Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Outono pode ser un bo momento para lavarlle a cara á nosa casa. As condicións climatolóxicas acompañan "pódese airea-las salas sen pasar frío nin calor" e o ambiente aínda non é húmido
Unha vez que nos decidimos a cambia-la cor das paredes, fundamentalmente temos dúas opcións: contratar un profesional ou intentalo nós mesmos. Se se requiren os servicios dun pintor teremos case garantido un traballo ben feito pero suporanos un gasto arredor das 170.000 pesetas para unha casa tipo de 90 metros cadrados, sempre que non se requiran reparacións na parede e se opte por pinturas estándares. Se nos decidimos a pintar nós mesmos, calculemos uns gastos de equipo de 15.000 pesetas, e por cada 20 metros cadrados pensemos en 3 litros de pintura (a unhas 1.000 pesetas o litro) para cada unha das dúas mans. É dicir, gastaremos (ademais de tempo, naturalmente) unhas 42.000 pesetas, co que o aforro se situará arredor das 125.000 pesetas.
Para que todo resulte máis fácil e práctico, convén aprovisionarse dos seguintes utensilios: escaleiras, unha cinta de enmascarar (400 pesetas o rolo), panos (para cubrir accesorios fixos que non se poden pintar), espátulas (500 pesetas), lixas (100 pesetas), removedor (500 pesetas), necesarios para elimina-la pintura anterior; pinceis de, polo menos, tres tamaños diferentes, ben de sedas sintéticas ou de sedas naturais (máis custosos, duran máis) que custan desde 200 ata 1.300 pesetas cada un; rolos (700 pesetas) para cubrir grandes superficies, paredes e teitos; e por último, os recipientes. Se traballamos con rolo necesitaremos unha bandexa (400 pesetas); se son pinceis e realizamos mesturas, requiriremos recipientes secundarios. Se ofrecen a posibilidade de se pechar hermeticamente, mellor: permitirannos garda-la pintura para continuar traballando máis tarde coa mesma mestura.
Se non se é un experto, convén deixarse aconsellar antes de elixi-lo tipo de pintura, que se adecuará á superficie e ó acabado que se pretenden. A cor depende de gustos, pero tanto se procede dun catálogo comercial como de adquiri-los tons necesarios que se vaian mesturar, as posibilidades son numerosísimas e hai que pensalo ben. As cores dos catálogos comerciais expóñense en pequenas mostras que, levadas á realidade, tenden a parecer máis fortes e agresivas, polo que, se se quere un amarelo vainilla, máis vale que o seu aspecto no bote sexa dun amarelo máis claro. Ademais, a tonalidade de cada cor cambia de acordo coa luz natural ou artificial. Para calcula-las cantidades necesarias hai que medi-lo ancho e alto das superficies que se van pintar, sen excluí-las aberturas. Convén consultar co provedor cántos metros cobre cada litro da pintura seleccionada e cántas mans deben aplicarse para un óptimo resultado.
Antes de comezar coas tarefas de pintura, convén aspira-lo ambiente e illa-las salas de correntes de aire que poidan introducir partículas volátiles; se non se fixese así, quedarían adheridas á pintura húmida. A mellor maneira de poñernos a pintar é: primeiro paso: comezar pintando o teito. Pódeselle dar tódalas mans que requira antes de pasar ás paredes. Segundo paso: seguir coas paredes, comezando polo ángulo dereito superior dunha parede. Hai que pintala integramente ata rematar con todo un plano antes de pasar ó seguinte. Tódalas mans de pintura que se lle dean deberán segui-la mesma orde. Terceiro paso: as portas e ventás. Non hai que esquecer nunca enmascara-las partes que están en contacto cos marcos e que non desexa pintar (vidros, bisagras e ferraxe, etc.). Cuarto paso: pinta-los zócolos, cubrindo o ángulo en contacto co piso, para que non se manche.
Se se prefire, polo contrario, deixa-la limpeza de cara da casa en mans dun profesional, debemos ter en conta algunhas cousas. Os dous criterios para fixa-lo prezo son o número de metros cadrados que se van pintar e a calidade da pintura, que pode encarecer, aínda que normalmente non en demasía, o traballo. Un fogar de 90 metros cadrados terá un custo aproximado de 170.000 pesetas e o traballo dos pintores prolongarase durante 3 días. Coas pinturas actuais, o habitual é que non se nos esixa abandona-la casa ningunha noite, xa que a metodoloxía do traballo permite deixar cuartos libres. Si é aconsellable facilitar, na medida do posible, o labor dos profesionais, apartando mobles ou descolgando cadros, xa que desta maneira se reducirá substancialmente o tempo e, en consecuencia, as horas na factura.
Despois de pinta-la casa podemos non limitarnos a deposita-los recipientes e utensilios no contedor axeitado. Mentres se pinta e cando se acaba de facelo ben merece a pena intentar respecta-lo medio ambiente. Hai que ter en conta que os materiais son moi tóxicos e nunca biodegradables. Un bo sistema para facelo é utilizar sempre dous recipientes nos que se lavan primeiro as brochas, botes e outros equipos, para despois enxaugalos. Serve para tódalas pinturas de auga e disolvente e as de aceite. Hai que ter presente que co lóxico movemento dos recipientes, os sólidos na pintura sepáranse do líquido, facendo máis fácil dispoñer de cada compoñente.
Séguense os mesmos procedementos en canto ás pinturas a base de auga, pero con estas excepcións:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI