Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Montxo Armendáriz, Director de cine: "Temos de aprecia-las películas polo seu valor cinematográfico e non polo seu presuposto"

Ama o cine. Emocionábao ver películas sentado nas duras butacas dos cines de Pamplona ata que decidiu que el quería conta-las súas propias historias. Abandonou a súa carreira docente e anticipouse na procura de si mesmo, tal e como fixera o personaxe encarnado por John Wayne na película do seu admirado John Ford. Sean Thornton era O home tranquilo nunha Irlanda rural, e Montxo Armendáriz poderíao ser do cine español do momento.

  A través das súas películas, este autor amósasenos coma sincero, profundo e cotián. Non repite historias, máis ben as enfronta, pero as seis que filmou comparten un selo inconfundible: buscan que o espectador se recoñeza nelas e goce co que se está a contar. Recoñece Armendáriz que dirixir lle serve como terapia de diván e que nas súas películas pon a súa forma de entende-la vida, as súas pantasmas e sentimentos. O carboeiro de Tasio (1986), os mozos toxicómanos de 27 horas (1986), o emigrante de Las cartas de Alou (1990), os adolescentes urbanos de Historias del Kronen (1994), o neno de Secretos del corazón( (1997) e os maquis de Silencio Roto (2001, o seu último film) comparten unha mesma lírica narrativa. Son protagonistas de pequenos fragmentos da vida, de historias contadas con sinxeleza, proximidade e cariño; sen prexuízos e á vez con elegancia e sutileza, remarcando os matices e evitando impoñer puntos de vista ó espectador. É un cine aberto, que fala de sentimentos, pero sen esquece-las circunstancias sociais en que se moven, e ás veces naufragan, uns personaxes embarcados en historias tan pouco espectaculares como dolorosamente humanas.

Montxo Armendáriz fala con CONSUMER poucos días antes de se recoller na soidade creativa para escribi-lo guión do seu próximo filme. Recoñece o mérito das grandes películas de antano pero entende o cine como "unha expresión do momento"; defende a necesidade de ve-las películas na súa lingua orixinal "a dobraxe altera substancialmente a obra", e comparte o mérito do seu traballo: "unha película é o resultado do esforzo e o traballo de todo o equipo". É un autor moi recoñecido: acapara doce premios nacionais e internacionais, entre eles o Premio Especial de Ouro á mellor ópera prima por Tasio no Festival de Chicago de 1984; a Concha de Prata á Mellor Película por 27 horas no Festival de Cine de San Sebastián de 1986; o Goya ó mellor guión e Concha á mellor película por Las cartas de Alou en 1990; Goya ó mellor guión adaptado por Historias del Kronen en 1995; e a nominación ó Oscar á Mellor Película Estranxeira por Secretos del Corazón.

A pesar de que o seu cine non se axusta a ningún xénero, a temática que enfronta nas súas películas deixa translucir un fío conductor: o que ten a vida de cotián, a infrahistoria que diría Unamuno. ¿ Aínda lle interesan ó publico as pequenas historias?

Sempre lle interesaron ó público, porque se recoñece e se identifica nelas. Nas grandes produccións, o espectador pode gozar co risco, as aventuras ou problemas dos protagonistas, mais é nas historias pequenas, cotiás, onde ve reflectidas as súas vivencias e ilusións e, polo tanto, este tipo de narracións teñen e terán un público que as demande. Estas películas son as que me fixeron emocionar e ama-lo cine, e as que me alentaron para contar historias de personaxes próximos e recoñecibles do meu contorno.

É vostede un pamplonés que se pon a rodar, a contar historias a través do cine, ¿entraba nos seus cálculos chegar a Hollywood, como sucedeu con Secretos del Corazón?

Cando rodo unha película non o fago para que se vexa en América. Un trata de face-lo que o emociona e seduce, coa esperanza de que o espectador sexa cómplice dunha historia que á súa vez o seduza e emocione. Cando isto se consegue, dá igual ónde suceda a historia, porque a todos nos moven as mesmas cousas: o amor, a ambición, etc... comúns a calquera ser humano.

¿É posible hoxe rodar unha película con baixo presuposto que teña éxito?

Gracias ó vídeo dixital, pódense rodar películas con moi baixo presuposto. Neste sentido, resulta paradóxico que poidamos atopar nas nosas pantallas as produccións máis caras da historia do cine e as máis baratas. Pero é moi difícil competir cos grandes orzamentos de mercadotecnia e promoción de superproduccións, e son estas as que máis espectadores levan ó cine. Agora ben, sempre hai películas feitas con poucos cartos, como Full Monty ou Nacional 7,que gozan do respaldo do público e confirman que se necesita algo máis ca diñeiro para facer bo cine.

No noso país a penas se poden ver películas en versión orixinal...

A dobraxe altera substancialmente o contido dunha película, porque cambia un dos seus principais elementos: a voz dos personaxes, o seu timbre, a cadencia das frases e dos diálogos. A interpretación dun personaxe depende non só do que di, senón de cómo o di. E coa dobraxe escamotéase esta peculiaridade interpretativa. No noso país, a práctica da dobraxe, dende que se instituíu como unha forma de controlar e censura-los contidos ideolóxicos das películas na época franquista, converteuse nunha necesidade para calquera filme que queira acceder ó gran público. E os criterios do mercado impóñense a calquera outra consideración. Os espectadores están habituados ás películas dobradas e cambiar este costume é moi complicado. En países como Portugal ocorre o contrario: a xente está habituada a ve-las películas subtituladas, tanto no cine coma na televisión.

¿As grandes produccións americanas forman parte da Sétima Arte ou son só unha industria máis?

Non é o diñeiro o que determina a calidade cinematográfica dunha película. Algunhas superproduccións son magníficas películas, como Doutor Zivago ou Salva-lo soldado Ryan e algunhas películas de baixo custo non superan os mínimos profesionais. E moitas películas de presuposto medio ou baixo fanse só con fins comerciais. Polo tanto, creo que hai que considera-las películas en función do seu valor cinemátográfico e non do seu custo.

"Xa non se fan películas coma antes", ¿Estamos ante outro tópico ou hai algo de certo nesa aseveración tan habitual nos críticos especializados?

É un tópico. As películas, como a literatura, a música, etc... son o resultado dunha época, e dunha forma de pensar e vivir de quen fan as películas nesa época. A inmobilidade, o estancamento, é o peor que nos pode acontecer en calquera parcela da vida. O cine, para manterse vivo, debe cambiar e modificarse tal e como facémo-las persoas. A morriña de tempos mellores, tanto no cine coma no persoal, é unha forma de evadirse e non afronta-lo presente en que a un lle tocou vivir. Outra cousa é a valoración das épocas, movementos ou cineastas, cun traballo que é un referente na historia do cine.

Hai películas pensadas para Internet, e outras rodadas para a TV. E algunhas series televisivas son pequenas películas. ¿Resultan válidos os novos medios para a arte cinematográfica ou pertencen a outro xénero distinto?

As novas tecnoloxías e sistemas de distribución audiovisual están en continuo cambio, e a súa utilización e implantación dependerá de moitos factores. Todo o mundo coincide en sinalar que Internet e a TV por cable serán a base das comunicacións, pero ninguén se atreve a prognosticar cómo van ser. Non me preocupa o soporte que se empregue para contar unha historia, calquera é válida se a hitoria paga a pena.

Deféndese a necesidade de subvenciona-lo cine europeo ou establecer cotas de pantalla para protexelo fronte á industria estadounidense. ¿Qué opina ó respecto?

Se queremos ter unha cinematografía propia hai que busca-los medios para asentala e para apoiala fronte ó cine americano. Non se pode falar de liberdade de elección do espectador cando hai películas americanas cunha campaña de promoción que custa dúas e tres veces o orzamento total dunha película española. É a lei do máis forte e, se non se poñen os medios axeitados, a nosa cinematografía desaparecerá.

¿Qué lle suxire a substitución das grandes e tradiiconais salas polos multicines?

Este salto responde a unha adecuacion ós tempos actuais, a unha forma distinta de contempla-lo cine, e coido que foi acertado, xa que as grandes salas de cine non responden ó tipo de demanda cinematográfica que existe hoxe.

¿Cómo é o proceso de creacion?

É complexo e depende de cada película. O director conta cun novo equipo de profesionais que suscitan e presentan as súas propostas en localizacións, vestiarios, fotografía, decoración, música, etc... Unha película é o resultado do traballo de todo un equipo de técnicos e actores-actrices, e a misión do director é encamiña-lo traballo de todos eles en función das necesidades da película, xa que é o responsable do resultado final.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto