Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Ó longo de toda a vida pasan polo tubo dixestivo dun individuo unhas 100 toneladas de comida. Polo tanto, non resulta difícil de entender que algún deses productos estraños ó organismo produza, cedo ou tarde, síntomas desagradables
Estímase que o 20% da poboación española sofre algunha alerxia alimentaria e que dentro de vinte anos afectaranlle a un de cada dous europeos. Os estudios máis recentes indican a relación directa entre a posibilidade de atopar todo o ano alimentos "doutra tempada" e a aparición dos novos alérxenos, as substancias que producen reaccións alérxicas. A esta tendencia únese a maior sensibilidade da poboación fronte a estes procesos, xa que a globalización dos mercados introduciu nas dietas locais alimentos alleos a elas. Aínda que, en principio, a patoloxía non é perigosa, non hai dúbida da incomodidade e preocupación que provoca no consumidor o longo e sinuoso proceso do diagnóstico dunha alerxia. Por iso, é importante ter presente que os primeiros anos de vida son determinantes para potencia-las defensas naturais (a través da lactación materna) e coñece-los alimentos de risco que poidan axudar a identifica-las causas de diarreas, vómitos ou outros cadros clínicos típicos de alerxias.
¿Que son as alerxias?A miúdo a alerxia ós alimentos confúndese coa intolerancia ós mesmos. A diferencia entre unha e outra estriba en que na alerxia hai unha reacción do sistema inmunitario do individuo contra o producto e na intolerancia non.
A intolerancia ós alimentos débese a alteracións metabólicas (diminución ou ausencia de encimas) na maioría dos casos. Esas alteracións, de orixe xenética ou adquiridas cos anos, impídenlle a quen as padece a dixestión, asimilación e aproveitamento de certas substancias que conteñen os alimentos. Os síntomas que provocan son diversos: molestias gástricas (flatulencia, diarrea, cólico intestinal), cefalea, sensación de calor...
A alerxia ós alimentos dáse cando o sistema inmune reacciona fronte a unha substancia concreta (alérxeno) que é ben tolerada pola maioría das persoas. O alérxeno é principalmente unha proteína dun alimento co que o afectado entra en contacto por inxestión, contacto ou inhalación. A reacción máis común é a formación de anticorpos IgE (inmunoglobulina E). O proceso que seguen este tipo de alerxias é o seguinte: a primeira vez que se inxire o alimento causante de alerxia, o organismo produce as IgE específicas dirixidas contra algunha proteína dese producto. Na seguinte ocasión, os anticorpos reaccionan contra a comida estimulando a fabricación de histamina (substancia que produce o noso corpo en resposta a un dano producido na pel ou as mucosas, causado por un veleno ou toxina, e que dá lugar a unha reacción inflamatoria) e outras substancias químicas (chamadas mediadores) que causan os síntomas da alerxia.
O tratamento dietético é o máis eficaz e consiste en suprimi-los alimentos alerxizantes. Deste xeito conséguese que ó cabo duns anos o sistema inmunolóxico se normalice e que, en moitas ocasións, o neno acabe tolerando os alimentos que lle producían alerxia. Sen embargo, a miúdo a dieta de eliminación pode presentar inconvenientes, xa que hai substancias alerxizantes que non aparecen nas etiquetas (alimentos ocultos). E é que algúns alimentos ou substancias non se inclúen na etiqueta cando aparecen en proporcións baixas.
Ó falarmos de alerxia a un alimento, cómpre termos presente que se establecen familias de alimentos "alerxizantes" que poden provocar reaccións alérxicas en persoas sensibles. É dicir, unha persoa con alerxia ó leite de vaca presenta maior sensibilización cara á carne de vacún (tenreira, boi...). Quen é alérxico ó chocolate pódeo ser tamén ó cacao e á cola. Na familia dos chícharos inclúense amais deste legume, cacahuetes, feixóns secos, regalicia e goma tragacanto (E-413). Á familia da rosa pertencen amorodos, framboesas, amoras e outras variedades de framboesa.
Continuamente descóbrense novas substancias alérxenas. Os aditivos responsables do maior número de casos de afección alérxica son colorantes, conservantes e antioxidantes. Aínda que sempre se debe descartar un proceso alérxico ós fármacos, cando un paciente, decote un neno, presenta urticaria ou erupcións máis leves trala inxesta de xaropes de variada composición, o máis probable é que se trate dunha reacción alérxica ós aditivos, colorantes ou aromatizantes do medicamento. Este tipo de reaccións non acontecen case nunca nas primeiras tomas, senón a medida que avanza o tratamento. Isto débese a que esas reaccións son dose-dependentes: aparecen canta máis cantidade de xarope se inxeriu.
Hai unha situación na que se precisa algo máis cá inxestión dun producto para que se produza unha reacción alérxica por un alimento: o exercicio físico. Denomínase alerxia alimentaria inducida polo exercicio e comezouse a falar dela en 1980. As persoas que experimentan esta reacción inxiren un alimento específico ¿mazá e pexego son dous dos productos que inducen este proceso- pouco antes de practicaren deporte. A medida que o exercicio avanza e a temperatura corporal aumenta, aparecen proídos, mareos e algúns dos síntomas típicos das alerxias, como urticaria e inchazo. A maneira de previla é sinxela: non toma-los alimentos implicados durante as dúas horas previas a facer deporte.
Se pensa que algún alimento lle provoca alerxia, consúltello ó seu médico e non faga experimentos para confirmalo.En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI