Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A dieta nos meses de calor debe ser máis lixeira e rica en verduras e froitas de tempada
En épocas de calor o corpo agradece as comidas lixeiras e refrescantes. As froitas e verduras de tempada, cun elevado contido en auga e outros nutrientes esenciais para o noso organismo sacian a nosa fame e sede do xeito máis apetitoso e contribúen a mante-la nosa pel ben nutrida e hidratada.
O seu contido de fibra contribúe a enchernos sen que nos pese e potencia un bo funcionamento do intestino. Ademais, a súa riqueza en antioxidantes naturais protexe a nosa saúde. En definitiva, no verán a cuestión non é comer menos, pero si levar unha dieta diferente, xa que o número de calorías que precisamos é menor e a hidratación maior. Ó fin e ó cabo, trátase de obedece-lo propio corpo.
É sen dúbida un bo xeito de asegura-los niveis adecuados de líquidos que precisa o noso organismo para evita-la deshidratación. Estes alimentos presentan un baixo contido de calorías xa que na época estival o noso corpo non precisa tantas coma nas estacións máis frías co fin de mante-la temperatura corporal. Isto implica que debemos reduci-lo contido calórico da dieta para evitarmos aumentar de peso. Para iso, podemos incluír variedade de pratos pouco graxos e elaborados principalmente con verduras e hortalizas; ensaladas variadas (con hortalizas e arroz, pasta, patacas...), cremas e sopas frías, e na sobremesa froita fresca, ou por qué non, unha pequena porción de xeado ou sorbete ben frío como capricho para o padal e os sentidos.
Os zumes, sorbetes, licuados de froitas e sopas ou cremas frías elaboradas con hortalizas (de porro e pataca, de champiñón, gazpacho, de remolacha...), proporcionan unha gran cantidade de auga, vitaminas, minerais, hidratos de carbono e outras substancias non nutritivas, pero de importantes beneficios para a saúde, coñecidas como antioxidantes naturais e que se atopan maioritariamente nos alimentos vexetais. Nos últimos anos, investigouse o papel destas substancias en relación con enfermidades de máximo impacto en occidente, como son as enfermidades cardiovasculares, numerosos tipos de cancro, entre eles o melanoma ou cancro de pel, e mesmo outras directamente asociadas co proceso de avellentamento, como as cataratas e as alteracións do sistema nervioso. Conclusións destas investigacións demostran que unha dieta rica en antioxidantes constitúe un factor protector fronte ás devanditas patoloxías.
Berenxena, cabaciña, cebola, feixóns, leituga, tomate, cogombro, pementos, ameixas, figos, pexego, melón, sandía, uvas... As verduras e froitas convértense cada verán nos alimentos predilectos. Doadas de preparar e de consumir, e ademais, a un bo prezo, xa que o verán é a época na que maior cantidade e variedade se pode atopar nos nosos supermercados. Máis alá do seu sabor e da súa capacidade refrescante, son uns dos alimentos máis sans e recomendados polos expertos en Dietética e Nutrición. Se tomamos estes alimentos crus, aproveitaremos mellor tódolos seus nutrientes.
Cara ó verán, a necesidade de coidármo-la nosa pel é moi importante debido á radiación solar. Os raios solares son os principais agresores da nosa pel e o principal factor do seu avellentamento. Se se pon en práctica unha dieta que asegure a achega correcta de tódolos nutrientes básicos, poderemos mante-la nosa pel en perfecto estado de saúde, sempre e cando non a sometamos despois a baños de sol intenso sen ningún tipo de protección. Os ácidos graxos insaturados como o ácido oleico, presente no aceite de oliva e o aguacate, e a graxa presente en aceites de sementes, froitos secos oleaxinosos e o peixe (sobre todo o azul) son imprescindibles para manter unha pel ben estructurada e hidratada.
A vitamina A exerce un papel esencial na renovación da pel e das mucosas. Atópase nos alimentos de orixe animal: fígado, graxas lácteas, ovo, lácteos completos e a xeito de betacarotenos (o organismo transfórmaos en vitamina A cando o precisa) nas verduras de folla verde e de coloración vermella-alaranxada-amarelada (cenoria, tomate...) e en certas froitas (albaricoques, cereixas, melón e pexego...).
A vitamina E actúa evitando a acumulación de radicais libres (acción antioxidante) que no verán aumentan pola acción dos raios solares e provocan as denominadas "manchas de avellentamento". Atopamos boa cantidade de vitamina E no aceite de xerme de trigo, aceite de soia, xerme de cereais ou cereais de gran enteiro, aceites de oliva, vexetais de folla verde e froitos secos.
A vitamina C ou ácido ascórbico é tamén un antioxidante. Ademais, mellora a producción de coláxeno, unha proteína que mantén a pel tersa e sen engurras. O mellor xeito de incorporar esta vitamina é a través de froitas e verduras frescas e crúas. Abunda nos seguintes alimentos de tempada como o kiwi, melón, amorodos, amoras, pementos, tomate.
As vitaminas do grupo B: actúan sobre o estado da pel, cabelo, mucosas e interveñen nos procesos de renovación celular, entre outras funcións. Aparecen na maioría dos alimentos de orixe vexetal (verduras, froita fresca, froitos secos, cereais, legumes) e nos de orixe animal (carne e vísceras, peixe e marisco, ovos e nos productos lácteos). Cómpre prestarlle especial atención ó ácido fólico, que atopamos maioritariamente na verdura de folla verde, legumes verdes, froitas, cereais do almorzo enriquecidos e fígado.
O selenio: é un mineral con acción antioxidante, relacionado cun menor risco de aparición de certos tumores, entre eles o de pel. Atópase na carne, peixe, marisco, cereais, ovos, froitas e verduras.
O cinc: favorece a formación de novas proteínas (renovación celular) e o bo estado da pel e as mucosas (tonicidade e elasticidade da pel). Abunda na carne, vísceras, peixe, ovos, cereais completos e legumes.
Exemplo de receitas de zumes e licuados:
O mellor é, unha vez limpos e partidos en anacos os ingredientes, pasalo todo pola licuadora.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI