Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Unha decisión difícil, sobre a que debemos reflexionar con datos na man: Elixir colexio

Máis dun millón de alumnos de Educación Infantil (nenos de entre tres e seis anos) asistirá por primeira vez ó colexio o vindeiro curso escolar. Deles, aproximadamente o 65% incorporarase a centros públicos ou concertados, e o resto a escolas privadas.

¿Público ou privado?

A primeira decisión é optar por un centro público ou privado. Pero este dilema non procede en moitas familias: as moi superiores tarifas dos colexios privados e concertados obríganas a escolarizaren os fillos en centros públicos, independentemente de que os seus desexos fosen outros. Moitos pais, ninguén o dubida, levan os seus fillos a centros públicos por motivos (como a suposta mellor cualificación dos mestres ou a maior facilidade para que se dea a convivencia entre nenos de tódolos sectores sociais) distintos ós pecuniarios, pero é obvio que algúns os enviarían a escolas privadas ou concertadas se non supuxese un desembolso tan superior a fin de ano. Polo tanto, aspectos como o proxecto educativo do centro e os valores sociais que fomenta, a calidade do ensino ou a proximidade ó domicilio quedarán relegados a un segundo plano, xa que a primeira decisión se toma en moitas casas atendendo só a cuestións monetarias.

Envia-los nosos fillos a un centro concertado de Primaria supón, de media, máis có triple de gasto que a un colexio público. Unha cantidade que semella excesiva se se considera que as axudas públicas ós colexios concertados cobren ata un 88% do seu orzamento. Nunha escola que opera de xeito estrictamente privado (sen subvencións oficiais) as cifras dispáranse, e chegan a multiplicar por 10 o prezo dunha concertada e por 25 o dun centro público. En Secundaria, os prezos son un pouco máis elevados pero mantense a tendencia. Así e todo, pagar máis non equivale a garantir unha maior calidade de ensino para os nosos fillos: o elevado custo dos colexios concertados, e especialmente dos privados, non se ven sempre compensados por unhas prestacións académicas de maior calidade.

Nivel de formación

O nivel de formación que os alumnos dun centro escolar adquiren (independentemente da súa titularidade) está relacionado fundamentalmente coa calidade dos profesores, a xestión do colexio e a planificación das materias. Para coñecer estas cuestións esenciais, é conveniente informarse dos resultados do centro durante os últimos anos (seguindo a traxectoria de antigos alumnos, o número de estudiantes que chegou á universidade, os resultados na selectividade do centro se imparte tódalas etapas...).

E pórse en contacto con pais de nenos que leven algúns anos estudiando no centro, para descubrir se están satisfeitos coa formación que reciben. E para rematar, unha visita ós profesores que se encargarán da educación dos nosos fillos permitiranos facernos unha idea das súas actitudes didácticas, da súa experiencia e da metodoloxía pedagóxica que empregan. Cada vez é máis frecuente que os centros se sometan a sistemas de calidade outorgados por empresas externas ó centro que acreditan os parámetros de calidade do ensino que imparten. Informémonos sobre se a escola na que pensamos como posibilidade de elección dispón dalgún destes sistemas de control de calidade.

Públicos, privados e concertados

  • Centros públicos Gratuítos: Imparten Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria (ESO). Xestiónanos o Ministerio de Educación e Cultura, os concellos, deputacións, comunidades autónomas ou padroados públicos. Se non hai prazas abondas, os pais case non teñen marxe de elección. Só se pode optar ós centros que se cingan ós criterios de admisión establecidos pola Administración. En xeral, menos alumnos por aula cós privados e concertados. A escola pública é laica: pódese elixir ou non a materia de relixión.
  • Colexios privados: Xestiónaos unha persoa, física ou xurídica, privada. A educación finánciana os pais dos alumnos, en tódolos niveis educativos. Os centros poden establecer, dentro das pautas da LOXSE, materias optativas, método de ensino, normas de funcionamento e actividades culturais escolares e extraescolares. Imparten tódolos niveis do ensino. Están autorizados a implantaren o seu ideario, sempre que respecten a Constitución e os dereitos de profesores, pais e alumnos.
  • Colexios concertados: Son centros privados que manteñen acordos coa Administración para que o diñeiro público subvencione unha boa parte do seu custo operativo. Concértase un determinado número de aulas en cada escola, aínda que a miúdo o acordo afecta á maioría das aulas do centro. Deben respectar certas normas do Ministerio de Educación e Cultura (criterios de admisión de alumnos, número máximo de estudiantes por aula, prazos de trámite de matriculación...). Imparten de maneira (case) gratuíta fundamentalmente Educación Primaria e ESO. Os niveis de Educación infantil xeralmente non son concertados. Pero, en tódolos niveis, os servicios complementarios (comedor, transporte, actividades extraescolares, asociación de pais e outras moitas pequenas partidas) son financiados na súa totalidade polos pais. A maioría dos concertados son colexios relixiosos que seguen o seu propio ideario na formación dos alumnos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto