Saltar o menú de navegación e ir ao contido
É tempo de estudiar, de colaborar coa sociedade ou de desenvolve-la creatividade
O envellecemento ben levado conseiste en gozar facendo o que non se puido, non se quixo ou non se soubo antes de alcanza-la madurez.
Envellecer non é sinónimo de enfermidade, demencia senil ou ausencia de desexo sexual. Tampouco o é de carencia de capacidade productiva ou creativa nin dun estado de eterno cansazo que obriga a levar unha vida sedentaria. Xosé Saramago, premio Nobel de Literatura en 1998, comezou a escribir no seu retiro, pero non é o único exemplo de artistas que lograron o seu máximo esplendor creativo a idades avanzadas. E é que o envellecemento ben levado consiste, sinxelamente, en vivir máis e gozar do tempo libre facendo o que non se puido, non se quixo ou non se soubo facer antes de acada-la madurez. Sen embargo, a sociedade aínda non ofrece suficientes propostas para enche-los momentos de ocio dese período da vida e víralle as costas á realidade, a pesar de que dentro de 30 anos a metade da poboación deste país estará xubilada ou en vésperas de facelo. A isto engádeselle o aumento da esperanza de vida, situada nos 76,9 anos, co que tralo retiro laboral quedan aínda moitos anos nos que gozar con actividades distintas ás de coida-los netos ou pasear. E aínda que menos das necesarias, cada vez son máis as alternativas, á marxe das vacacións en temporada baixa, destinadas a estas idades. Estudios universitarios, portais interactivos en Internet ou programas de voluntariado son algunhas das propostas.
Ó redor de 35.000 homes e mulleres de entre 55 e 80 anos acoden a diario ás Universidades da Experiencia ou Aulas de maiores. Institucións de ensino como a Universidade de Granada, a de Salamanca ou a do País Vasco dispoñen dunha oferta pensada para os máis vellos, cunha rebaixa de ata o 50% nas matrículas e un proxecto curricular adaptado ós seus intereses, nos que o traballo en grupo, conferencias e debates cobran maior importancia nos manuais e exames. Na maioría dos casos, o título que se obtén despois de finaliza-los estudios non posúe ningún valor académico ou laboral, xa que o obxectivo destes cursos é ben distinto: perseguen promove-la reflexión e a curiosidade polo saber, ó tempo que promoven relación interxeracionais entre alumnos novos e maduros.
O nivel académico dos que se desexan matricular nas Universidades da Experiencia ou Aulas de maiores carece de importancia, e así o perfil dos alumnos é moi heteroxéneo: amas de casa e traballadores da construcción comparten pupitre con doutores ou mestres de escola. Segundo datos universitarios, o 8% dos alumnos destas carreiras non conta con ningún tipo de formación e o 5% cursou unha licenciatura ou un doutoramento.
A gran vantaxe destas aulas é que a experiencia vital dos asistentes, no seu sentido práctico e participativo, posibilita o intercambio de inquietudes, coñecementos non escritos ou habilidades forxadas ó longo de toda unha vida.
Unha fórmula que gana adeptos é a de ofrecer de maneira gratuíta horas do día para colaborar coa sociedade. En numerosos municipios, as institucións e asociacións culturais locais precisan persoas de idade avanzada que queiran realizar labores de guía turístico e así comparti-los seus coñecementos cos visitantes. En Aranxuez, oito xubilados regulan o tráfico tódalas mañás e tardes á saída do colexio; en Valladolid outros tantos pensionistas ensinánlles ós escolares o centro histórico da súa cidade. Pero o voluntariado non se limita a actuacións puntuais, tamén se desenvolven programas continuos relacionados con accións sociais, e para tomar parte nestes os voluntarios reciben formación previa específica. Así, son moitos os maiores que desta maneira altruísta lle dedican o seu tempo a axudarlles ás persoas que necesitan un acompañante, como enfermos, persoas con minusvalía e centros de acollida de menores, os destinos preferentes neste tipo de actividades. Tamén as escolas e garderías encontran neles experimentados contacontos ou narradores de aventuras propias. As ducias de ONG distribuídas pola xeografía realizan continuos chamamentos para que se unan a elas non só rapaces, senón tamén maiores cos que poder contar algún día da semana.
Aínda que os ordenadores poden parecer destinados ós máis novos, unha vez perdido o medo á tecnoloxía, Internet convértese nunha interesante aliada para o ocio. Os internautas que superan os 50 anos representan unha porcentaxe escasa na Rede, pero son, pola contra , moi participativos. Segundo un estudio publicado pola Rede Internauta, os servicios máis utilizados son o chat (charlas a través de Internet) e o e-mail (correo electrónico), por encima da navegación por páxina web. No caso do e-mail, as súas vantaxes fronte ó correo convencional son incuestionables, polo menos, en canto ó tempo de entrega, cantidade e diversidade de arquivos que se podes adxuntar (imaxes, son, texto). En Internet sucédense concursos, como o que busca ó mellor avó ou a mellor avoa do ano, foros de encontro profesionais e de afeccións ou campionatos de xadrez. De feito, as grandes firmas virtuais comezan a percibi-lo filón que supoñen as persoas dunha faixa alta de idade, cun relativo poder adquisitivo e que toman decisións rápidas, e tratan de se introduciren en páxinas específicas que para esta idade empezan a abundar na Rede e contan xa cun público minoritario pero fiel. Unha delas é Jubilatas, portal con contido realizado por e para persoas maiores de 65 anos que non se limita a falar da saúde, alimentación ou consellos. Destaca tamén Maiores, xubilados e terceira idade, portal que ofrece contidos de ocio, saúde, medicinas alternativas, cursos gratis online, ofertas e demandas de traballos, viaxes, cociña, deportes, sexo, amigos, cines, teatros e horóscopos. O último en aparecer en escena é Cara a unha nova xuventude, portal dedicado á terceira idade con contidos interesantes tanto para particulares coma para profesionais do sector e institucións públicas e privadas.
Se non está no ánimo acudir á facultade tódolos días, concellos e asociacións de diversa índole preparan extensos programas de formación e entretemento, dirixidos a homes e mulleres que dispoñen de tempo para eles mesmos. Estes programas están subvencionados, e se hai uns anos os presupostos respondían ó número de persoas vinculadas ós entón chamados clubs de xubilados, hoxe o baremo para determinar qué axuda reciben estes centros, rebautizados como centros cívicos, depende da calidade e cantidade de cursos que imparten. Habitualmente os intereses inclínanse cara a programas de restauración, informática, pintura, creación literaria, maquetas ou actividades máis dinámicas como a natación, ximnasia e bailes que se ofrecen de maneira ininterrompida durante todo o ano, de balde ou con prezos moi asequibles.
A Asemblea Xeral da ONU, recoñecendo as contribucións que as persoas de idade fan ás súas respectivas sociedades, e a enorme diversidade das situacións das persoas de idade, non só entre os distintos países, senón tamén dentro de cada país e entre as persoas mesmas, consciente de que en tódolos países é cada vez maior o número de persoas que chegan a unha idade avanzada e en mellor estado de saúde do que viña sucedendo ata agora, determinou aprobar unha carta na que se anima a tódolos pobos a que teñan presentes os seguintes principios:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI