Saltar o menú de navegación e ir ao contido
No noso país xéranse ó ano 15 millóns de toneladas de residuos sólidos urbanos, o que significa que cada cidadán produce 400 quilos de lixo ó ano, máis dun quilo ó día
Transformar estes refugallos urbanos en enerxía é factible. Sen embargo, constitúe unha das opcións máis complexas de enerxía renovable, debido á variedade de materiais orgánicos e á multitude de procesos de conversión que existen. O proceso consiste en transformar materia orgánica como residuos agrícolas e industriais, desperdicios varios, augas negras, residuos municipais, residuos gandeiros, troncos de árbore ou restos de colleitas en enerxía calórica ou eléctrica. Non obstante, aínda que se trata dunha enerxía renovable, non é exactamente unha enerxía limpa, xa que a combustión desta biomasa emite compoñentes químicos que prexudican as condicións naturais da atmosfera. Detractores e defensores da súa potenciación coinciden en que cando menos supón unha ponte intermedia para acadar unha producción enerxética baseada en métodos limpos e renovables ó cen por cen. Tamén afirman que é quizais a opción na que máis poden intervi-los cidadáns de a pé, xa que en moitos casos depende deles que os refugallos se poidan aproveitar na combustión. Por iso, insístese na necesidade de populariza-lo costume de distinguir en tres grupos o lixo: o orgánico, o vidro e o cartón. Minimiza-lo consumo de materias primas como envases ou separar de maneira selectiva os materiais son accións coas que calquera pode contribuír á xestión de refugallos urbanos, para así aproveitalos na obtención de enerxía.
A conversión termoquímica utiliza vexetais e refugallos orgánicos para producir calor mediante a combustión. Hai varias modalidades: pirólise (descomposición térmica de materiais que conteñen carbono cando non hai osíxeno), hidroxenación (obtéñense hidrocarburos dos refugallos orgánicos), hidrogasificación (o esterco convértese en metano e etano ó sometelo a presións elevadas) e, para rematar, fermentación e destilación (obtense alcohol a partir de grans e de refugallos vexetais).
Na conversión biolóxica aprovéitase a calor que se obtén da descomposición das bacterias aeróbicas (as que requiren osíxeno). Dous claros exemplos son o tratamento de augas negras e de fertilizantes que, sometidos a un proceso de descomposición, producen gas combustible gracias á dixestión anaeróbica.
Nun gran vertedoiro de lixo de Montevideo instalouse unha planta procesadora. Caváronse no chan grandes foxas subterráneas que se encheron con residuos fecais e se cubriron con arxila, illante natural. Na primeira foxa ou cela vertéronse 80.000 toneladas destes residuos. Este dispositivo, que produce enerxía a partir dos gases que libera a descomposición do lixo orgánico, está na súa fase inicial, pero prevese que xere un megavatio de potencia durante 20 anos. Así, tería a capacidade de alimentar 10.000 picos de luz de 100 vatios acesos as 24 horas do día durante 20 anos, ou o consumo medio de 300 fogares. O proceso de descomposición do lixo tarda en comezar entre seis meses e un ano, pero despois desprende gas permanentemente durante 20 anos.
Os metais representan o 11,7% do peso dos residuos sólidos urbanos e o 4,2% do seu volume constitúeno as latas. Fabricadas de ferro, cinc, folla de lata e, sobre todo, aluminio, convertéronse nun auténtico problema ó xeneralizarse o seu emprego como envase dun só uso. O aluminio elabórase a partir da bauxita, que un recurso non renovable e que na súa extracción está acabando con milleiros de quilómetros cadrados de selva amazónica. O exemplo máis coñecido de utilización da biomasa é a madeira: a fonte de enerxía máis antiga que coñece a humanidade. A madeira componse de celulosa e lignina, así como de amidón, bálsamos, alcohol etílico, alcanfor, colorantes, taninos, perfumes e resinas. Para producir calor durante a combustión da madeira requírese osíxeno e libérase dióxido de carbono.
Os refugallos orgánicos das grandes urbes, como os compoñentes orgánicos do lixo, poden empregarse para xerar enerxía eléctrica que pase a formar parte do sistema eléctrico global, pero tamén serven como productor enerxético doméstico directo, xa que na súa descomposición producen o gas metano que se pode distribuír polas canalizacións. Segundo a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación), esta será unha das principais fontes de enerxía do futuro, xa que estima que se poderá utilizar, entre outras, para o transporte. Aínda que tamén sinala que o seu emprego o determinará a pura necesidade, porque se esgotarán os combustibles fósiles.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI