Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Chega o bo tempo, e con el a preocupación por recuperar un aspecto físico que resalte os nosos puntos fortes e oculte ou faga desaparecer aqueles de os que menos podemos presumir
Todos somos conscientes da importancia do noso aspecto exterior nas relacións que mantemos cos demais e mesmo na nosa propia autoestima. Podemos facer oídos xordos a tanta imposición procedente da publicidade, o cine, a TV, a moda..., vivir á marxe desta dictadura estética e sentírmonos satisfeitos co noso aspecto aínda que sexa pouco agraciado. Pero, ¿que acontece se nos gusta agradar e transmitir unha boa imaxe, pero, asemade, non aceptamos participar desa frustrante obsesión por alcanzar unhas metas que non podemos acadar? O que a maioría de nós pretendemos é, simplemente, amosar un físico que fale ben de nós, explotando ó máximo os nosos propios recursos e, en definitiva, gustarlles ós demais, pero sen que iso signifique sometérmonos a tiranía ningunha ou prexudica-la nosa saúde.
Unha boa opción sería concibi-lo tema como un xogo lúcido e creativo, no que cada un converte o seu corpo nun envoltorio o máis suxestivo posible e á vez coherente coa imaxe que ten de si mesmo. Tódalas alternativas son posibles, pero as máis compasivas co noso equilibrio emocional serán as que partindo do exercicio da nosa liberdade e sistema de valores, nos posibiliten unha presencia física que consegue que nos sintamos a gusto no noso corpo. E vivir sen obsesións nin traumas ó respecto. Non esquezamos que unha boa parte do atractivo que comunicamos depende de cómo nos vemos a nós mesmos.
As persoas fisicamente atractivas son consideradas máis persuasivas e teñen máis posibilidades de atopar parella. Son máis apoiadas socialmente e xeralmente funcionan mellor coa linguaxe non verbal. Ademais, é habitual que estean mellor adaptadas ó medio no que viven, que resulten máis desexables para os demais, que produzan unha mellor impresión inicial e que sexan percibidas como máis competentes, máis sas e mesmo menos propensas a desenvolveren enfermidades mentais. E, para rematar, vense como máis dotadas no ámbito das relacións sentimentais. Todo o anterior (así de crúa é a realidade) baséase na premisa "Todo o fermoso é bo", descrita por Dion, Berscheid e Walster en 1972. Segundo este principio, aprendeuse a cataloga-las persoas como boas segundo as pautas que foron transmitindo os medios de comunicación, sobre todo, o cine, no que se establecen predeterminadamente as caras que lles corresponden ó bo e ó malo da película. Un concepto esencial é a autoimaxe corporal, ou percepción das calidades e atributos físicos de un mesmo. A insatisfacción reflicte a discrepancia entre os atributos físicos autopercibidos e os estándares sociais que o suxeito foi interiorizando.
O atractivo físico é fonte de influencias sociais, que case sempre operan a favor da persoa que cumpre o modelo de beleza. Como demostra P. Popovich, os xurados dos EEUU son máis benevolentes cos inculpados de acoso sexual cando son homes atractivos e a víctima é pouco agraciada. O atractivo tamén favorece o acceso a diversos escenarios sociais e profesionais: a política, a TV e o cine, a moda e a publicidade, as relacións públicas... No tocante ó liderado, unha persoa fermosa é xeralmente considerada máis exitosa e con maiores habilidades sociais, máis ambiciosa e competente.
Compararse con ideais elevados pode ser devastador, ó conducir a sentimentos de pouca valía persoal e ó desenvolvemento de desordes alimenticias. E a imaxe que se ten de un mesmo depende das modas e as circunstancias sociais. Non son iguais os ideais de beleza dos anos 40 e os actuais. A influencia será maior sobre persoas máis inseguras, ou cun gran sentido do ridículo, e sobre as máis susceptibles á presión cultural. As mulleres que se achegan máis ós seus propios modelos de beleza presentan niveis de autoestima maiores e manifestan sentimentos máis positivos sobre si mesmas.
A imaxe saudable é un factor relacionado co atractivo físico, pero non se corresponde sempre con estados de saúde correctos. Isto vese na percepción que se ten do bronceado na pel, tipificado como expresión de saúde malia a estar asociado ó avellentamento prematuro da pel e mesmo a unha maior propensión ó cancro de pel.
Dos artigos publicados pola revista Journal of Applied Social Psychology, conclúese que o atractivo físico é unha montaxe social determinada culturalmente e que varía segundo patróns de estética e tendencias que dicta a moda, que á súa vez inflúen sobre o establecemento de relacións sociais, e os xuízos sobre a propia imaxe corporal. Por outra banda, as persoas con máis sentido do ridículo ou menos criterio son máis susceptibles á comparación social e á influencia dos estereotipos estéticos. É conveniente que todos teñamos un ideal de beleza realista, alcanzable. O bronceado, as posturas físicas que adoptamos, a maneira de relacionármonos cos demais, a ollada, ou manter un peso axeitado son esenciais á hora de determina-lo nivel de beleza das persoas.
O atractivo físico inflúe nas relacións interpersoais e na formación da autoimaxe. Polo tanto, está na base da autoestima das persoas e o condicionamento é tan grande que pode determina-la actitude ante a vida ou poñer en perigo a calidade desta.
A maioría das mulleres desexan ser máis delgadas. Esta discrepancia na autoimaxe está detrás de trastornos alimenticios como a anorexia ou a bulimia. E moitos homes queren un peso diferente ó que posúen; algúns están descontentos coa súa musculación e desexan unha constitución máis atlética, outros sinxelamente soñan con adelgazar. Cando eles aspiran a gañar peso, buscan aumenta-lo seu peso muscular. No tocante ó tamaño do busto feminino, aínda que eles prefiren en xeral un máis grande ca elas, un tamaño medio resulta atractivo para ámbolos dous sexos.
O ideal sobre a cor dos ollos é bastante congruente coa propia cor de ollos; sen embargo, a maioría das mulleres do noso país asumen que os homes prefiren que os teñan azuis. Tamén se sabe que as mulleres presentan maiores discrepancias cós homes entre o seu aspecto ideal e o real no que se refire á musculatura, pel, peso... Agora ben, homes e mulleres descontentos preocúpanse de igual maneira en melloraren a súa aparencia física. A insatisfacción co corpo aumentaría despois dos vinte anos nas mulleres e nos homes aínda non se determinou unha idade na que comeza esta percepción. As mulleres obesas considéranse menos atractivas e desexables como parellas, e considérase que posúen menos habilidades sexuais. Por iso, poden ser percibidas con menores posibilidades de manter unha parella sexual estable, e mesmo de experimentar desexo sexual. Pola súa banda, os obesos son considerados menos atractivos no ámbito sexual e menos desexados como parella.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI