Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Entre o 80% e o 90 % do noso tempo transcorre en locais pechados con ambientes distintos e contaminados en maior ou menor grao
Moitos deses recintos dispoñen de sistemas de ventilación/climatización forzada do aire, que comezaron a proliferar na década dos 70. Trátase, polo xeral, de edificios herméticos que contan con ventás, aínda que non son utilizables para a ventilación natural senón para iluminación. A toma de aire realízase desde o exterior e distribúese cara ó interior. Son edificios funcionais que se destinan a miúdo a oficinas, comercios, grandes superficies, empresas, escolas, garderías, residencias, hoteis, e que tamén cumpren outras características: inmobles lixeiros e pouco custosos, superficies interiores recubertas de material téxtil ou sintético. Tamén algunhas residencias privadas e vivendas se construíron con instalacións de aire acondicionado, por considerarse que era un magnífico expoñente de confort.
Sen embargo, anos despois comezaron a describirse cadros clínicos, manifestacións que semellaban gardar relación co microclima xerado neste tipo de inmobles. Así, ante as evidencias, acabouse recoñecendo o Síndrome do Edificio Enfermo (SEE), que designa o conxunto de síntomas que presentan os individuos ocupantes destes bloques. Para podermos falar de edificios enfermos é preciso que máis do 20% dos seus ocupantes habituais presente algunha das manifestacións do SEE (picor de ollos, sequidade da pel, conxestión nasal, rouquén...). Agás nalgúns casos, non é unha patoloxía severa, aínda que polo de agora non se coñece ben. Ademais, o aire acondicionado non é o único responsable do SEE; outros factores e circunstancias poden orixina-los síntomas e as queixas: materiais de construcción, tipo de actividade, hábitos dos ocupantes, lugar onde se fai a toma exterior de aire...
Contaminantes ambientais como compostos químicos e biolóxicos poden estar presentes no aire e causar algún do síntomas. Os contaminantes máis significativos son dióxido de carbono, monóxido de carbono, vapores orgánicos, fibras, poeira en suspensión...
Os propios ocupantes convértense en fontes de contaminación: fumar orixina fume que é reciclado polo sistema e distribuído por todo o edificio e o mesmo acontece cos materiais usados para a limpeza e desinfección, co ozono desprendido polas fotocopiadoras, e con outros productos que se lanzan ó ambiente. Cómpre non esquece-los contaminantes que poden proceder do exterior en función de cómo se realiza a toma de aire exterior.
Os olores, os problemas de iluminación, o ruído tamén poden tamén contribuír ó disconfort e á aparición dalgúns síntomas. Pero son fundamentalmente a temperatura e o grao de humidade os que máis problemas xeran debido ás desigualdades existentes entre unhas zonas e outras do mesmo edificio, xa que é difícil que a súa distribución sexa homoxénea.
Tamén a ionización da atmosfera destes edificios se mencionaron como causa do SEE. Os ións son moléculas do aire que conteñen pequenas cargas eléctricas. Hai ións positivos e negativos, e están nunha proporción de cinco a catro nunha atmosfera equilibrada. Nas cidades hai un exceso de ións positivos, mentres que no campo e nas serras abundan os negativos. A ausencia de ións negativos nun ambiente pechado podería se-la causa de moitos síntomas segundo algúns expertos, pero non hai evidencia científica diso e tampouco o emprego de xeradores de ións evidenciaron beneficios.
A ventilación insuficiente é unha das causas que con máis frecuencia se aduce. A medición de CO2 é un bo parámetro para medi-la calidade do aire: cando as renovacións son insuficientes, a concentración de CO2 supera as 1000 ppm (partes por millón) e indica un mal funcionamento do sistema de ventilación. O aire "preparado" é unha mestura de diferentes proporcións de aire exterior e interior que foi filtrado, quentado ou arrefriado, humidificado ou deshumidificado en función das necesidades. Un funcionamento deficiente provoca cambios que son percibidos polos ocupantes e que ademais poden ser obxectivados coas medicións oportunas: concentración de CO2, temperatura, humidade relativa e absoluta e outros parámetros que esixen técnicas máis sofisticadas.
Organizacións nacionais e internacionais desenvolveron guías e estándares de exposición. Nelas defínense criterios para valora-la calidade do aire en función dos contaminantes químicos, biolóxicos, temperatura, humidade...
Algúns dos indicadores:
Os contaminantes biolóxicos como fungos ou bacterias reprodúcense doadamente en filtros, unidades de refrixeración ou paneis illantes das conduccións porque neles atopan condicións de humidade, temperatura e nutrientes que favorecen o seu crecemento. Para eliminalos hai tamén establecidos límites tolerables e estratexias de mostraxe, procedementos analíticos e recomendacións.
Non sendo nalgúns casos excepcionais, as patoloxías que aparecen non son severas. Os síntomas descritos máis a miúdo pódense agrupar en cinco categorías:
Tamén se describiron enfermidades máis graves: pneumonía por hipersensibilidade, febre dos humidificadores, asma, rinite crónica, dermatite... E, excepcionalmente, pero con carácter moi grave pode aparecer a temida Lexionelose, da que recentemente tivemos novas. A solución a estes problemas non é doada e moitas veces resulta custosa, pero os trastornos que afectan ós ocupantes destes edificios xustifican a adopción de medidas, como estudios da calidade do aire, análises das fontes dos problemas e prácticas correctoras para a súa solución.
En CONSUMER EROSKI tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI