Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Ignacio Ramonet, director de Le Monde Diplomatique: "A globalización acabou dividindo a sociedade entre os que teñen e os que non teñen"

  Ignacio RAMONET (Redondela, Pontevedra, 1943) é doutor en Semioloxía e en Historia da Cultura, catedrático de Teoría da Comunicación Audiovisual na Universidade parisiense de Denis-Diderot e titular da cátedra de Teoría da Comunicación da Universidade Carlos III de Madrid.

Discípulo de Roland Barthes, semiólogo e intelectual de referencia do século pasado, Ramonet converteuse en referente internacional á hora de abordar temas como a globalización e o poder da comunicación na sociedade actual. Experto en xeopolítica e estratexia internacional, dirixe desde hai anos Le Monde Diplomatique, publicación que fixo bandeira da reflexión crítica sobre os efectos do cuestionado fenómeno da globalización. Préstalle moita atención ós países do Terceiro Mundo, especialmente no conflicto da débeda externa: "en moitos países o 80%, e ás veces mesmo o 100%, dos seus orzamentos xerais destínase a paga-la débeda exterior, o que lles impide dedicar cartos a construír infraestructuras imprescindibles, como escolas, hospitais ou estradas".

Ignacio Ramonet escribiu libros de ensaio como A Larpeirada visual, Un Mundo sen rumbo, ou Internet, o pavor e a éxtase, nos que os medios de comunicación e a súa relación coa sociedade son protagonistas estelares. O seu oficio xornalístico permitiulle coñecer de primeira man a revolta zapatista de Chiapas (México) ou o Foro Social de Porto Alegre (Brasil). Ramonet atendeu a CONSUMER no seu despacho de París horas antes de viaxar a Colombia, un destino habitual para quen inverteu o status quo e converteu o Terceiro Mundo no Primeiro en termos de interese profesional e compromiso ético.

¿Que supón a globalización para o cidadán e quen son os seus principais actores?

Estamos ante unha dinámica que fai que cada día un maior número de países trocan comercialmente un maior número de productos, servicios e actividades. Abríronse as fronteiras a productos estranxeiros que se integraron no mercado local, o que converte a globalización nun movemento que intensifica o libre cambio. Pero isto acontece só na teoría, porque o motor real da globalización é o feito de que cada día o que máis se intensifica son os mercados financeiros. Estamos máis ante unha globalización financeira ca ante unha globalización económica, no centro atópanse os mercados financeiros, e por ende, os axentes financeiros: as grandes multinacionais, a Bolsa, o Banco Mundial, o Grupo dos 7 países máis poderosos, a Organización Mundial do Comercio...

¿Deixa a globalización algunha posibilidade para o desenvolvemento económico e social dos países máis pobres do planeta?

Teoricamente si, pero a globalización funciona segundo a lóxica do mercado. En termos morais isto non é bo nin malo, pero o mercado funciona só cos interlocutores solventes e os non solventes non se integran. E ó mercado esta situación resúltalle indiferente. Ese é o problema. Ó final dividiuse a sociedade entre os que teñen e os que non teñen e, así, o mercado está pendente dos países que se desenvolven e esquece ós que non o fan. Isto conduce a que, no nome da idea de que o gran rival do mercado é o Estado, este cada vez teña menos posibilidades de atende-las persoas que non teñen capacidade económica. O mercado procura que o Estado sexa cada vez máis cativo, que manexe un orzamento menor, e que teña menos funcionarios. Deste xeito, cada vez poderá ocuparse menos de crear hospitais, escolas e, en xeral, infraestructuras para quen non ten nada; noutras palabras, dos sistemas que por definición non poden ser rendibles porque se dirixen a satisfaceren necesidades dos que non están no mercado. Nos países pobres, o mercado funciona coas persoas que teñen medios, que son a minoría, o que significa que cada día hai máis pobres. Por iso, cómpre que nos preguntemos ónde está realmente o progreso.

¿En que medida a débeda externa é unha lousa para o desenvolvemento dos países pobres e qué podería resolve-la súa condonación?

O problema da débeda externa é o seguinte. Vostede, para mercar un piso, pide un crédito de 10 millóns cun xuro ó 5%, pero ós tres meses o banco dille que lle sobe o xuro ó 8%, e vostede non se pode queixar. Ós 6 meses, sóbello ó 20%, polo que o préstamo inicial que pediu podería pagalo, pero con este xa non pode. Deste xeito queda sen poder pagalo durante toda a súa vida. Isto é o que aconteceu coa débeda externa. Fíxose con xuros variables, con índices que non deixaron de aumentar, polo que máis ca unha lousa é un panteón o que teñen riba deles os países pobres. Polo tanto, a condonación da débeda sería altamente beneficiosa para estes países. Agora, están obrigados a exportar para conseguiren divisas coas que pagaren os xuros da súa débeda exterior. Deste xeito, o país concentra os seus esforzos no comercio exterior, e isto impídelle ocuparse do seu mercado interior. Como ten que paga-la súa débeda, que é o máis urxente, o Estado, nestes países nos que a débeda representa o 80% ou o 100% dos orzamentos xerais, non pode consagrarse ó seu pobo. En definitiva, a metade da humanidade vive en países endebedados, co que 3.000 millóns de persoas non sairán da situación de pobreza mentres non acaben de salda-la súa débeda exterior.

A cada xeración tócalle loitar por unha utopía. ¿Pódense equipara-las actuais protestas dos movementos antiglobalización coa convulsión social que supuxeron o Maio do 68, os hippys, as reivindicacións antirracistas, a crítica á guerra do Vietnam ou a Primavera de Praga?

Son tamén accións de crítica, pero sobre outras bases. Maio do 68 foi unha crítica á sobreproducción, ó exceso de traballo e buscaba recupera-lo individuo, a sociedade, fronte ó poder político. Agora os movementos enfróntanse ó poder económico. O de antiglobalización admite as calidades do mercado global, pero lembra que se está marxinando a unha boa parte da sociedade, tanto nos países ricos que integran ós pobres con estatutos moi discriminatorios, coma nos países do Sur, xa que o mercado se esquece do que non lle interesa, é dicir, minorías étnicas, analfabetos, labregos, indíxenas... E conviven estas reivindicacións coas de carácter ecolóxico, pois o sistema actual estase desenvolvendo dun xeito que destrúe o planeta sobreexplotándoo para o consumo, ó tempo que acaba contaminando ou envelenando ós seus propios consumidores. Estas dúas críticas, que son novas, foron ata hai pouco puramente intelectuais e o que está acontecendo agora é que as críticas se fan sobre a base de grupos que protestan e se organizan fronte ós que teñen a responsabilidade da política, que non son os gobernos. Os antiglobalización non van contra os Estados senón contra as institucións internacionais responsables da globalización: o Banco Mundial, a Organización Mundial do Comercio...

Esas accións e outras como o Comercio Xusto, as campañas de cooperación ou a actividade das ONG de desenvolvemento, ¿son eficaces para activa-lo progreso nos países pobres?

Moitas organizacións están levando a cabo accións correctoras e parten dun sentimento de xustiza indiscutible. Algunhas teñen unha política máis egoísta ca outras, pero o seu traballo é real e positivo no Terceiro Mundo e tamén nos países desenvolvidos, onde subsisten aínda moitas desigualdades.

Falamos de accións colectivas, pero ¿como definiría ó individuo medio dun país desenvolvido en relación con parámetros como compromiso, liberdade, consumismo ou manter opinións propias de cada un?

Os grupos de protesta nacen nos países desenvolvidos. Desde Seattle, en decembro de 1999, non cesou de aumenta-lo número de persoas que senten na súa conciencia a necesidade de que as cousas muden. E todo apunta a que este colectivo seguirá medrando. Hai unha toma de conciencia moi ampla na nosa sociedade, máis do que pensamos.

Os medios de comunicación constitúen un dos eixes preferentes das súas teses e estudios. ¿Como cualificaría o poder real dos medios na nosa sociedade?

Os medios de comunicación adquiren unha importancia cada vez maior. Primeiro como industria, xa que os mass media son a industria pesada de hoxe. En boa parte, o que facilitou a globalización foi a mutación das tecnoloxías da comunicación, a informatización da sociedade, a revolución dixital que derivou nas autoestradas da información. De feito, as actividades ligadas á comunicación sufriron unha espectacular transformación. Xa non hai sectores especializados, todo o que ten que ver co escrito, coa imaxe e co falado concentrouse en grandes empresas que lle engaden á imaxe, ó texto e ó son, actividades máis ligadas á industria tradicional, como a telefonía, a electricidade e mesmo a informática, polo que acaba integrándose todo. Isto xera a aparición de monstros empresariais xurdidos de alianzas entre o poder económico e o mediático que incluíron o poder dos medios de comunicación dentro da escala de poderes. No marco da globalización, o primeiro poder ocúpao o económico, en particular o financeiro, pero o segundo é o mediático.

Internet é tamén materia habitual dos seus ensaios. ¿Como inflúe a Rede na conformación da opinión pública?

Internet ocupa un lugar moi importante no intercambio de información, de cultura e de coñecemento. Son indiscutibles as vantaxes que proporciona, como o feito de que as novas tecnoloxías estean ó alcance de calquera, porque a súa manipulación é sinxela e porque é relativamente barato facer uso da Rede. Ademais, permítenos chegar a xacementos de información de calquera parte do mundo, e as fontes son inmensas. Pero isto só se pode aplicar ós países desenvolvidos. Cómpre facer dúas reflexións de ponderación. A primeira é que Internet posibilita o acceso a moita información rapidamente, pero estase atrasando a instalación do equipamento preciso para usar Internet, en particular nos países do Sur. Segundo a UNESCO, os usuarios de Internet non superan o 5% dos seres humanos que habitan o planeta. Isto non ten que ver con Internet en si, pero para aproveita-los seus beneficios cómpre en primeiro lugar saber ler e escribir, e 1.000 millóns de persoas aínda son analfabetas. E para desenvolverse, Internet precisa electricidade e a terceira parte da humanidade non a ten; e teléfono, e a metade da humanidade non dispón de liña telefónica. En definitiva, Internet só vai beneficiar ós países nos que se produciu a anterior revolución, a que lles proporcionou as infraestructuras. A maioría dos países non están preparados para aproveitala. E cómpre dicilo, porque son infraestructuras que é preciso construír, e haberá que ver quén está disposto a poñer electricidade nun país que non pode paga-la instalación.

¿E no tocante ós países do Primeiro Mundo?

Están ligados á segunda reflexión. Internet preséntase como un símbolo de contracultura, da liberación, e en parte conségueo. Pero hoxe comeza a entrar nunha vía na que, pola necesidade de asumi-las ideas dominantes ligadas á globalización, o liberalismo e a rendibilidade, se están alterando as súas características iniciais. Internet proclama a cultura da gratuidade, pero ¿como se paga esa gratuidade? Pois consumindo publicidade para consultar algo que é gratuíto, o que implica o primeiro choque coa liberdade. Aparece aquí a segunda transformación de Internet, convertido nun gran centro comercial. Internet, que é gratuíto, esencialmente quere vender toda clase de cousas: viaxes, servicios, productos culturais, roupa... E eu non sei se somos libres cando o que facemos é entrar nun centro comercial. Unha terceira consideración é percibi-la súa transformación como medio de vixilancia, para vixiar no sentido comercial, non forzosamente político. Cada vez que consulto un sitio web ou merco algo, deixo pegadas que se alguén recupera pode elaborar un retrato robot mercadotécnico de min e mañá vaime facer toda clase de proposicións comerciais cunha grande precisión porque saberá moi ben quén son eu. Daquela, esa gran pantalla que eu emprego para olla-lo mundo está servindo para que me vexan a min. Non quero dicir que isto sexa o principal, pero si cómpre que reflexionemos sobre este tema.

Ante a posibilidade dun Grande Irmán, ¿cal é o papel que lles corresponde ós consumidores e ás asociacións de consumo que tamén se enfrontan ó reto de asumi-lo Euro?

Un papel importantísimo, como quedou demostrado ante as crises das vacas tolas ou os polos con dioxinas. O consumidor pode denuncia-la sobreindustrialización da agricultura e tódalas consecuencias nefastas que produciu. É importante que os consumidores estean organizados, hai exemplos de cómo consumidores unidos reaccionaron dun xeito san e contundente ante certos abusos do mercado. O máis significativo é a vontade dos consumidores de interviren como protagonistas que son da sociedade, como actores importantes do circuíto comercial. Comezan a seren conscientes da gran capacidade que teñen para corrixir e moralizar, para crear un espírito de ética en todo o mundo do consumo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto