Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Na grande urbe que é Internet tamén hai barreiras arquitectónicas que crean dificultades ós minusválidos para moverse polas súas avenidas.
Non é un problema que se limita ás persoas cegas; os minusválidos motores e os que, sen chegar á cegueira, teñen problemas de visión atopan impedimentos para navegaren polo máis vasto océano de coñecemento creado polo ser humano. E non debería ser así. A tecnoloxía permite que os contidos de Internet sexan accesibles para un amplísimo abano de persoas. Os símiles co mundo tanxible son evidentes. Non é caro nin máis difícil construír unha rampla ca unhas escaleiras, pero non sempre se fai. A transposición dixital da revista CONSUMER que tes entre as mans (www.revista.consumer.es) xunto ás outras dúas webs do proxecto en Internet de Fundación Grupo Eroski (www.fundaciongrupoeroski.es e www.amigos.fundacióngrupoeroski.es) xa puxeron en marcha unha versión accesible para minusválidos. Nesta nova versión os contidos son idénticos, só cambia a forma de presentalos. Basicamente, preséntanse os textos sen ningún tipo de cor nin imaxes.
A versión accesible, en lugar de estar preparada para un colectivo en concreto, nace como unha ferramenta para diferentes grupos de persoas que a adaptan ás súas necesidades específicas. Pero, ¿como poden usa-la edición accesible os diferentes grupos de minusválidos?
Moitas persoas maiores, ou que simplemente padecen severos problemas de miopía ou astigmatismo atópanse con dificultades para ler na pantalla. A letra nos monitores adoita ser demasiado pequena e non sempre se deseña para consegui-lo maior contraste posible. Afortunadamente, un alto número de navegadores modernos permiten altera-lo tamaño e a cor da fonte para que esta sexa máis visible. Sen embargo, se estes cambios se aplican a webs convencionais o resultado pode ser desastroso: unha páxina completamente modificada na que é imposible ler ningún texto. A versión accesible, pola súa sinxela configuración, permite cambia-la cor e aumenta-lo tamaño do texto tanto como se necesite. Ademais, se estas axudas non son suficientes, existen programas que magnifican unha área concreta da pantalla. O organismo que fixa os estándares do World Wide Web (O W3 Consortium) ofrece na dirección www.w3.org/WAI/References/Browsing unha listaxe dos programas que aumentan zonas concretas do monitor como se dunha lupa se tratase.
É o colectivo que máis necesita dunha edición especial para non quedar fóra do ciberespacio. A web, desde os seus inicios, é un modelo visual no que o resto dos sentidos como o oído quedaron relegados a un segundo plano. A inmensa maioría da información reside en textos e imaxes que, tal e como están presentados, quedan fóra do alcance das persoas invidentes. Coa axuda de sistemas específicos, é posible superar estas barreiras.
Manexar un rato require dunha destreza motora que, en ocasións, se dá por suposta. Hai toda clase de minusvalías que lle impiden ó usuario utiliza-lo teclado e o rato para navegar. Para estas persoas creáronse programas de recoñecemento da voz ou dispositivos especiais que lles permiten navegar polas webs cunha certa soltura axudados por ordes vocais ou teclados adaptados. Pero, para que todos estes sistemas funcionen, é importante que a configuración da páxina sexa sinxela e siga unha orde lóxica. Un deseño con formato de revista, como é habitual nas páxinas web, é un grande impedimento á hora de chegar á información.
A versión accesible tamén cumpre un labor engadido. En dez anos de existencia da web, o avance dos navegadores foi espectacular. As novas especificacións deixaron marxinados boa parte de usuarios que non poden, ou non queren, migrar a aplicacións recentes. Aínda que a inmensa maioría de usuarios utiliza unha serie de programas estándares para navegar, aínda resiste unha pequena proporción de internautas que navega con arcaicos programas como Lynx, que só permite mostrar texto. As versións accesibles son un lazo de unión coas tecnoloxías máis vetustas da Rede e coas que, aínda en desenvolvemento, non se poden axeitar ós estándares máis recentes.
Dotar a calquera web dun mínimo de elementos que faciliten a entrada á maioría de usuarios está ó alcance de calquera deseñador afeccionado de páxinas web. Estas son algunhas recomendacións da Iniciativa para a Accesibilidade na Web (www.w3.org/WAI).
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI