Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Presentes na maioría dos alimentos vexetais, bloquean o efecto prexudicial dos radicais libres
¿Quen non oíu falar de productos como zumes e batidos enriquecidos en vitaminas A, C e E, e mesmo de caramelos que conteñen vitaminas ou dos múltiples beneficios que se obteñen mediante a inclusión de alimentos vexetais na dieta cotiá? Os medios de información insisten nas virtudes de productos alimenticios enriquecidos con vitaminas e os seus posibles beneficios para a saúde, loando o seu papel na loita contra a "oxidación" do organismo, ante certas enfermidades e fronte ó avellentamento. Hoxe, a nutrición e a dietética non só se ocupan dos compoñentes dos alimentos que proporcionan beneficios nutritivos: proteínas, graxas, hidratos de carbono, vitaminas e minerais. Outras substancias, con propiedade antioxidante, exercen tamén un saudable efecto no noso organismo.
Trátase dun grupo de vitaminas, minerais, colorantes naturais e outros compostos de vexetais e encimas (substancias propias do noso organismo que interveñen en múltiples procesos metabólicos), que bloquean o efecto nocivo dos denominados radicais libres. A maioría dos antioxidantes atópase nos alimentos vexetais, o que explica que incluírmos froita, legumes, verduras e hortalizas ou cereais integrais na nosa dieta sexa tan beneficioso.
A respiración en presencia de osíxeno resulta esencial na vida celular do noso organismo, pero como consecuencia da mesma prodúcense unhas moléculas, os radicais libres, que ocasionan ó longo da vida efectos negativos para a saúde pola súa capacidade de alteraren o ADN (os xenes), as proteínas e os lípidos ou graxas. No noso corpo hai células que se anovan continuamente (da pel, do intestino) e outras que non (células do fígado, neuronas...). Cos anos, os radicais libres poden producir unha alteración xenética sobre as primeiras, aumentando así o risco de padecer cancro, e reduci-la funcionalidade das segundas (as células que non se anovan), o que é característico do avellentamento. Hábitos tan comúns como practicar exercicio físico intenso, o tabaquismo, o consumo de dietas ricas en graxas e a sobreexposición ás radiacións solares, así como a contaminación ambiental, aumentan a producción de radicais libres.
Estes últimos anos investigouse cientificamente o papel que xogan os antioxidantes nas patoloxías cardiovasculares, en numerosos tipos de cancro, na Sida e tamén outras directamente asociadas co proceso de avellentamento, como as cataratas ou as alteracións do sistema nervioso. Os estudios céntranse principalmente na vitamina C, vitamina E, betacarotenos, flavonoides, selenio e cinc. A relación entre estes antioxidantes e as enfermidades cardiovasculares e, probablemente, as cerebrovasculares, está hoxe abondo demostrada. Sábese que a modificación do "colesterol malo" (LDL-c) desempeña un papel fundamental tanto na iniciación coma no desenvolvemento da arteriosclerose (engrosamento e dureza anormal das cubertas internas dos vasos sanguíneos debido a un depósito de material graxo, que impide ou dificulta o paso do sangue). Os antioxidantes poden bloquea-los radicais libres que modifican o colesterol malo, reducindo así o risco cardiovascular. Por outra banda, os baixos niveis de antioxidantes poden constituír un factor de risco para certos tipos de cancro.
Aínda que a inxesta de alimentos ricos en antioxidantes diminúe o risco de certas patoloxías, estes non modifican a deterioración normal que comporta a vellez nin permiten que vivamos máis anos. E demostrouse que a suplementación a altas doses con preparados de antioxidantes pode resultar contraproducente. Aínda que se sabe cada día máis sobre os beneficios dos antioxidantes -débese promove-lo seu consumo mediante os alimentos que os conteñen de xeito natural-, é cedo aínda para asegurar se é conveniente ou non a suplementación cotiá, xa que se descoñecen as doses axeitadas. Por iso, o máis correcto é seguirmos unha alimentación variada e equilibrada, na que non falten os vexetais e non abusarmos de suplementos nin de alimentos enriquecidos con antioxidantes.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI