisitos, a tarifa final non dista moito da marcada polo Consorcio, e aínda que se poden atopar seguros para ciclomotores a partir de 45.000 pesetas ou pólizas para grandes motos por pouco máis de 100.000 pesetas, as aseguradoras case non compiten en prezos.

Os pais, titulares do seguro

Estímase que un de cada catro ciclomotores que circulan por vilas e cidades carece de seguro obrigatorio. Os usuarios argumentan que a diferencia do importe do seguro dun ciclomotor que non alcanza os 50 quilómetros por hora cunha potente máquina que supera os 200 quilómetros por hora é desproporcionada. Sen embargo, unha vez máis, as compañías inciden en que non se trata de calcula-los gastos que poden devir no vehículo, senón nos seus ocupantes. Tamén é usual que neste tipo de motos de baixa cilindrada o prestameiro do seguro non sexa o conductor habitual; pais e nais convértense en conductores legais dunha moto destinada ós seus fillos. Convén ter presente que no caso de accidente a aseguradora ten dereito a repercutir no titular os gastos ocasionados, aínda que se recoñece que non é habitual. Igual acontece coa obriga de conducir sempre co casco. Aínda que o non cumprimento da norma xera sancións administrativas, as compañías nunca utilizarán este feito na súa descarga.

Seguro de motos de segunda man

Ó vender ou mercar unha moto de segunda man, é preciso lembrar que o seguro non é do vehículo senón da persoa, co que aínda que este cambie de titular, a póliza non. Pode chegarse a un acordo de rateo coa compañía para negocia-la prima, pero non se debe crer que o mercar unha moto se merca tamén a súa póliza.

Hai máis detalles que redundan na dificultade das motos para seren aseguradas. Se un coleccionista de coches antigos pode atopa-la vantaxe de asegurar nunha soa póliza tódolos seus vehículos que, seguramente, só conducirá en contadas ocasións, non poderá face-lo mesmo un coleccionista de motos. Este verase obrigado a contratar pólizas para cada unha delas. De feito, ata hai uns anos era moi usual que un moteiro só requirise un seguro para a tempada de bo tempo, pero a diferencia en asegurar por 6 meses ou un ano completo a moto resulta tan pequena que agora óptase pola prima anual.

Qué acontece se creba a compañía

Cando a aseguradora onde témo-la póliza creba, a Comisión Liquidadora de Entidades Aseguradoras (CLEA) faise cargo da súa xestión ata a súa extinción final. Tras toma-lo patrimonio da compañía a CLEA declarará o vencemento anticipado das pólizas, polo xeral dátase nun mes. A partir de entón, tódolos seguros da compañía vencen e a parte de prima non consumida compútase como crédito a favor dos asegurados, que no prazo de nove meses recibirán o importe. Mentres tanto, é imprescindible contratar un novo seguro con outra empresa; se o seu vehículo estaba no taller non terá máis remedio que aboa-la factura e reclamarlla ó liquidador da creba; no caso de accidente con culpa do vehículo contrario deberá reclamar persoalmente á outra compañía, no caso contrario, a súa póliza só cubrirá o límite de responsabilidade civil; e por suposto, atende-las peticións de documentos que a CLEA lle solicitará durante o proceso de creba.

Cómo actuar ante un accidente

  • Sempre que sexa posible, cubra o parte amigable e asegúrese de que o asinan as dúas partes.
  • Se as causas do accidente non están claras, póñase en contacto con atestados. Se hai que acudir a xuízo a súa parte será determinante.
  • Especifique as circunstancias do sinistro da maneira máis clara posible, dando o maior número de detalles, aínda que puidesen parecer intranscendentes.
  • Se hai testemuñas dispostas a declarar, tome nota dos seus teléfonos e ofreza o seu.
  • Consiga unha copia de tódolos informes médicos e achegue toda a documentación precisa ó forense. Non deixe de darlle importancia a calquera doenza, secuela ou síntoma.
  • Non acepte unha indemnización ata que non se faga a valoración independente dos danos sufridos.
  • Se vostede ten un accidente e non é culpable, non acepte recargas nin perdas de bonificacións nas primas do ano seguinte.
  • Nunca acepte por escrito a culpabilidade do accidente, podería poñer en dificultades á súa compañía.

Relacións deste contido

Descargar esta información en PDF

PDF: Fai clic aquí para Descargar esta información en PDF (69 Kb)

Tamén che interesa

E ademais...

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto