Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Impresoras de inxección de tinta: Eficaces, silandeiras e doadas de empregar pero con grandes diferencias no prezo

Aínda que poden mellorar en seguridade e etiquetaxe, tódalas impresoras analizadas ofrecen unhas prestacións máis ca aceptables para as necesidades dun usuario doméstico. .

Analizáronse oito impresoras de inxección de tinta, con prezos entre 14.245 pesetas (Epson Stylus 480SXU) e 27.900 pesetas (Xerox Docuprint M750). Unha impresora é un aparello que imprime sobre papel textos, gráficos ou imaxes xeradas polo noso ordenador. As impresoras matriciais (máis ruidosas e de peor calidade en xeral) pasaron xa ó esquecemento, e a gran calidade que proporcionan as láser só lles compensa, polo seu elevado prezo, ós profesionais. As impresoras de inxección de tinta, as que máis se venden, son as que mellor se adaptan ós usuarios domésticos.

A mellor relación calidade-prezo destas oito impresoras é Epson Stylus Color 680 (21.500 pesetas). Tamén é interesante HP Deskjet 640C (14.930 pesetas), pero as dúas máis caras, HP Deskjet 840C (23.695 pesetas) e Xerox Docuprint M750 (27.900 pesetas), proporcionan unha gran calidade. .

A resolución indica o número ou densidade das boquillas que expulsan tinta sobre o papel: a maior resolución, máis definición en fotos e texto. Pero a calidade non depende só do número de puntos, senón tamén da súa precisión: un exceso de resolución pode empapa-lo papel e empeora-la calidade de impresión. Epson Stylus Color 680 é a de maior resolución, seguida de Lexmark Z12 e Xerox Docuprint M750, mentres que a de Canon ofreceu a menor resolución. .

O porto USB, máis polivalente

Seis mostras inclúen porto paralelo (máis antigo) e porto USB, para conecta-la impresora co ordenador. É preferible o USB: máis rápido, pódese conectar co PC aceso e nunha única entrada pode enchufarse máis dun aparello. Epson 480 SXU só ten conexión USB, polo que non funcionará con sistemas antigos (só a partir de Windows 98 e Mac OS 8,1 o ordenador recoñece o USB). No polo oposto, a Olivetti é a única que só conta con porto paralelo: non funciona nun ordenador Macintosh. Por outra banda, todas se distinguiron polo seu doado mantemento e limpeza. As únicas sen menús de estado de impresión propios (usan o que vén de serie co sistema operativo) son as de HP.

Avaliouse tamén a facilidade de entrada e saída do papel. Nos dous modelos de Epson e no de Canon, o soporte é menos ríxido ca nos demais, polo que se valorou peor esta característica nesas tres mostras. No tocante á saída, as peores foron Olivetti Artjet-10 -sen bandexa de saída de papel- e Canon BJC 2100 e Epson 480 SXU, polo seu soporte demasiado pequeno. CONSUMER someteu as impresoras a diversas probas de seguridade: choques eléctricos, determinación de partes accesibles e correntes de fuga, rixidez dieléctrica, quecementos, consideracións sobre construcción, estabilidade e riscos mecánicos... A conclusión é que ofrecen un satisfactorio acabado final, pero en construcción quedan en aceptables dado que nas oito hai partes móbiles mecánicas accesibles, co relativo perigo conseguinte. Epson (ámbolos modelos), Lexmark e Olivetti non incorporan protección de parada do movemento de cabezais cando, durante a impresión, se abre a tapa de acceso. Por outra banda, os rolos son en exceso accesibles nas oito impresoras. Este inconveniente podería solucionarse cun aviso: "Perigo. Partes móbiles accesibles", que ningunha mostra inclúe.

As probas de compatibilidade electromagnética verifican que as radiacións electromagnéticas que emiten estes equipos non afectan ó funcionamento de aparellos eléctricos sensibles (probas de emisión), e que estas impresoras teñen unha certa capacidade de protección fronte a interferencias externas (probas de inmunidade). Resultados: nas probas de emisión todas foron conformes á norma, se ben Olivetti Artjet-10 quedou preto do límite. Na proba de inmunidade seis impresoras fallaron, só Lexmark e Canon foron conformes á norma. Nas restantes, ó aplicar unha perturbación externa detectáronse anomalías no funcionamento da impresora.

Boa calidade e baixo consumo enerxético

Comparáronse as impresións que proporcionan as oito mostras a diferentes resolucións coas efectuadas por unha impresora láser (concretamente, HP Jet 4500). En impresión de fotografías as mellores foron, en orde decrecente, Epson 680, HP 840C, HP 640C, e Epson 480 SXU, mentres que as peores foron Canon BJC 2100, Lexmark Z12 e Olivetti Artjet-10. Imprimindo texto e gráficos en cor, de novo a mellor foi Epson 680, seguida de Olivetti Artjet-10, mentres que outra vez Lexmark Z12 quedou en derradeiro lugar.

As impresoras máis rápidas son HP 840C e Xerox Docuprint M750, con 4,6 páxinas por minuto (ppm), seguidas de Epson 680 (4,3 ppm) e HP 640C (4 ppm). Lexmark Z12 (2,6 ppm) e Canon BJC 2100 (2 ppm) foron as máis lentas.

Mediuse a enerxía eléctrica que consomen as impresoras, en espera e a pleno rendemento. O consumo é moi baixo en todas: de 3,2 a 8,2 W en espera e entre 14,3 a 19,2 W en funcionamento. Unha simple lámpada consome o dobre, uns 40 W. O peso e dimensións do equipo determinan en boa medida a súa ergonomía: destacan Canon, Lexmark, Olivetti e Epson Stylus Color 480 SXU, as de menor peso (de 2,4 a 3,1 quilos). As máis pesadas son as dúas HP (5,2 y 5,8 quilos) e a Xerox (6,5 quilos). A máis pequena é a Olivetti (33,5x20x34,5 cm), e a maior, Xerox (47x57x21 cm).

Garantía deficiente

Cinco das oito ofrecen un certificado de garantía incorrecto. En Lexmark, Xerox e nas dúas HP, faltan espacios habilitados para pó-los datos do fabricante e do consumidor. E na Olivetti non se indica o período de validez da garantía. Os manuais son aceptablemente completos, aínda que a Canon e a Olivetti non inclúen a documentación impresa (vai en CD e só se pode consultar en pantalla). O mesmo acontece coas instruccións de mantemento e limpeza das dúas HP. Esta política informativa réstalle comodidade ó usuario, pero é máis respectuosa co medio natural.

A única impresora que só adxunta o cartucho de negro (non inclúe o de cor) é a Olivetti, que custa 18.444 pesetas. Para obte-lo seu custo real habería que engadi-las 8.585 pesetas do cartucho de cor.

Xerox, a máis cara (27.900 pesetas) é a única con cartucho diferenciado para cada cor, co que non se desperdicia tinta ó recambia-lo cartucho. Se un usuario usa preferentemente unha cor (é habitual), pode facer rendible esta impresora.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto