Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Mercar na Internet non ten por qué ser máis inseguro ca no mundo físico. Só cómpre aprender cómo desenvolvérmonos neste novo medio
Os mesmos usuarios que non teñen reparo ningún en permitir que un camareiro desapareza detrás da barra coa súa tarxeta de crédito, desconfían cando se trata de teclea-lo número da mesma tarxeta en Internet. E é que é unha crenza estendida que a Rede é inherentemente insegura. O medo ó descoñecido fai que nun ambiente que lles resulta hostil, moitos consumidores se absteñan de botarlle man á carteira. No mundo físico todo o mundo coñece as regras de xogo (¿ou é que vostede non mira se as mazás están tocadas?), a clave agora é incorpora-las normas do novo mundo: o dixital.
Como dicía un articulista do New York Times, o comercio electr oacute;nico non é máis ca "unha venda por catálogo con estilo". O usuario contrata a distancia un servicio que, na maioría dos casos, lle chegará por correo ou mensaxeiro. Iso si, estes catálogos poden ser actualizados ó minuto e seren únicos para cada usuario, adaptándose ós seus gustos e apetencias.
Á hora de enfrontarse cunha tenda virtual é importante non deixarse confundir polos termos. Moitas tendas afirman que empregan servidores seguros para as transacción, pero, isto, ¿que significa?
Que as comunicacións entre o usuario e a tenda son, practicamente, inexpugnables, xa que viaxan encriptadas. Sen embargo, ninguén garante o que acontece nos dous extremos. Se o usuario ten un virus dos chamados troianos que rexistra tódalas súas accións agachado no ordenador, estará exposto a que un desaprensivo se faga con información comprometida cada vez que merque algo. Do mesmo xeito, se a tenda non é de confianza, de nada servirá que os datos non se corrompan polo camiño. A solución ó primeiro problema é sinxela: instalar un antivirus e actualizalo periodicamente. No segundo caso, sen embargo, é máis complicado avaliar cándo unha tenda debe gozar da confianza do consumidor, aínda que hai unhas pautas que poucas veces fallan.
O sitio-web debe estar instalado sobre un servidor seguro. Para comprobalo, basta con ver que no navegador Netscape aparece o debuxo dunha chave e no Explorer un cadeado pechado. Ademais, canta máis información ofreza o comercio sobre si mesmo, mellor.
Datos como un teléfono de contacto ou un enderezo postal permítenlle ó consumidor saber con quén está tratando. E é que, como di o aforismo, na Internet ninguén sabe que es un can, é dicir, é moi doado ocultar que o que parece un centro comercial impoñente non é máis ca un posto de feira.
Á hora de decantármonos por un sistema de pagamento, non o dubide. Se a tenda ofrece pagamento contrareembolso escóllao, así non aboará nada ata te-la mercancía nas súas mans. Non obstante, a maioría das tendas só permiten o pagamento con tarxeta de crédito. Nese caso, non é mala idea ter unha tarxeta destinada só ás compras on-line. Así poderá facerlle un seguimento exhaustivo a cada adquisición e comprobar que non lle efectúan cargos erróneos. Algúns comercios permiten da-lo número de tarxeta por teléfono. Non é que a Rede sexa moito menos fiable ca outros sistemas, pero a sensación de inseguridade que provoca en moitos consumidores fai que os comercios electrónicos ofrezan sistemas e garantías de todo tipo que converten a compra on-line en tan ou máis segura cá tradicional.
Sen embargo, os erros existen. Un informe da consultora Baquía sinalaba que España non é precisamente un bo exemplo: case o 100% das tendas on-line presentan algún defecto, aínda que a propia consultora lle bota a culpa á dispersión lexislativa do feito e alega que "o máis probable é que estas empresas nin sequera sexan conscientes dos seus erros". Segundo o mesmo informe, o número de tendas con fallos graves non chega ó 15%.
O consumidor que dea o paso vai atopar na Internet vantaxes que no mundo tanxible serían impensables. Unha das máis evidentes é a sinxeleza e comodidade para comparar prezos. Non se trata só de que o internauta poida desde casa e sen quita-lo pixama percorrer unha por unha as tendas dixitais para descubrir cál é a que dispón de mellores ofertas. Hai sistemas como Mysimon que realizan xa de maneira automática e gratuíta esta comprobación. Os resultados actualízanse cada poucas horas e permiten coñecer de primeira man ónde se debe adquirir un producto. Estes son os auténticos centros comerciais da Rede. Do seu desenvolvemento dependerá en boa medida o avance do comercio electrónico, sobre todo, porque analizan a calidade dos sitios-web que se dedican ó comercio electrónico e ofrecen clasificacións de grande axuda á hora de elixir un lugar para mercar.
E se, así e todo, a compra sae mal, non esqueza que, como en calquera outra compra a distancia, ten sete días para reclamar. Iso si, asuma que é moito máis difícil facer valer os seus dereitos nunha tenda de Arizona ca nunha próxima. Pero, antes de deixarse cegar polos perigos (que os hai) teña en conta un dato: o 70% dos clientes da ciberlibrería Amazon repiten. Por algo será.
Dispoña dunha tarxeta de crédito unicamente para as súas compras on-line. Seralle máis doado seguirlle a pista a cada adquisición que realice.
Repare en ónde está emprazada a tenda: para Internet non hai distancias, pero para Correos si. Calquera internauta que domine o inglés entrará coa mesma facilidade nunha tenda de Albacete ca nunha de Idaho, pero os gastos de transporte dun sitio e doutro pode que non compensen a posible rebaixa no prezo. Sopese as alternativas.
Visite sitios-web que comparan prezos en diferentes tendas, sobre todo, cando se trata de productos idénticos (electrónica, discos, libros...). Cando os dous comercios teñen a mesma credibilidade, non paga a pena pagar máis polo mesmo.
Comprobe que a empresa ten un teléfono de contacto e un enderezo postal. Un correo electrónico e a dirección dunha web non é abondo para descubrir quén está detrás do ordenador.
Moitas tendas virtuais ofrécenlle-la posibilidade de publicar un comentario ós clientes que xa completaron a compra. Lea tódalas opinións sobre o producto desexado e non esqueza que eses comentarios poden estar amañados.
Esixa que a transacción se efectúe sobre un servidor seguro (en Explorer péchase o cadeado e en Netscape aparece unha chave), pero non se confíe. Os servidores seguros son imprescindibles, pero iso non é abondo para salvagarda-la súa seguridade.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI