Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Fundación Grupo Eroski: Unha Fundación para o consumidor

Fundación Grupo Eroski preséntase co obxectivo de informa-los consumidores, preserva-lo medio natural e promove-la responsabilidade social

  Fundación Grupo Eroski presentouse en Madrid o pasado 20 de xuño nun acto social no que o seu presidente, Constan Dacosta, salientou que "desde hai trinta anos, o Grupo Eroski dedica o 10% dos seus beneficios á defensa dos dereitos e intereses dos consumidores, polo que Fundación Grupo Eroski é un paso máis na nosa traxectoria".

Esta Fundación leva tres anos traballando con esa identidade no ámbito da axuda ó consumidor, a protección do medio natural e a colaboración con campañas de responsabilidade social, pero é agora cando se vestiu definitivamente de longo para dar a coñece-las súas actividades. O seu obxectivo esencial é propoñerlles ós consumidores solucións e respostas ante un medio tan cambiante como no que vivimos. E é froito do esforzo de milleiros de consumidores e traballadores asociados a Eroski e Consum, cooperativas líderes no sector da distribución que se caracterizaron desde hai décadas pola súa sensibilidade cara ó mundo do consumo e os temas sociais e ambientais.

As achegas do Grupo Eroski permiten que a súa Fundación promova accións a favor dos consumidores, realice campañas de divulgación, edite revistas e guías, ofreza bolsas, colabore con organizacións de axuda ó Terceiro Mundo e con compañas solidarias de recollida de alimentos, xoguetes, libros de texto, etc. Son os consumidores os que promoven esas accións, xa que unha parte das súas compras se destina a proporcionar unha maior calidade de vida para todos.

Esta Fundación réxese por un Padroado no que están representadas as sociedades que forman o Grupo Eroski, os consumidores, e un grupo de expertos que achegan os seus coñecementos en materias como saúde, medio natural, solidariedade, novas tecnoloxías... E conta cun amplo equipo técnico multidisciplinar que se mantén preto dos consumidores para desenvolver un proxecto social e humano permanentemente atento ás necesidades dos cidadáns.

Fundación Grupo Eroski é unha entidade viva e participativa que lle achega información útil e práctica a toda a comunidade. E é, tamén, unha organización que se compromete a velar pola ética e a transparencia en todo o que lles afecte ós consumidores. O traballo oriéntase en tres grandes liñas: información ó consumidor, innovación e iniciativas sociais e promoción do desenvolvemento sostible.

Información ó consumidor

Un dos piares fundamentais da Fundación é Consumer, a revista de consumo de maior tiraxe do país, que se consolidou como unha publicación que proporciona información práctica, veraz e de rigor técnico que resulta de grande utilidade para a vida cotiá. Desde agora, a revista (que xa estaba en Internet desde xaneiro de 1998) poderá consultarse na Rede en www.consumer.es, o novo portal de consumo. O internauta, por outra banda, pode acceder ás noticias e iniciativas desta Fundación en www.fundaciongrupoeroski.es. Os socios e amigos da Fundación contan coa súa propia páxina web: www.amigos.fundaciongrupoeroski.es Esta entidade sen ánimo de lucro tamén desenvolve un labor de formación mediante Escolas do Consumidor, Aulas de Consumo, conferencias, congresos e xornadas diversas, Asesoría para a compra de xoguetes, Escola "on line" para as compras por Internet, etc.

Innovación e iniciativas sociais

Amais de contar cun laboratorio propio de análise de productos, a Fundación Grupo Eroski promove Bolsas e Axudas á investigación en Bioética, Biotecnoloxía e Seguridade Alimentaria. E propón iniciativas sociais como a entrega de donativos a ONGs, contratos laborais para discapacitados, campañas de Comercio Xusto e de recollida de alimentos, roupa, xoguetes e libros de texto para persoas necesitadas. Por outra banda, apoia e fomenta a diversidade cultural con accións de promoción da arte, da lingua e das tradicións locais. E ademais asina convenios con entidades culturais e patrocina programas literarios.

Desenvolvemento sostible

A protección do medio natural ocupa un lugar relevante nesta Fundación, que fomenta accións ecolóxicas nos puntos de venda do Grupo Eroski -bolsas reutilizables, recollida de bolsas-camiseta, campañas de sensibilización-, en programas de axuda a iniciativas relacionadas co medio natural e o contorno local, ou en proxectos de desenvolvemento sostible para o Terceiro Mundo. A aposta de publicar en Internet boa parte dos contidos informativos que se producen en Fundación Grupo Eroski permite, amais de chegar a unha maior audiencia, un considerable aforro de papel, coas positivas implicacións ambientais que iso supón.

Os protagonistas

O consumidor é o protagonista indiscutible da Fundación Grupo Eroski, e os milleiros de socios que a integran posúen a tarxeta "Amigo da Fundación Grupo Eroski" que os vincula nas accións que emprende a entidade. De tódolos xeitos, cómpre non esquecer que son os clientes dos establecementos do Grupo Eroski os que, coa súa compra, fan posible o labor desta entidade, xa que parte dos beneficios do Grupo Eroski se destinan á Fundación Grupo Eroski a través do Fondo de Educación e Promoción das cooperativas Eroski e Consum e das achegas doutras sociedades que forman o Grupo Eroski. Este proxecto de persoas e para persoas establece, ademais, convenios de colaboración con institucións, asociacións, fundacións, museos, universidades, institutos de investigación e ONGs.

Tres webs nunha

Consumer.es é moito máis ca un simple cambio de enderezo electrónico da revista CONSUMER. Trátase dun paso máis (neste caso, vinculado ás posibilidades que abren á comunicación as novas tecnoloxías) na aposta da Fundación Grupo Eroski por ofrecerlles ós consumidores información útil, práctica e de garantía. Nesta web, o internauta atopará toda a Revista CONSUMER e as catro Guías Prácticas CONSUMER que xa deron o paso ó dixital (De Santiago a Roncesvalles, 18 Museos de Belas Artes, 21 Parques Naturais e Case todo sobre 100 ONGs), e ademais incorpóranse tres completas canles (Economía doméstica, Nutrición e Bricolaxe) e unha sección de Novas sobre a vida cotiá que se actualiza tódolos días do ano.

Consumer.es, de tódolos xeitos, é só un dos tres eixes sobre os que se vertebra a presencia da Fundación Grupo Eroski en Internet. En fundaciongrupoeroski.es están as novas e iniciativas que desde a Fundación Grupo Eroski se levan a cabo nos nosos temas prioritarios de actuación, como o medio natural ou a responsabilidade social. E os internautas que desexen sabe-lo que a Fundación Grupo Eroski lles pode ofrecer contan con amigos.fundaciongrupoeroski.es, un sitio-web deseñado para coñecer a fondo tódalas vantaxes que implica facerse Amigo da Fundación Grupo Eroski.

As tres webs, aínda que son independentes, interrelaciónanse para que a navegación entre elas sexa fluída e o internauta atope en cada momento a información que busca. Ademais, tanto a revista CONSUMER coma as novas e iniciativas da Fundación Grupo Eroski están plasmadas en cinco idiomas: castelán, éuscaro, catalán, valenciano e galego). E todo o sitio-web é accesible para persoas discapacitadas, xa que se deseñou unha versión especial para que usuarios con problemas motores ou visuais poidan acceder ós contidos do xeito máis sinxelo e cómodo que as novas tecnoloxías permiten.

Pero, ¿por que Internet? Os 340.000 exemplares mensuais da Revista CONSUMER e as sucesivas tiraxes das Guías Prácticas (a única que aínda non está en Internet, a de Saúde e Alimentación, está preto de esgota-la súa segunda edición en papel) resultan insuficientes para chegar a tódolos consumidores interesados en recibiren estas informacións. Precisábase unha nova vía para que, quen o desexe, poida acceder á información máis práctica para a vida cotiá. Internet permite ofrecerlles ós interesados todos estes contidos dun xeito rápido, áxil e directo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto