Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Agárdase que a chegada da nova moeda achegue definitivamente a nosa economía á dos 12 países que hoxe configuran a zona euro
O euro, a moeda que a partir do un de xaneiro do ano 2001 entrará definitivamente a formar parte da vida económica e social dos países que constitúen a Unión Monetaria Europea, cambiará, e moito, a actual situación económica de cada país membro.
A menos de tres meses da implantación definitiva do euro, e segundo datos do último Eurobarómetro realizado pola Unión Europea, só o 33% das empresas enquisadas declara que non comezou a adaptación ó euro. Entre os consumidores, segundo a mesma enquisa, aínda existe un notorio descoñecemento das moedas e do seu valor. E é que a pesar das campañas de información desenvolvidas polos gobernos de cada país para facilitaren a implantación do euro, os habitantes de Alemaña, Austria, Bélxica, España, Finlandia, Francia, Grecia, Holanda, Irlanda, Italia, Luxemburgo e Portugal aínda desconfían algo do euro e das súas consecuencias.
Chegados a este punto, non está de máis lembrar que os motivos que motivaron a once países da Unión Europea, entre eles España, a unificaren as súas moedas e converteren o euro na súa divisa común, se centran principalmente nas vantaxes que a medio e longo prazo obterán tanto os consumidores coma as empresas. Nunha Europa cada vez máis unida, aumentaron considerablemente tanto os intercambios comerciais coma as relacións entre cidadáns de diferentes estados. Eliminármo-la barreira da moeda supón simplifica-lo libre tránsito de mercadorías, de cidadáns e de capitais, un dos puntos clave da Unión. O proceso de cambio non só implica un cambio na mentalidade dos europeos. Tamén implica un importante problema loxístico: retira-las moedas nacionais e pór en circulación novos billetes e moedas. Se todo sae segundo o previsto, o 1 de xaneiro do 2002 os bancos centrais europeos distribuirían entre 291 millóns de persoas nada menos ca 16.000 millóns de billetes e 50.000 millóns de moedas.
Outra cuestión que as autoridades de cada país debe resolver é qué facer coa moeda e os billetes que se retiren. En España vaise proceder de dúas maneiras diferentes. Os billetes, pola súa peculiar composición, someteranse a un proceso de verificación e reconto, e polo de agora descoñécese se se destruirán ou se reciclarán. As moedas obrigan a un tratamento máis complexo, xa que están compostas por unha aliaxe de tres materiais, elixidos no seu día pola dificultade e complexidade na súa obtención. Esta combinación, que dificulta a súa falsificación, revélase agora como unha complicación para a súa fundición e tratamento.
Coa retirada da peseta, no noso país entrarán en funcionamento moedas polo importe de 2 euros, 1 euro, 50 céntimos, 20 céntimos, 10 céntimos, 5 céntimos, 2 céntimos e 1 céntimo. No tocante ós billetes, haberaos polo valor de 5 euros, 10 euros, 20 euros, 50 euros, 100 euros, 200 euros e 500 euros. Sen embargo, os caixeiros automáticos só ofrecerán billetes de 10, 20 e 50 euros, dado o elevado valor do resto dos billetes.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI