Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Virus: qué son e cómo protexérmonos deles: Deseñados para faceren dano

Os virus son programas de ordenador creados para actuaren subrepticiamente no sistema. Os virus de ordenador son só programas, como o Word ou o Photoshop, pero no canto de estaren deseñados para faceren algo útil, foron concibidos para danaren os sistemas informáticos en maior ou menor medida.

  Todo comezou como un reto entre programadores para crear programas que emulasen os seres vivos. É dicir, unha vez libres no seu ecosistema (neste caso, as placas de silicio dun ordenador), estas aplicacións deberían ser capaces de multiplicarse, medrar e perpetuarse. De aí a que programadores sen escrúpulos manipulasen un deses "seres" para que traspasase o mero xogo en recintos pechados e se espallase polo mundo co fin de danar sistemas alleos só mediou un paso. Así naceron os virus.

Os virus informáticos máis benignos limítanse a amosaren unha mensaxe que deixa patente a súa presencia no sistema, pero hainos que poden chegar a destruíren toda a información da máquina e, poden chegar mesmo a causaren problemas irreparables no ordenador ó obrigalo a facer lecturas e escrituras imposibles no disco duro. Pero son a minoría. Xeralmente limítanse a alteraren ou borraren os datos contidos no equipo, con todo o prexuízo que isto implica.

Electrónicos, non biolóxicos

Unha aclaración: aínda que ó falar destes programas maliciosos se abuse de termos metafóricos (infección, epidemia...) non se pode esquecer que nada teñen de biolóxicos. Pola súa natureza unicamente electrónica, a eclosión de Internet proporcionou o caldo de cultivo ideal para que programadores de todo o mundo confeccionen e espallen novos virus. Lonxe están xa os tempos nos que a principal vía de propagación destas pandemias eran os disquetes e, en menor medida, as antediluvianas conexións telemáticas que só empregaban un reducido grupo de privilexiados. Agora os virus representan un problema que pode afectar a calquera usuario, polo que devén fundamental coñece-las vías de protección e defensa máis eficaces.

Tipos de virus

Hai virus de diferentes clases, aínda que actualmente os máis estendidos son os de macro. Non son especialmente daniños, xa que xeralmente non comprometen datos críticos do sistema, pero poden resultar extremadamente molestos. Os macros en si son funcións que inclúen algúns programas como o Word. O seu labor é automatizar tarefas para que o usuario non se eternice repetindo procesos mecánicos. Os virus desta especie aprovéitanse desta funcionalidade para xeraren rutinas maliciosas. Un exemplo típico son os virus que se autoenvían por medio do correo electrónico a toda a axenda de enderezos do atacado, espallando así a infección nunha cadea practicamente interminable. Unha medida básica de protección será abrir tódolos documentos sen macros. Hai anos xa que os programas advirten antes de abriren un documento con esta característica, polo que simplemente haberá que indicarlle ó ordenador "Abrir documento sen macros" cando así o requira.

Outros virus, pola contra, cando se activan borran ou alteran informacións do disco duro e causan toda clase de disfuncións no sistema. As medidas de protección son sinxelas e resúmense nunha palabra: precaución. Os virus non actúan no ordenador se o usuario non lles abre a porta, así que bastará con ter un escrupuloso coidado con qué programas se executan e qué documentos se abren para mante-lo computador protexido. Non sendo en casos realmente excepcionais, ler un correo electrónico non pode contaxia-lo PC, sen embargo, os arquivos adxuntos que viaxan nos correos si son unha vía de infección común. Polo tanto, unicamente se deben abrir se se coñece o remitente e se agarda a chegada dese arquivo.

Actualiza-lo antivirus, imprescindible

Non esqueza que ter un antivirus instalado non é abondo, resulta imprescindible actualizalo. Segundo a compañía antivirus Symantec, cada día xorden arredor de 10 ou 15 novas infeccións que en poucas horas xa teñen remedio. Pero estas solucións non son máis ca parches para cada virus. É imposible atopar unha solución global que actúe contra todos eles. Afortunadamente, Internet, amais de se-la vía de contaxio máis habitual, tamén ofrece as posibilidades para instruí-lo antivirus sobre as novas pragas contra as que terá que loitar.

¿E se xa está infectado? Seguramente saberá que está contaminado porque un programa antivirus detectou a presencia dun destes indesexables moradores. Ante todo, non nos deixaremos levar polo pánico. Non se debe enviar ningún correo electrónico nin tampouco prestar ningún disquete con información saída do sistema. A partir de aí, faga unha copia de seguridade de todo o que precise salvar, aínda que o que saque moi probablemente tamén estará infectado. Instale ou actualice o seu programa antivirus e execúteo. El encargarase do resto.

Cando o perigo non existe

Os hoax son tan consubstanciais a Internet coma o mesmo correo electrónico. Trátase de falsos avisos de virus que a boa fe dos usuarios propaga polo ciberespacio. Estas mensaxes electrónicas sempre seguen a mesma pauta: alertan sobre a recente aparición dun virus de efectos devastadores, avalan a información mediante supostas mensaxes dunha gran compañía e acaban por exhortar encarecidamente ó receptor para que difunda a alarma entre tódolos seus coñecidos. Os usuarios, advertidos, repiten a operación, co que a consecuencia máis evidente que se deriva é unha sobrecarga nos servidores de correo electrónico que, nos casos máis graves (empresas nas que todo o mundo avisa a todo o mundo), pode chegar a converterse en colapso. E todo por un virus que xamais existiu.

Pero, ¿por que alguén se molesta en crear unha mensaxe de alerta falso? En primeiro lugar por arelas de notoriedade. Pero, noutros casos, hai un claro afán de lucro. As mensaxes, ó seren reenviadas, almacenan a longa cadea de enderezos de correo electrónico polos que pasaron. Estes enderezos son ouro puro para os que se dedican a enviaren publicidade non solicitada por mail. Esta práctica, coñecida como spam, consiste en acumular enormes listaxes de enderezos electrónicos que se empregan para enviar anuncios. A protección fronte ós hoax é sinxela: desconfianza sobre calquera correo electrónico de alarma desta índole. Se ese virus realmente existe, as grandes compañías antivirus terán xa alertas e remedios nas súas páxinas web.

Navegar á carta

  • Rompecadenas
    O seu lema dío todo: "Todo sobre os hoaxes, spam, virus e outras trapalladas que nos chegan por e-mail. As antigas cartas-cadea que ameazaban con toda clase de desgracias mutaron para se adaptaren á Rede. Esta páxina axuda a protexerse.
  • Enciclopedia
    Completo compendio de virus informáticos. O usuario pode atopar nunha ampla listaxe alfabética qué tipo de virus está sufrindo e, nalgúns casos, o remedio para erradicalo.
  • Monográfico sobre virus
    Este extenso artigo clarifica todo o que arrodea ós virus desde unha visión non demasiado técnica e que resulta accesible para os non iniciados. A xénese destas epidemias está moi ben documentada.
  • Core War
    Ó comezo os virus eran só un pasatempo entre programadores que se retaban entre si nas guerras que se desenvolvían no corazón dos sistemas informáticos. Este entretemento, a diferencia dos virus que logo xurdiron, non ten nada de malicioso e os que o practican chegan a comparalo co xadrez.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto