Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Buscar emprego: Amizades e coñecidos, a vía máis eficaz

Intermediarios: diferencias en resultados e en rapidez

Despois de establece-los criterios que máis se valoran nun emprego, chega o momento de utiliza-los intermediarios do mercado de traballo (o nexo entre os empregos e os candidatos) para contactar coas empresas que máis se achegan ás nosas aspiracións. Cantos máis se utilicen, máis posibilidades de éxito haberá.

ETT:empresas privadas que contratan persoal e o poñen á disposición das empresas usuarias por un período de tempo. A súa mala imaxe está desaparecendo gracias á Lei de Converxencia Salarial de agosto de 1999. Segundo esta normativa, os traballadores contratados por unha ETT deben recibi-lo mesmo salario cós contratados directamente pola empresa usuaria. O principal mercado destas empresas é o sector servicios, seguido da industria e a construcción. Do 15% ó 20% das contratacións laborais realízanse mediante as ETT, que constitúen unha excelente canle de acceso para mulleres que permaneceron lonxe do mundo laboral durante un longo período de tempo ou mozos que aínda non accederon ó mercado profesional e demandan diñeiro urxente ou experiencia laboral. Isto débese á facilidade, rapidez e transitoriedade dos traballos que ofrecen as ETT. Non son o mellor xeito de acadar traballo estable, aínda que despois de varias experiencias a través de ETT un de cada tres empregados permanece na empresa usuaria.

Axencias de colocación:entidades que colaboran cos servicios públicos de emprego como intermediarios no mercado laboral, para axudar ós traballadores a atoparen un posto e ós empregadores á contratación dos traballadores axeitados para satisfaceren as súas necesidades. Estas axencias, aínda que non é o habitual, poden cobrar polos seus servicios. Hai que inscribirse nelas e agardar a que chamen con ofertas de emprego. Non son apropiadas se urxe atopar traballo, xa que ofrecen resultados a longo prazo. O 6% das contratacións laborais conséguense mediante estas axencias.

Servicios Públicos de Emprego (SPE): institucións públicas (INEM...) que actúan como intermediarios do mercado de traballo e lle ofrecen a toda a poboación activa a posibilidade de beneficiarse dos seus servicios (orientación ó emprego, formación gratuíta, fomento da inserción laboral de sectores con dificultade para iso, servicios de asistencia ó autoemprego...). A busca de traballo a través dos SPE é máis axeitada para os desempregados de longa duración, parados maiores de 45 anos e outro tipo de sectores que revisten dificultade para a súa inserción. Os SPE non dispoñen dunha grande oferta de empregos e tampouco ofrecen unha alta porcentaxe de colocación (8-10%).

Para emprega-los SPE é preciso inscribirse na oficina de emprego que por distrito postal corresponda. Malia á lentitude na busca e á escasa adaptación das ofertas ás condicións persoais de formación, os SPE son un bo medio para obter información, asesoramento e ampliar contactos co mercado laboral.

Internet: ofrece multitude de portais especializados en formación, asesoramento e busca de emprego. Aínda esixen grandes doses de paciencia para inserir nos portais un currículo e para atopar neles as ofertas que se adaptan ó perfil do solicitante, pero melloran día a día e simplificaron o seu uso. Proba diso é o espectacular aumento da porcentaxe dos internautas que os visitan (utilizábaos un 2% en 1998, fronte a un 36% actual) e que as empresas cada vez realizan máis contratacións mediante os portais de emprego (ata un 6% dos seus traballadores). Afórranlles tempo e cartos tanto ós solicitantes de traballo coma ás empresas. O perfil do internauta que busca traballo é un home ou muller de entre 20 e 34 anos, de clase media-media e media-alta, con experiencia e elevada formación. Os postos máis buscados son informáticos, enxeñeiros industriais e empregados dos sectores da banca, hostalería e turismo. Ó introducir nestes portais un currículo, é importante ser precisos e delimitar ó máximo o perfil, por dous motivos: o primeiro, para non ve-la nosa conta de correo inundada de ofertas inservibles, e o segundo, porque un currículo pouco conciso é desbotado cando unha empresa solicita un candidato con características moi concretas.

Anuncios de emprego na prensa: só un 2% dos contratos laborais son froito das ofertas de emprego publicadas na prensa, aínda que polo menos mediante estes anuncios se observan as tendencias do mercado e cáles son as profesións máis e menos demandadas. As empresas valoran de maneira moi negativa a quen contesta compulsivamente ás ofertas de emprego publicadas. Por iso, cómpre ler de vagar os anuncios e ver qué requisitos son excluíntes e cáles non para o posto, xa que raramente se cumpren todos (non é o mesmo "valóranse coñecementos de inglés" ca "dominio do inglés"). Se, analizada esta cuestión, o aspirante considera que cobre os requisitos fundamentais, é o momento de preparar unha boa carta de presentación, axustada á oferta e que lle permita diferenciarse o máximo posible de quen contesta de maneira compulsiva. Esta opción de buscar emprego permite que sexa o candidato quen elixa as ofertas que se adaptan ó seu perfil, condicións e aspiracións.

O boca a boca: é a rede social de contactos persoais. O que tradicionalmente se denominaba enchufismo hoxe coñécese como rede de relacións ou networking. Trátase de revisa-la nosa axenda de contactos para ver quén pode recomendarnos para un posto de traballo ou, cando menos, facilitárno-lo camiño de entrada a unha empresa. Esta rede técese de maneira espontánea e constitúe o xeito máis rápido e eficaz de detectar un posto de traballo: ata o 70% dos postos de traballo se atopan a través de amizades ou coñecidos, e serve tanto para dar co primeiro emprego como para cambiar a outro. A rede social débese coidar e fomentar, ata conseguir que se transforme nunha cadea xeradora de novos contactos. Non resulta o método máis eficaz para dar froitos de maneira inmediata pero, sen lugar a dúbidas, é o medio móis productivo a medio e longo prazo. Require un grande esforzo de orde e atencións, pero paga a pena.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto