Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Precociñados ultraconxelados de pescada: Os a granel son tan bos coma os envasados, máis caros

  Analizáronse 8 precociñados ultraconxelados de pescada. Tres son "paos de pescada"; un deles Eurofrits e os outros dous a granel. Catro mostras son "variñas de pescada", dous de Frudesa e Pescanova, e outras dúas a granel.

Só queda por citar "Delicias de pescada" Pescanova. Todas son precociñados de pescada rebozada; a diferencia estriba no tipo de rebozado e no tamaño: os "paos" son o formato máis pequeno, seguido das "delicias". O máis grande é o das "variñas". O producto máis barato (paos a granel que denominaremos n.º 1) saía a menos de 500 pesetas o quilo, mentres que o máis caro (delicias Pescanova) custaba case 1.500 pesetas o quilo. As variñas Frudesa e Pescanova superaban as 1.000 pesetas o quilo. En xeral, as "a granel" son máis baratas, aínda que hai unha excepción: os paos Eurofrits, envasados, saen a pouco máis de 500 pesetas o quilo, mentres que as variñas a granel que denominaremos n.º 1, custan case 800 pesetas o quilo.

As tres preguntas clave

Ante este precociñado que tanto lles gusta ós nenos e que é tan cómodo para os pais e profesionais dos comedores escolares, facémonos varias preguntas: ¿será realmente pescada a materia prima? ¿canta pescada teñen? ¿ofrecen a mesma calidade os que se venden a granel? CONSUMER, logo de realiza-la súa análise comparativa, ofrece respostas. Mediante un estudio do ADN do peixe, comprobouse que nas oito mostras se usou exclusivamente algunha das variedades aceptadas de pescada. No tocante á segunda pregunta, en sete das oito mostras a pescada representa pouco máis da metade do producto (na outra, só o 34%). As que máis pescada teñen, un 61%, son as variñas de Frudesa (envasadas) e as n.º 1 a granel. En tódolos casos, menos peixe ca na preparación caseira. O que significa que estes precociñados achegan menos proteínas e máis graxa e calorías cós rebozados de peixe caseiros, polo que nutritivamente son menos recomendables para un consumo habitual. E con respecto á última pregunta, os precociñados a granel demostraron unha calidade equiparable ós envasados: non teñen menos pescada, o seu estado sanitario é correcto e resultan tan saborosos coma os envasados. Pero fallan na información ó consumidor: as catro mostras a granel incumpren a norma de etiquetaxe, xa que omiten datos obrigatorios.

Outras conclusións

Son as que seguen: as variñas conteñen máis pescada cós paos, tódalas mostras usan aceite de xirasol na elaboración e o seu estado sanitario era correcto, aínda que sete das oito mostras (a excepción: variñas Frudesa) contiñan listeria, axente patóxeno, pero en cantidade moi inferior á admitida. Tamén se comprobou que pagar máis non equivale a adquirir precociñados con máis pescada nin de maior calidade gastronómica. Na cata todos obtiveron resultados satisfactorios, e os dous mellores foron variñas Frudesa e variñas a granel n.º 1. A mellor relación calidade-prezo (se desculpámo-la súa incorrecta etiquetaxe) correspóndelle ós paos a granel n.º 1, que é a mostra máis barata (465 pesetas o quilo), queda ben na cata e ten un 53% de pescada. Para quen prefira os envasados, a mellor opción é variñas Frudesa: a 1.008 pesetas o quilo, teñen o 61% de pescada e conseguen a mellor puntuación na cata.

O que teñen

O ingrediente maioritario é a pescada, peixe branco que se caracteriza pola súa pouca graxa e a súa escasa achega calórica. Pero estes precociñados son calóricos, pola elevada cantidade de hidratos de carbono (no rebozado) e polo seu xeito de preparación, frixidos en aceite. As máis xenerosas na incorporación de peixe son as variñas Frudesa e as variñas a granel n.º 1, ámbalas dúas cun 61% de pescada. A mostra con menos peixe foi paos Eurofrits, cun 34% de pescada. O resto teñen entre un 51% e un 55% de pescada. O demais é rebozado. As catro mostras envasadas inclúen na súa lista de ingredientes a porcentaxe de pescada que conteñen. A análise demostrou que en dúas delas a presencia de peixe é algo inferior á declarada: Eurofrits indica un 40% de pescada e a análise demostrou só un 34%. En Frudesa é dun 61% cando anuncia un 65%. Son, en calquera caso, datos aceptables porque na elaboración se poden producir perdas.

En variñas Frudesa o rebozado é de pan relado, fariña de trigo e fécula de pataca, mentres que variñas Pescanova e paos Eurofrits empregan pan relado e fariña de trigo. Delicias Pescanova usan fariña de trigo, centeo e millo. Nas "a granel" non hai información ó respecto. No que coinciden tódalas mostras é no aceite empregado, de xirasol, segundo demostrou a análise que detecta tipos de aceite.

Sanitariamente correctos

Estes preparados de pescada son pratos precociñados e ultraconxelados ou conxelados rapidamente. Consómense fritidos co aceite a uns 180ºC, co que se elimina boa parte da súa carga microbiana, polo que é un producto máis seguro cós que se consomen en cru. Para comproba-lo seu estado hixiénico, efectuouse un reconto de microorganismos aerobios mesófilos. Tódalas mostras respectaban o límite fixado pola norma.

Comprobouse tamén a ausencia de Salmonela (axente patóxeno) en tódalas mostras. Pero todas menos variñas Frudesa contiñan Listeria, patóxeno difícil de eliminar xa que está presente na natureza de xeito habitual. A normativa permite unha cantidade de listeria á que non se achegou ningunha mostra. O estado hixiénico-sanitario dos oito productos é, polo tanto, correcto. Variñas Frudesa foi o único sen listeria e o de menos aerobios mesófilos, polo que se configura como o de mellor estado sanitario.

Os -a granel-, información insuficiente

A etiquetaxe dos catro productos envasados é correcta: anuncian que son ultraconxelados e nunha táboa indican o tempo que poden conservarse segundo o tipo de frigorífico ou conxelador. Esta mención é obrigatoria. As mostras de Pescanova indican que o producto debe manterse a -18ºC, e informan de que nos frigoríficos de 3 ou 4 estrelas pode conservarse só ata a data de "consumo preferente". Eurofrits e Frudesa sinalan que o tempo de conservación nestes frigoríficos é de "varios meses". En Frudesa indícase a data de consumo preferente pero co condicionante de que mantivera a cadea de frío a -18ºC. Outro dato obrigatorio, presente tamén nas catro envasadas, é a mención de que se se desconxelaron, non se deben volver conxelar. Ademais, en tódolos envases indícase o xeito de preparación do producto, aparece a lista de ingredientes coa cantidade de pescada e infórmase do valor nutritivo do producto.

Nos catro adquiridos a granel, o usuario descoñece boa parte da información. Só indicaban a denominación do producto e o prezo, e é obrigatorio, amais doutras cuestións, informar de que se trata dun producto ultraconxelado ou conxelado rapidamente, identifica-lo lote do producto e indica-la súa data de consumo preferente. A etiquetaxe destes productos a granel é, por conseguinte, incorrecta.

Trátase en tódolos casos de pescada

A denominación "pescada" engloba moitos peixes da familia merluccidae, pertencentes á orde Gadiformes e emparentados cos gádidos e os móridos. A lexislación non obriga a indica-la especie de peixe nos conxelados, pero estase elaborando unha nova regulamentación que obrigará a indica-la especie e o nome comercial e científico do peixe. Esta norma agrupará a pescada en dúas clasificacións comerciais: unha, Pescada, nome científico merluccius, entre as que se atopa a pescada europea (merluccius merluccius), pescada do Cabo, pescada austral ou de Chile, pescada arxentina, pescada negra e pescada prateada ou de Boston. E dúas, Pescada de cola, nome científico macruronus, que inclúe a pescada de cola neocelandesa e a pescada de cola patagona. Para determina-la especie de pescada empregada en cada mostra, realizouse unha análise segundo a técnica PECR, que consiste en illa-lo ADN do producto, amplificalo e realizar unha secuenciación xenética que identifica partes concretas do ADN, específicas de cada tipo de peixe. Eurofrits, Frudesa, Variñas Pescanova, Delicias Pescanova e variñas a granel n.º 1 usan "pescada de cola", xénero Macruronus. En variñas a granel n.º 2 e paos a granel n.º 1 non se identificou a especie, pero constatouse que pertence á familia merluccidae, polo que se trata de pescada. Paos a granel n.º 2 recorre á pescada do cabo de profundidade, Merluccius paradoxus. Polo tanto, tódalas mostras empregan pescada.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto