Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Economía Doméstica

Λ

Diesel versus gasolina: O diesel compensa a longo prazo

Hai 10 anos, só 13 de cada 100 coches que se mercaban no noso país eran de motor diesel. As cousas cambiaron drasticamente: no 2000 vendéronse en España 733.500 turismos de motor diesel, o que representa o 53% dos coches vendidos ese ano. A tendencia é clara, cada vez mércanse máis coches diesel.

  E explicacións non faltan: os diesel consumen menos combustible e ademais este é aínda un 15% máis barato cá gasolina, o que permite aforrar entre 2 e 4 pesetas por quilómetro percorrido, e a isto engádense as melloras técnicas (funcionamento máis suave e menos ruidoso) e de prestacións (maior potencia e axilidade do motor) dos diesel. Hoxe, de feito, son minoría os que defenden a ultranza o de "onde estea un motor de gasolina, que se quiten os diesel...". Quizais para equilibra-la balanza, unha ollada á evolución dos prezos do carburante nos últimos anos revela que o custo do gasóleo vai achegándose ó da gasolina e, ademais, os diesel aínda custan arredor dun 15% máis cós coches equivalentes en gasolina, aínda que é ben certo que o tipo de motores diesel inflúe no seu prezo: convencionais, turbodiesel, turbodiesel de inxección...

A elección non é doada: ¿compénsame pagar 250.000 pesetas ou máis de diferencia para aforralas no futuro? A clave para atinar é calcula-lo número de quilómetros que coidamos que imos facer co noso coche. Se nos achegamos ós 15.000 quilómetros ó ano, compensa o sobrecusto do motor diesel. Porque a reducción do gasto cotián que representa o consumo de combustible compensa. E o mantemento do diesel supón un custo semellante ou pode que menor, segundo a versión, có de gasolina.

Menos diferencias

Ata hai pouco máis de dez anos a razón obxectiva da compra dun vehículo diesel baseábase no baixo prezo do gasóleo respecto á gasolina e nun menor consumo. Pola contra, amais dun prezo maior, tiña que soportar vibracións, ruído e un conxunto máis limitado de prestacións.

Hoxe as cousas mudaron radicalmente: a diferencia de prezo entre o gasóleo e a gasolina diminuíu (un litro de gasolina de 95 octanos anda arredor das 140 pesetas; un de gasóleo, arredor das 120 pesetas) e os consumos dos dous tipos de motores baixaron considerablemente con respecto ós de hai unha década, se ben o dos diesel segue sendo menor.

A demanda deste tipo de motores contribuíu a que os fabricantes investisen en investigación tecnolóxica. Gracias á electrónica desapareceron os tradicionais inconvenientes dos diesel: menor reprís e velocidade punta e maior ruído. Os motores diesel de inxección directa ofrecen xa prestacións semellantes ós de gasolina. E gracias ós novos recubrimentos e illamentos reducíronse os ruídos e vibracións. No tocante ó ambiente, a contaminación do gasóleo reduciuse ata niveis semellantes ós da gasolina sen chumbo.

Diesel, aforro a longo prazo

Paga a pena preguntarse se o aforro cotián que supón o menor consumo e custo do gasóleo é abondo para decantarse por un coche con motor diesel e desbotar o menor prezo de compra dun equivalente de gasolina. Se se fan as contas, compróbase que só ós moi afeccionados ó motor de gasolina que non poden pagar un turbodiesel de inxección e ós que fan menos de 15.000 quilómetros ó ano ou proxectan venderen o seu coche en menos de 8 ou 10 anos, lles resulta rendible que o coche sexa de gasolina. Se o aforro no momento da compra non é fundamental, o diesel será a mellor opción para a maioría dos cidadáns.

Maior valor de revenda

Outro aspecto que cómpre ter en conta é que, segundo os especialistas, no mercado de segunda man un vehículo con motor diesel de inxección depréciase un 5% menos có seu equivalente de gasolina. Outro dato: non é difícil acada-lo 50% do prezo orixinal por un diesel de catro ou cinco anos. Mércase máis caro pero tamén se pode vender máis caro. Sen embargo, trala aparición dos motores turbodiesel de inxección, a cotización dos diesel antigos descendeu.

Mantemento e avarías

O custo de mantemento dun coche vén marcado pola periodicidade das revisións, que fixará o fabricante, e pola frecuencia e tipo de cambios de pezas e o custo destas. Os motores de gasóleo son máis resistentes cós de gasolina (duran máis quilómetros en boas condicións de uso) e o seu mantemento resulta algo máis barato, debido a que, segundo confirman os especialistas e profesionais, os diesel sofren menos avarías. Pero os amaños nos motores de gasóleo son máis caros, debido ó maior prezo das pezas de recambio e ó maior tempo de man de obra para a reparación, que se incrementa pola complexidade da mecánica dos motores de gasóleo. Cada marca propón un número de quilómetros distinto para as revisións (desde cada 5.000 ata cada 15.000 quilómetros) e tamén o aceite de recambio que cómpre usar, que pode ter prezos ben distintos.

Facer contas

Unha bo fórmula para comprobar se interesa mercar un diesel é contrasta-las diferencias dun mesmo modelo alimentado polos dous tipos de motores. Elixámo-lo coche máis vendido en España, o Citroën Xsara. A versión de gasolina 1.6i SX, de 110 CV de potencia, custa 2.500.000 pta e consume unha media homologada de 6,9 litros cada 100 km. A versión diesel máis equiparable é o 2.0 HDi de 90 CV, cun consumo medio de 5,4 litros e que custa 2.800.000 pta.

É dicir, o diesel custa 310.000 pta máis, as prestacións son semellantes e o seu consumo é 1,5 litros menor cada 100 km có de gasolina, se ben é certo que circulando só por cidade, a diferencia é aínda maior.

Considerando a diferencia de prezo entre a gasolina e o gasóleo e o consumo de ámbolos dous modelos, serán precisos entre 150.000 e 180.000 km para facer rendible a diferencia de prezo. Esta cifra traducida a anos, segundo a media de quilometraxe do noso país (15.000 quilómetros ó ano), indica que deberiamos usa-lo coche entre 10 e 13 anos para amortiza-lo sobrecusto do diesel. Recoméndase optar por un diesel se se superan os 20.000 quilómetros ó ano e incluso con menos, se se emprega o coche ata o final da súa vida útil en boas condicións.

De tódolos xeitos, antes de tirar conclusións cómpre compara-los custos entre as versións gasolina e diesel do modelo que nos interesa e doutros doutras marcas. O mundo do coche é moi cambiante, e os prezos varían. Hai que aproveita-las ocasións e ofertas, xa que nesta decisión nos xogamos demasiados cartos como para improvisar.


Relacións deste contido

Tamén che interesa

E ademais...

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto