Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O 80% da poboación sufriu nalgunha ocasión un episodio ou máis de dor nalgunha rexión das costas.
Esta porcentaxe elévase nas persoas de idade: estímase que un 90% das persoas de máis de 65 anos padece esta afección. Un colectivo especialmente afectado son as mulleres menopáusicas afectadas de osteoporose. As dores nas costas, amais de afectar a un amplo sector da poboación, supón un grave problema sanitario que xera aproximadamente o 16% das baixas laborais, debidas a lumbalxias, dorsalxias e cervicalxias. E é que baixo a denominación de costas englóbanse tres rexións da columna, con personalidades moi distintas: a columna cervical ou pescozo, a dorsal ou torácica e a lumbar ou cintura.
Durante a filoxénese ou proceso de evolución da raza humana a partir dos prehomínidos, pasouse da posición cuadrúpeda á bipedestación, que primeiramente supuxo o endereitamento da columna vertebral e despois a aparición de curvas nela e, sobre todo, a inversión da curvatura lumbar. Este mesmo proceso repítese no desenvolvemento do individuo, no proceso de ontoxénese. Durante o período fetal, a curvatura é coma a dos antigos prehomínidos. Ós trece meses a raque lumbar faise rectilínea; a partir dos tres anos comézase a aprecia-la curvatura lumbar do adulto, que se afianza ós oito anos, e ós dez anos adopta a súa forma e curvatura definitiva. A evolución do individuo é , xa que logo, similar á da especie. Os coidados e a educación postural durante esta etapa de desenvolvemento son fundamentais para un desenvolvemento correcto da columna.
A columna é o piar central do tronco e debe conciliar dous principios aparentemente contradictorios: a rixidez e a flexibilidade. Apoiado na pelve, elévase ata a cabeza e soporta dúas crucetas: unha a nivel dos ombreiros, o chamado cinto escapular, e outra a nivel de pelve, o cinto pelviano. En tódolos tramos hai tensores musculares e ligamentosos que unen a columna á súa base implantación e que a manteñen suxeita e equilibrada. Para darlle flexibilidade, a columna está constituída por numerosas pezas superpostas, as vértebras, unidas entre si por medio de elementos ligamentosos e musculares, que se articulan unhas con outras. Entre os corpos vertebrais encóntranse os discos que actúan como almofadas, con capacidade de amortecer, expandirse e reducirse. Con esta estructura complexa, a columna pode deformarse e adaptarse e, ó mesmo tempo, permanecer ríxida baixo a influencia das contraccións musculares. Actuando harmonicamente os músculos conservan as curvaturas fisiolóxicas da columna e equilíbrana para mante-lo centro de gravidade do corpo. Coñecer estes detalles resulta fundamental, xa que a orixe dun 60-70% das dores de costas é muscular e non ten relación directa cunha afección da columna, e a súa eliminación require tratalas axeitadamente.
As dores de pescozo ou cervicalxias poden ter orixe nun proceso artrósico, nun antecedente de traumatismo ou, como ocorre nos accidentes de tráfico, nun movemento violento cara á adiante e atrás, pero en moitos casos non hai unha patoloxía clara. E é que a rexión cervical ou pescozo é un espello das tensións e vicios posturais da vida moderna: posturas forzadas durante o traballo que obrigan a mante-la cabeza inclinada cara adiante de forma prolongada, labores caseiros, traballos de administración ou de oficinas técnicas diante do ordenador, manipulación de cargas coas extremidades superiores... Como consecuencia, o músculo tensiónase, tracciónase das súas insercións nas vértebras, xéranse tensións na columna e acaba doendo, mesmo limitando a mobilidade, e, se non se corrixe, a longo prazo poden aparecer procesos dexenerativos articulares.
E se o pescozo é o espello dos vicios posturais, a cintura éo da baixa forma física, da falta de adestramento muscular. Aínda que nalgúns casos a lumbalxia é síntoma de artrose ou desviacións, hai persoas que non sufriron nunca un episodio doloroso lumbar e que padecen artrose ou desviacións na columna. Estes últimos casos débense habitualmente á falta de adestramento e de fortaleza da musculatura da cintura (tanto da rexión dos riles, coma da abdominal). Un desequilibrio entre ámbalas masas musculares pode xerar un proceso doloroso lumbar ante esforzos nimios ou posturas que realizamos na vida cotiá. A perda de flexibilidade e de potencia muscular pola vida sedentaria e mecanizada é a causa máis importante de dor lumbar. Tamén desencadean episodios dolorosos os vicios posturais en traballos caseiros e nalgunhas actividades laborais que obrigan a manipular cargas, a posturas forzadas, a movementos repetitivos da columna ou a estar de pé ou sentado de forma continua durante a xornada laboral. E o exceso de peso favorece a aparición e a gravidade deses episodios.
Todos estes procesos xeran un gasto sanitario importante, xa que constitúen unha das primeiras causas de consulta médica a nivel de asistencia primaria e especializada. Trátase de doenzas que orixinan unha chea de exploracións custosas (resonancias magnéticas, tomografías, electromioneurografías), a miúdo dificilmente xustificables, que non achegan moito máis do que o faría unha boa historia clínica, cunha exploración física e unha radioloxía convencional. O que ocorre é que o paciente insiste en buscar unha explicación a unha doenza que moitas veces non se traduce neste tipo de exploracións e que obedece única e exclusivamente a unha orixe muscular. Unha coidadosa consulta e exploración física tería que abondar para selecciona-los pacientes nos que se xustificarían exploracións máis sofisticadas.
Para unha eficaz prevención da aparición de contracturas musculares e, xa que logo, de dores nas costas:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI