Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

A importancia da auga: Prezado líquido sen o que non poderiamos vivir

Gracias á auga o noso organismo realiza funcións vitais como regula-la temperatura corporal ou transportar alimentos e gases

  A vida é auga, sen auga non hai vida. O feito de que a auga constitúa arredor do 60% do peso corporal nos homes e preto do 50% nas mulleres proba amplamente a súa importancia para a vida humana. Dado que o tecido graxo ou adiposo contén escasa cantidade de auga, a porcentaxe total de auga no individuo obeso é inferior á que presenta o non obeso. A relación entre o peso corporal total da auga e o peso corporal libre de graxas, que se denomina peso magro, é bastante constante: nun adulto o peso total da auga representa arredor do 72% da masa magra corporal. Este espacio acuoso distribúese en tres compartimentos: a auga de dentro das células ou espacio intracelular, o líquido intersticial (situado entre as células) e o líquido intravascular, que circula por dentro dos vasos sanguíneos. Como curiosidade cómpre sinalar que o líquido extracelular ten unha composición iónica semellante á da auga do mar, aínda que máis diluída. Estes tres compartimentos acuosos están en continuo intercambio para manter un equilibrio correcto dentro do organismo.

Dependencia total cara á auga

A auga é un alimento verdadeiramente extraordinario e esencial para a vida: os alimentos e os gases transpórtanse en medio acuoso, os productos de refugo expúlsanse do corpo mediante os ouriños e as feces, a auga regula a nosa temperatura, lubrica as nosas articulacións e contribúe de xeito decisivo a dar estructura e forma ó corpo mediante a rixidez que lles proporciona ós tecidos, debido a que este prezado líquido non é comprimible. Ademais, unha correcta hidratación contribúe a mante-la pel tersa e nova, xa que a deshidratación aguda ou crónica provoca que a pel se engurre e grete con facilidade.

Aínda que a perda de auga pode exceder a miúdo o consumo, o seu contido no corpo permanece relativamente estable ó longo do tempo e, no caso de desequilibrio, unha nova inxestión de líquido permite axustar en pouco tempo o nivel de auga que o noso corpo precisa.

Un adulto sedentario, nun ambiente sen exceso de calor e humidade, require uns dous litros e medio de auga ó día, que obtén de tres fontes: do líquido que inxire (arredor de 1200 ml), dos alimentos que consome (aproximadamente 1000 ml) e do que produce dentro do organismo como consecuencia do metabolismo, que equivale a preto de 250 mililitros. As froitas e vexetais son os alimentos que máis auga conteñen.

Por ónde se elimina a auga

A auga do corpo pérdese a través dos ouriños, a pel, a respiración e a defecación. Polos ouriños excretamos algo máis dun litro diario, e este camiño devén fundamental para eliminar determinados productos resultantes do metabolismo, especialmente da urea, producto final da degradación das proteínas. Cantas máis proteínas inclúa unha dieta, máis auga se requirirá para expulsa-los refugallos que se xeran.

Outra pequena cantidade de auga pérdese pola pel, a xeito de suor producida polas glándulas sudoríparas. A miúdo esta suor é invisible, pero en condicións normais segréganse entre 0,5 litros e 0,7 litros, cantidade que se multiplica cando a temperatura exterior aumenta. A suor é o sistema de refrixeración máis importante que ten o organismo. Para rematar, a perda de auga a través da respiración e das feces ascende aproximadamente a 0,4 litros.

Beber sen agardar á sede

Co sol e a calor suamos máis e, conseguintemente, a perda de líquidos increméntase. Se a isto se lle engade que canto máis líquido se perde, máis diminúe a capacidade do organismo para regula-la temperatura, enténdese o fundamental que resulta repoñer esa auga. Pero non debemos agardar a sentirmos sede para tomar auga: a boca seca xa é síntoma de deshidratación, e o instinto de beber pérdese coa deshidratación progresiva. Por iso, non debemos confiar na sede e convén beber regularmente de 8 a 10 vasos ó longo do día. E canta máis humidade, maior cantidade de auga inxeriremos. Calor, humidade e exercicio físico son as condicións idóneas para que apareza un cadro de deshidratación. Unha perda do 2% da auga corporal supón a perda do 20% da enerxía física, o esgotamento acelérase coa perda de líquido e cando se perde o 20% da auga do organismo elévase o risco de sufrir complicacións graves.

Pero á parte do sol, a calor e o exercicio, outras circunstancias requiren a achega extraordinaria de líquidos: a febre, e, especialmente, a diarrea e os vómitos, cunha incidencia que aumenta no verán a causa das gastroenterites, máis frecuentes nesta época do ano.

Síntomas da deshidratación

Sede, sequidade das mucosas e da pel, sensación de ardor e acidez gástrica, somnolencia, fatiga extrema, e se é máis grave, ollos afundidos, pulso acelerado, descenso da tensión arterial, febre, retención de líquidos (polo que algúns órganos, como os riles, comezan a fallar, podéndose chegar ó colapso e a morte) son algúns dos síntomas da deshidratación.

Non só para calma-la sede...

  • Beba de 1,5 a 2 litros diarios de auga, e se é verán e practica exercicio, inxira un extra de líquido sen agardar a que a sede o visite.
  • As dietas ricas en graxas e proteínas requiren máis líquido para elimina-los seus restos metabólicos, xa que estes alimentos conteñen menos auga ca outros productos. -A calor, a humidade e o exercicio físico aumentan notablemente os requirimentos de auga do noso organismo.
  • Quen padece cálculos do ril, areíñas ou infeccións urinarias debe beber máis líquido. -Café, alcohol, té e outras bebidas semellantes son diuréticos e incrementan a eliminación de líquido polos ouriños. Coidado con eles.
  • Infeccións, febre, vómitos e diarrea ocasionan unha rápida perda de líquidos, á que os anciáns e os nenos son máis sensibles, que cómpre repoñer de contado. Un preparado de farmacia ou un soro caseiro (auga cun chisco de bicarbonato e unhas pingas de limón e azucre) axudarán a restituír de inmediato o líquido preciso.
  • O avellentamento vai asociado ó desecamento, á perda de auga, que afecta a tódolos tecidos do organismo, pero especialmente á pel. Unha óptima hidratación desde a infancia axuda a manter unha pel nova.

Crenzas erróneas

Moitas persoas preocúpanse porque pensan que reteñen líquidos e non queren beber auga. Pero unha persoa sa non retén líquidos, o organismo amáñase perfectamente para mante-lo equilibrio e se hai exceso de líquido aumenta a eliminación polos ouriños. É o contrario, o "defecto de líquido", o que nos debe preocupar, xa que é máis ca probable que como consecuencia padezamos estrinximento e máis problemas articulares e tendinosos, a pel pareza máis engurrada e expulsemos ouriños máis concentrados e densos, o que favorece a formación de cálculos, areíñas e mesmo infeccións urinarias. Só no caso de enfermidades renais, hepáticas, cardíacas ou varices moi desenvolvidas se pode, por indicación médica, diminuí-la inxestión de líquidos.

Outro erro frecuente é acudir á sauna para baixar de peso. Na sauna perdemos única e exclusivamente líquido que cómpre repoñer de contado. Ademais, mediante ese líquido pérdense tamén electrólitos e sales que debemos repoñer. O mellor para iso é o zume de froitas, especialmente o de laranxa.

Non se deben tomar diuréticos para perder peso. Os diuréticos non se poden inxerir sen a expresa indicación do médico, xa que provocan efectos secundarios que hai que controlar.

A auga non engorda: o seu exceso elimínase. Pero, ademais, ¿pensou que a inxerimos a 14 graos e a eliminamos a 37 graos e que isto supón que empregamos moita enerxía para quentala? Pódese pensar, daquela, que a auga non só non engorda, senón que adelgaza.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto