Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A camiño entre deporte, paseo e viaxe, o sendeirismo é unha das actividades de lecer que máis adeptos gaña nestas datas, por combina-lo contacto directo coa natureza e un exercicio tan intenso como desexa quen o practica
Federacións de montaña e organizacións ecoloxistas coinciden en sinalar que se trata dunha práctica cada vez máis popular, pero que se realiza a miúdo de maneira indebida. Quen visita esporadicamente as zonas propicias para o sendeirismo non sempre se decata das agresións ás que pode someter estas paraxes naturais e esquece un dos principios básicos do sendeirismo: o respecto ó medio natural.
Un sendeiro é un itinerario deseñado para visitar lugares de interese paisaxístico, cultural, turístico, histórico e social a través de camiños ou pistas. Distínguense catro tipos:
O elemento básico para o sendeirismo é o calzado. Aínda que calquera calzado cómodo serve para andar por un camiño en bo estado durante un par de horas, se pretendemos facelo durante todo o día, considerando que na nosa ruta atoparemos toda clase de terreos, deberemos elixir un calzado máis axeitado. A oferta do mercado é amplísima, aínda que sempre debemos optar por un que amarre ben o nocello. Para quen pensa adquirir calzado específico para sendeirismo, o máis conveniente é consultar cun experto que o asesore sobre os tecidos de última xeración e sobre qué tipo de bota ou zapatilla de trekking se adapta mellor ás súas necesidades.
A mochila é tamén importante, aínda que para saídas dun día non se precisa nada especial: algo de comida, unha gorra, un teléfono móbil, unha botica básica de primeiros auxilios e, segundo a época do ano, unha prenda de abrigo, gafas de sol e un impermeable.
Por suposto, cómpre non esquecérmo-la auga. E se no camiño atopamos fontes (de auga potable, ¡ollo!) convén aproveitalas para beber e enche-la cantimplora, nunca se sabe ónde atoparemos outra.
Algúns resultan decisivos para que o primeiro contacto co sendeirismo nos deixe unha boa lembranza e nos anime a repeti-la experiencia. Amais de coñecer teoricamente a ruta e estar ben equipado, hai que aprender a dosificarse. Por exemplo, non debemos afronta-la subida a un monte do Pirineo sen ter xa o hábito de andar (costa arriba) durante varias horas. No sendeirismo é esencial non esgota-las forzas e camiñar relaxado, polo que non se debe un frustrar se ó principio as pernas non responden e as pendentes se eternizan. Irase collendo resistencia e potencia ós poucos. Cómpre tamén non esquece-lo quecemento: o bo camiñante sabe que antes e despois de comezar a andar hai que efectuar estiramentos para aface-los músculos ó esforzo.
O sendeirismo non é un deporte extremo, pero require dunha técnica superior á do simple camiñar. O primeiro que debemos aprender é a mantérmo-la calma se xorde algún problema. E sairemos máis doadamente das situacións difíciles se non esquecémo-lo teléfono móbil, informámo-la nosa familia ou amigos sobre a ónde nos diriximos e se camiñamos sempre acompañados. Para atravesar un río (só se a corrente non é perigosa e a profundidade non supera o xeonllo), avánzase de pedra en pedra cun pé detrás do outro, buscando o equilibrio dinámico. Ó descender pendentes, hai que baixar mirando a pendente e chantando os talóns a cada paso para garda-lo equilibrio, e evita-las caídas ou rodar incontroladamente. Tamén para as subidas hai truco: tomalas con calma, con pasos curtos e camiñando a relanzo. É preferible evita-las zonas de silvas, arbustos espesos e matogueiras, xa que saír deles pode resultar esgotador e facer que rematemos cheos de rabuñaduras. Ademais, nestas zonas é máis doado perde-la orientación. Se nos desorientamos e non atopámo-la seguinte marca nun penedo ou árbore, teñamos en conta os puntos cardinais: o sol sae polo Leste, ponse polo Oeste e está ó Sur. A carriza das árbores proporciona outra pista: indican o Norte.
Se cae o neboeiro, unha das máis perigosas dificultades que presenta o monte, hai que descender ata buscar un río e seguilo, xa que sempre nos levará a unha poboación. Se nos sorprende unha tormenta eléctrica, cómpre evita-los lugares altos, e deberémonos desfacer dos obxectos de metal, amais de buscar un descampado para afastármonos das árbores. Se cae a noite, o mellor é buscar un refuxio entre as árbores e quedar quedo ata o amencer.
En CONSUMER EROSKI tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI