Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
O ano pasado recadáronse en España 1,28 billóns de pesetas en concepto de primas de seguros de automóbil, un 16% máis ca en 1999, segundo a patronal UNESPA (Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras). Sen embargo, a outra cara da moeda para as aseguradoras é o billón de pesetas que aboaron no 2000 por sinistralidade, o que dá unha idea da relevancia deste tipo de póliza.
Para os rexeitados polas compañías de seguros, queda unha última opción: o Consorcio de Compensación de Seguros. Non obstante, este organismo estatal só tramita o seguro de responsabilidade civil obrigatoria limitada. Cobre os danos causados a outras persoas ou cosas, pero non os propios. As garantías de indemnización no caso de sinistro están limitadas, segundo a lexislación vixente, ata 56 millóns de pesetas (336.579 euros) por víctima para os danos persoais e ata 16 millóns de pesetas (96.165 euros) por sinistro para os danos materiais. No caso de se superaren estas cifras, o gasto restante pagarao o autor dos danos.
Quen requira optar polos servicios do consorcio, debe presentar 2 documentos acreditativos remitidos por outras tantas aseguradoras nos que conste a denegación de subscrición do seguro.
O mundo dos seguros tamén irrompeu na Rede, e xa é posible solicitar orzamento e contratar unha póliza a través de axencias de seguros virtuais. Póliza.com e Segurauto.net, entre outras, comprométense a selecciona-las mellores propostas, ofrecendo a contratación on line e a tramitación de sinistros.
Outra posibilidade son as compañías tradicionais que tamén apostan por Internet. Direct Seguros, Allianz, Fénix Directo e Liña Directa Aseguradora ofrecen xa os seus servicios a través da rede, posibilitando a consulta de tarifas/orzamentos en tempo real, despois de cubrir un cuestionario. Amais de poder obter in situ un orzamento, estas aseguradoras ofrecen descontos que alcanzan ata un 6% se a contratación se realiza a través de Internet. Pero ollo: en Internet soamente aseguran a conductores con bonificacións.
O pasado día 13 de xaneiro, foi aprobado o novo Regulamento sobre Responsabilidade Civil e Seguro na Circulación de Vehículos a Motor. Deste xeito adáptanse os seguros do automóbil á normativa europea de circulación. A partir de agora, os automobilistas que resulten accidentados terán cuberta toda a factura de asistencia sanitaria ata a total recuperación, independentemente do centro hospitalario que asista ó ferido. Outra novidade da norma é que a partir de agora os seguros cubrirán indemnizacións ás víctimas de conductores suicidas ou bébedos, ou baixo a influencia de drogas, pero mantendo as compañías o seu dereito para actuar contra o culpable.
Queda fixada por primeira vez neste seguro unha contía ilimitada para gastos sanitarios, fixando por separado as contías de danos, de bens, de custas de asistencia médica e de enterro e funeral. Ademais, tódolos conductores terán un certificado de antecedentes de sinistralidade, de maneira que as compañías aseguradoras coñezan o verdadeiro risco que asumen ó contrataren a póliza e que servirá para determina-lo prezo. O novo regulamento permite tamén o cruce de datos entre o Consorcio de Compensación de Seguros e a Dirección Xeral de Tráfico, para coñecer qué vehículos circulan sen o seguro obrigatorio, que se estima na actualidade en preto de 1,5 millóns de vehículos.
Malia a que a Automobilistas Europeos Asociados (AEA) se amosan satisfeitos co novo Regulamento e coidan que é beneficioso para os automobilistas, anunciou que recorrerá a norma perante o Tribunal Supremo, ó considerar que a exclusión de conductores falecidos ó saí-lo seu vehículo da estrada é inadmisible e lesiona gravemente os dereitos dos prexudicados neste tipo de accidentes.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI