Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Javier Martínez Plumé, profesor e experto en novas tecnoloxías aplicadas ó tráfico: "O conductor tamén é responsable dos problemas de tráfico"

 Javier Martínez Plumé é un físico especializado en Informática e Electrónica que desenvolve o seu labor de investigación e docencia no Instituto de Robótica da Universidade de Valencia.

O tráfico e os Sistemas Intelixentes de Transportes (SIT) centraron a súa carreira e levárono a participar en diversos proxectos, nacionais e internacionais, de estudios e aplicacións de novas tecnoloxías a redes viarias e sistemas de control, xestión e información do tráfico. Martínez Plumé será un dos poñentes do Congreso "A cidade na punta das súas mans" que desde o 21 ata o 23 de xuño organiza Bilbao 2001 no Palacio Euscalduna da capital biscaíña co propósito de analiza-los Sistemas Intelixentes de Transporte e a súa futura aplicación en cidades de tamaño medio, como solución ós problemas de transporte e mobilidade. Javier Martínez asegura que "falta pouco para que a sociedade interiorice a linguaxe das novas tecnoloxías aplicadas ó transporte e ó tráfico".

¿Qué son os Sistemas Intelixentes de Transportes?

Son un medio para regula-lo tráfico e lograr unha maior seguridade na conducción. Para entendérmonos, son paneis apoiados en iconas, símbolos e avisos, que aproveitan as novas tecnoloxías para procurar maior información tanto ás persoas que regulan o tráfico coma ós cidadáns, ben sexan conductores ou peóns. Por exemplo, cando chegamos a unha cidade e un panel nos avisa de ónde están os atascos e nos propón unha ruta alternativa, ou cando ó entrar nunha curva un sinal detecta que imos a demasiada velocidade e nos indica cun cartel luminoso que debemos reducila.

Queremos implanta-los SIT en tódalas estradas e vías que o requiran e conseguir que o cidadán as saiba interpretar e que lle resulten útiles. Aínda que as iconas están deseñadas para que as entenda todo o mundo, non estaría de máis que entrasen a formar parte do código de circulación, porque se non se entenden estes símbolos, pobre resultados obteremos. Falta pouco para que a sociedade interiorice a linguaxe das novas tecnoloxías e entren a formar parte da nosa vida cotiá no fogar e no traballo. Atopar nun cruce un panel que informa do estado das dúas vías será, dentro de poucos anos, o habitual.

Hoxe por hoxe, é pouco menos ca unha utopía pensar nunha cidade de medio millón de habitantes sen atascos en hora punta. ¿Pódense optimiza-los recursos dos SIT o suficiente como para organizar mellor a rede viaria urbana e radial?

Se os cidadáns non se afán a emprega-lo transporte público e se mantén a ratio de un coche-un ocupante, dificilmente se poderá facer fronte ás conxestións de tráfico por moitas novas tecnoloxías que se apliquen. O que si poden face-los SIT é optimiza-lo tráfico, pero a estrada ten unha capacidade, como a ten un tubo ó que lle resulta imposible absorber máis auga da que cabe nel. Pódense facer melloras, ampliando recursos e evitando turbulencias, pero non perseguimos imposibles que non se poden acadar.

¿Que beneficios lles reporta ós conductores a información do tráfico en tempo real?

O tráfico non ten un único responsable, son moitos os axentes e organismos involucrados. Un deles, e esquécese a miúdo, é o conductor, responsable directo dos problemas do tráfico. Se todos saímos á mesma hora da casa e empregámo-las mesmas vías para dirixírmonos ó noso destino, o normal é que se orixinen atascos. Os SIT non pretenden cambiar hábitos, pero si poden ofrecer información en tempo real do que está pasando na estrada, mesmo prognostica-lo que nun curto período de tempo vai acontecer, co que o usuario poderá tomar unha decisión en beneficio del e de todo o tráfico.

¿A través de que sistemas de comunicación se ofrece e recibe esa información?

Máis alá da radio tradicional, estanse popularizando outros moitos. Os paneis de mensaxes variables ofrécenlle alternativas ó conductor, e téñeno informado do que acontece, co que a sensación de seguridade aumenta. Se se chega a unha intersección, dúas vías para un mesmo destino, e un panel sinala que a poucos quilómetros hai unha retención nunha delas, o conductor poderá desvia-lo seu rumbo e toma-la vía alternativa. Conséguese así que a conxestión desapareza máis rapidamente, e que diminúa o risco de accidentes.

Os sistemas tecnolóxicos Wap e GPS ofrécenlle información ó conductor, pero é preciso lela, polo que conseguir estes datos pode provocar despistes e mesmo accidentes...

De feito, provócanos. Por iso, as investigacións buscan mellora-la interface co usuario, non obrigalo a ler nin a estar atento ás comunicacións, senón obtelas de xeito automático e oral. Os sistemas de orientación GPS ou os teléfonos móbiles WAP serven para marcar rutas, pero deben ser capaces de transmitir mensaxes faladas ó conductor. A Comisión Europea está fomentando o sistema RDSTMC apoiado na radio, que codifica as mensaxes de tráfico. O receptor do usuario no seu coche recíbeas descodificadas no seu idioma. Isto permite que se viaxo por Alemaña, recibir no propio idioma a información sobre as estradas alemanas.

¿Canto custará, en tempo e diñeiro, implantar este novo sistema?

O seu desenvolvemento no noso país está en fase de probas, pero as previsións son que nunha década o seu uso se converta en popular. No tocante ó prezo, acontece coma con tódolos avances tecnolóxicos. Hai uns anos, o airbag ou o aire acondicionado eran exclusivos das gamas altas de vehículos, e nestes momentos forman parte do equipamento de serie en coches utilitarios. O prezo do descodificador achégase ó dun aparello de radio para o coche.

¿Como se explica que se opte por instalar SIT en tramos viarios perigosos, nos fatídicos "puntos negros", no canto de modificar eses tramos de tan alto número de sinistros?

Non sempre é así, pero moitos cruces, curvas ou cambios de rasante convértense en puntos negros polo uso que fai deles o conductor, co que unha obra para cambialos se cadra non é a solución. E tamén pode acontecer que executa-la obra resulta imposible. Pode ser máis eficaz emprega-la tecnoloxía, implantar un panel informativo, un radar que ofreza información personalizada e vistosa, e non só o sinal de reducir a 40 quilómetros por hora, para conseguir que o conductor modifique o seu comportamento e circule á velocidade que permite ese tramo da estrada.

É doado, polo tanto, concluír que, amais de incorporar novas tecnoloxías, urxe mellora-la educación viaria.

Se se viaxa ós países nórdicos, onde as estradas por razóns de orografía e clima son de moi baixa calidade, un percibe que a seguridade, paradoxalmente, é altísima. De feito, teñen a menor taxa de accidentes de Europa. Débese á educación e ós hábitos adquiridos polos conductores que, aínda que teñan coches potentes, tenden a obedeceren as normas de circulación. Todo estriba en facer un bo uso da tecnoloxía.

¿En que medida as novas tecnoloxías poden axudar a reduci-lo número de víctimas nas datas de vacacións?

Pódennos axudar a informar máis e mellor ó usuario. Chegan as vacacións e queremos viaxar, pero se o facemos coñecendo tódolos datos, e non só os prognósticos senón tamén os acontecementos que están sucedendo mentres estamos en ruta, podemos adecua-la velocidade, adianta-la hora de xantar, aparcar e visitar unha localidade... Redúcese así a sensación de desconcerto, de intranquilidade e nervios, que xera a incerteza de descoñecer qué nos atoparemos dez quilómetros máis adiante.

A posibilidade de viaxar máis, máis lonxe e de xeito máis rápido define o transporte e, por extensión, o modus vivendi actual. ¿É iso o progreso?

Só se ás tres premisas se lles engade unha cuarta: viaxar máis seguro. Daquela, sen dúbida, si que se trata do progreso.

Non falamos do peón ¿Como o benefician os SIT?

Amais da seguridade que reporta que o conductor teña máis elementos para que a súa conducción sexa axeitada, onde máis e mellor poden actua-los SIT respecto ó peón é en potencia-la calidade dos servicios públicos. Se o peón viaxa en metro ou en autobús e no seu uso recibe unha información correcta e completa de tempo de agarda, altercados ou situación do tráfico, a súa confianza aumentará e esa garantía de recibir un servicio de calidade fará que converta en hábito a súa condición de peón e de usuario do transporte público.

¿Cal debe se-la velocidade nas diferentes partes da cidade?

Unha vía metropolitana, aínda que teña catro carrís e sirva de cinto da cidade, segue ocupando un espacio na cidade polo que é susceptible de sufrir accidentes chamémolos domésticos: o neno coa pelota, un can, o conductor que esquece sinala-la súa manobra con intermitentes... polo que se a velocidade supera os 50 quilómetros por hora, dificilmente se poderán evitar sucesos graves. Cómpre sermos conscientes de que estamos nunha cidade, onde hai semáforos, onde os sinais son os propios dese tipo de circulación. De feito, nas cidades aplicáronse moitas novas tecnoloxías, aínda que ás veces o cidadán non as percibe. Por exemplo, a colocación de sensores en lugares claves que determinan a regulación global do tráfico. Provócase un pequeno atasco nunha entrada para evitar atascos maiores noutras zonas. Todo está controlado para que un cambio concreto afecte de maneira simultánea ó tráfico en xeral.

Para rematar, ¿contemplan as novas tecnoloxías a necesidade de contar cun transporte máis sostible e menos agresivo co ambiente?

Neste momento, a sostibilidade baséase no maior uso do transporte público. As tecnoloxías procuran buscar e aplicar alternativas ecolóxicas sobre todo nos combustibles ou nos sistemas de transmisión, pero cómpre non esquecer que o fomento do transporte público, e isto implica melloras substancias e aplicacións de SIT, é a medida máis realista e posible se se quere actuar en beneficio do ambiente.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto