Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Os puntos de partida na Rede: Buscadores

Internet compárase a miúdo cunha gran cidade onde é posible atopar información sobre calquera tema. Pero, nesta urbe, faltan mapas detallados que expliquen ónde están todas e cada unha das bibliotecas. Por iso, os seus habitantes confórmanse con guías incompletas que os orienten na singradura por este océano de webs. Iso son os buscadores: páxinas web que analizan a Rede para que os usuarios atopen os lugares onde está a información que precisan.

  Os buscadores divídense basicamente en tres tipoloxías distintas: índices, robots e metabuscadores. O uso dos tres sistemas non presenta grandes diferencias, polo que é posible que os usuarios non distingan en cál deles realizan decote as buscas. Todos amosan un recadro no que o internauta debe introduci-los termos clave que desexa atopar. O que varía é o xeito no que se debe presenta-la cuestión, xa que, nalgúns casos, se pode complicar con elaboradas regras lóxicas. Pero non hai por qué se preocupar, a maioría conta con puntos en común. Iso si, non está de máis ler detalladamente a axuda que ofrece cada ferramenta para sacarlle todo o seu potencial.

Índices, os pioneiros

Foron os primeiros buscadores en Internet, e aínda hoxe son unhas das mellores vías para atopar webs de calidade. O seu funcionamento é moi sinxelo: só engaden á súa base de datos as páxinas que solicitaron a inclusión de maneira expresa. Ademais, en moitos deles un operario de carne e óso debe da-lo visto bo ás novas incorporacións. Este feito limita o número de páxinas entre as que se realizan as buscas, pero garante que as que aparezan respondan ás expectativas.

Robots, cantidade sen orde

No lado oposto dos índices están os robots. Estes buscadores non esperan pacientemente a que os xestores das páxinas acudan a dalas de alta. Dispoñen de programas (arañas, no argot internauta) que percorren a Rede de principio a fin para incluír nas súas listas de xeito automático tódalas web que atopan polo camiño. Ó primeiro, pode parecer un sistema máis avanzado, pero sofre un gran lastre: as respostas incluirán tódalas páxinas que, dun xeito ou outro, incorporen as palabras solicitadas. Ó buscador élle indiferente que aparezan fóra de contexto ou que a páxina amose información desfasada e sen interese. A única medida para ordena-los resultados e situar unha web antes ca outra consiste en que as palabras solicitadas se repitan ó longo da páxina e se sitúen preto da cabeceira. A consecuencia máis evidente desta medida é que unha busca con máis dun milleiro de resultados será pouco operativa, xa que obrigará ó internauta a comprobar cada resposta para ver se se axeita ó que esperaba atopar. En casos concretos (atopa-la letra dunha canción ou todo o referido a un personaxe), trátase dun sistema válido, pero, en xeral, obrigará a que o usuario realice un traballo extra para interpreta-los resultados. O robot ou motor de busca máis clásico é Altavista, pero na actualidade Fast Search usurpoulle a primacía no tocante ó número de páxinas enlazadas.

Metabuscadores, para buscas inxentes

Cando nin cos índices nin cos robots se atopa o desexado, sempre queda a opción dos metabuscadores. A diferencia dos anteriores, non contan con ningunha base de datos propia na que face-la súa propia lista de páxinas recomendadas. Limítanse a redirixi-las preguntas que reciben a varios buscadores á vez. Deste xeito, conseguen un número inxente de resultados que ofrecen sen ningún tipo de orde. O seu uso adoita ser complicado, pero cando non se atopa unha páxina en concreto convértense na única saída, polo que é conveniente aprender a manexalos.

Google, caso á parte

  En rigor, amais destas tres categorías, hai unha cuarta que inclúe un único buscador: Google. É aclamado pola maioría de expertos como o mellor de tódolos que habitan o espacio dixital. O seu logro é axunta-las vantaxes dos índices e dos robots nun sistema que inclúe unha gran cantidade de webs, pero que, ó mesmo tempo, usa un sistema automático para xerarquizalos. Deste xeito, os que aparecen primeiro son a miúdo os máis importantes, con todo o que isto implica.

Todo o sistema aséntase nun concepto tan sinxelo coma brillante: as webs de maior calidade son citadas con maior profusión cás mediocres. Así, o sistema amosa primeiro as que máis veces aparecen noutras páxinas. E o certo é que funciona. Ademais, trátase dun dos poucos buscadores que non se transformou en portal. É dicir, ofrece única e exclusivamente buscas: nin correo electrónico, nin chat, nin decenas de canais que retardan a carga das páxinas. Unha auténtica xoia que non amosa publicidade e basea o seu negocio en revende-lo seu sistema de busca.

A elección de buscador é básica para moverse con dilixencia por Internet. Os resultados que os diferentes sistemas ofrecen poden non parecerse en nada, xa que cada un analiza a Rede cun prisma distinto. É importante coñece-las súas vantaxes e inconvenientes para ser quen de tirarlles o maior proveito. Ó final, o internauta creará unha rutina propia na que empregue un número limitado de buscadores que sacien o seu apetito de ciberespacio.

Navegar á carta

Google: O máis sinxelo e potente. A súa imaxe austera esconde un complexo sistema que amosa as páxinas máis relevantes por riba do resto.

Yahoo!: Foi un dos primeiros buscadores da rede e aínda hoxe mantén a súa primacía. Ten edicións especiais para a maioría dos países industrializados (en España está en www.yahoo.es).

Altavista: No seu tempo foi un dos que máis visitas congregaba, hoxe permanece coma un dos máis coñecidos. As diferentes versións ó longo e ancho do mundo repiten mimeticamente o ofrecido pola súa central de Palo Alto en California.

Terra: O portal hispano é herdeiro dun dos primeiros buscadores en español: Olé. Na actualidade, e desde a adquisición doutro dos grandes, Lycos, ofrece, amais das buscas, unha enorme cantidade de contidos.

El índice: Conxunto de webs españolas ordenadas tematicamente. A selección é atinada, pero o deseño resulta un pouco pobre.

Fast Search: Fai gala de se-lo máis rápido, pero é tamén o que ten catalogadas máis páxinas.

Ask Jeeves: Permite facer preguntas directas en linguaxe natural, como: "¿onde podo atopar información sobre cans?". Non é moi preciso, pero indica cómo serán os buscadores no futuro.

Metacrawler: Un xeito rápido de realizar buscas en máis dunha páxina á vez.

Buscopio: Recompilación de buscadores temáticos e xeneralistas. Navegar polas súas páxinas deixa ás claras ata qué punto hai ferramentas para tódolos gustos.

Webcrawler: Metabuscador que pretende acabar coa imaxe de ferramentas difíciles que sempre tiveron esta clase de páxinas. Inclúe múltiples servicios.

Open Directory: Amplísimo directorio mundial que delega en voluntarios de todo o orbe a inclusión de novas páxinas. Adáptase ó idioma local e ofrece peculiaridades para cada país.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto