Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Desodorizantes roll-on sen alcohol: Todos cumpren, pero uns mellor ca outros

Analizáronse 8 desodorizantes roll-on sen alcohol en envase de 50 mililitros, que custan entre as 297 pesetas de Hidro Genesse e as máis de 400 pesetas de Heno de Pravia e Rexona

  Os desodorizantes clasifícanse segundo o modo de aplicación: aerosol, stick, roll-on e cremas. Os roll-on constitúen o segundo formato máis vendido, xa que o aerosol é aínda o de maior éxito comercial.

O producto en aerosol tiña o inconveniente de usar, para a propulsión pulverizada do seu contido, gases CFCs (Cloro fluorocarbonos) que danan a capa de ozono. Actualmente, estes sprays recorren a hidrocarburos que non danan a capa de ozono pero si contribúen ó efecto invernadoiro. Nos aerosois, existe, ademais, certo risco de explosión se o producto pulverizado contacta con algunha chama. Polo tanto, desde unha perspectiva ambiental e de seguridade, o aerosol é a opción menos conveniente para este producto.

Este comparativo constou dunha análise química e unha proba de uso por consumidores. Na análise de laboratorio comprobouse que o pH das mostras era semellante (entre 4,1 e 4,5) e bastante ácido, xa que os sales de aluminio que se empregan como desodorizantes son máis activos nun medio ácido. O desodorizante con máis extracto seco (o que non é auga nin substancias volátiles como o perfume e os conservantes) era Sanex, seguido de Mum. Constatouse tamén que unhas mostras son cremosas (destacou Hidro Genesse) e outras máis líquidas (Natural Honey e Dove). Só Dove, Sanex e Natural Honey engade hidratante, a glicerina, e unicamente Hidro Genesse e Sanex incorporan un axente bactericida. Sanex contén alantoína, cicatrizante pouco común en desodorizantes, propio de cremas ou leites corporais.

A proba de uso contaba de dúas partes: unha, comproba-la frescura que proporciona o desodorizante no momento da aplicación e anota-lo tempo que transcorre ata que o producto seca nas axilas. E, dúas, medir e avaliar unha serie de parámetros (existencia de marcas na roupa, permanencia do perfume, presencia de olor corporal e diminución da humidade xerada na axila) sete horas despois da aplicación do desodorizante.

O ensaio con consumidores revelou que o comportamento destes desodorizantes difire moito, se ben todos cumpren coa súa función principal: neutraliza-lo cheiro que emiten as nosas axilas. Ademais, puxo de manifesto que cinco deixan lixeiras marcas na roupa do usuario e que dúas amosaron unha certa degradación, das súas materias primas en Mum, e do seu perfume en Heno de Pravia, o que repercute negativamente no cheiro do tecido tras sete horas desde a aplicación. Para rematar, Natural Honey, Rexona e Heno de Pravia non diminuíron a humidade da axila do usuario, malia a que na súa etiqueta declaran que si o fan.
O desodorizante de mellores prestacións (non fallou en nada) foi Dove: ben na sensación de frescura que proporciona na aplicación, seca bastante rápido, non deixa marca, o seu perfume permanece aceptablemente no tempo, elimina ben o olor corporal (coma tódolos demais, por certo) e diminúe a humidade na axila. A mellor relación calidade-prezo correspóndelle tamén a Dove, aínda que sexa un dos máis caros (374 pesetas). Hidro Genesse e Sanex, máis baratos ca Dove, son tamén recomendables, aínda que deixan unha lixeira marca na roupa.

¿Desodorizante ou antitranspirante?

Hai uns anos, o consumidor dispuña tamén doutro producto, os antitranspirantes, para cumpri-la función que desempeñan os desodorizantes. O antitranspirante impide que súen as glándulas sudoríparas das axilas e, polo tanto, a aparición do cheiro, mentres que o desodorizante actúa de modo triple: mediante axentes antibacterianos impide a degradación da suor pola flora bacteriana; coas substancias que absorben o cheiro evita a degradación química deste; e, para rematar, a través dos perfumes (aínda que algúns, moi poucos, non os conteñen) proporciónanlle o seu propio arrecendo ó corpo do usuario.

Os ingredientes

A listaxe de ingredientes destes desodorizantes inclúe un bo número de substancias. A maioría realizan unha función secundaria, como excipiente, e non como axentes activos. Por exemplo, actúan como emulsificantes (axudan a manter unido nunha mesma solución líquida o conxunto de ingredientes) ou humectantes (aseguran unha textura líquida do producto), ou emolientes, que acondicionan ou suavizan a pel para que actúe mellor o resto dos ingredientes. As substancias que actúan como desodorizantes son poucas: Clorhidrato de aluminio, Sesquiclorhidrato de aluminio, Triclosan e Chitosan Glicolato. A maioría das mostras estudiadas usan Clorhidrato de aluminio. Sanex e Hidro Genesse utilizan, ademais, Triclosan. Por outra banda, Heno de Pravia e Mum son os que menos ingredientes usan, cunha substancia desodorizante e tres secundarias: emoliente, emulsificante e solubilizante, amais da auga e o perfume. No outro extremo, Natural Honey utiliza 12 ingredientes amais da auga e o perfume, se ben a cantidade de cada un deles é moito maior en Heno de Pravia e Mum, como se deduce do extracto seco que hai en Natural Honey, moito menor do de Heno de Pravia e Mum.

No laboratorio...

A análise determinou o extracto seco de cada producto (substancias orgánicas e minerais que quedan despois de elimina-la auga e as substancias volátiles a 105ºC, como o perfume e os conservantes). O de máis extracto seco (26,6%) foi Sanex, seguido de Mum. O de menor (11,1%), Natural Honey. O extracto seco, constituído normalmente polos excipientes e o axente desodorizante, non é un criterio de calidade, pero proporciona unha idea da cantidade de productos orgánicos do producto. O pH das oito mostras foi semellante, variando de 4,1 a 4,5. Estes productos formúlanse cun pH ácido, xa que os sales de aluminio empregados como desodorizante resultan máis activos nun medio ácido. A maior viscosidade correspondeulle a Hidro Genesse, que, polo tanto, é o producto máis cremoso. Ségueno en viscosidade Mum, Sanex e Heno de Pravia. Os máis líquidos foron Natural Honey, Dove, Rexona e Nivea. Os únicos con axente hidratante son Dove, Sanex e Natural Honey, que conteñen glicerina nun 0,3%, 08% e 1,4%, respectivamente. Hidro Genesse e Sanex, pola súa banda, conteñen Triclosan, desodorizante bactericida. E Sanex engade tamén alantoína, un cicatrizante pouco común en desodorizantes e que se emprega en cremas e leites corporais.

Non todos diminúen a humidade

Aínda que previ-la humidade non sexa unha función esencial dos desodorizantes (é máis propia dos antitranspirantes), Heno de Pravia -"antihumidade"-, Natural Honey -"neutraliza a humidade"-, Rexona -"prevén a humidade"- e Sanex, "microtalco eficaz, absorbe a humidade"- anuncian esta capacidade na súa etiqueta. A transpiración pode variar moito dunha persoa a outra, por iso nesta proba se compara exclusivamente a humidade da axila tratada en cada usuario coa da súa outra axila, non tratada. En Sanex, Hidro Genesse, Dove e Mum apreciouse unha aceptable diminución da humidade; resultou algo maior nas dúas citadas en primeiro lugar, que declaran talco na súa composición. En Natural Honey, Rexona e Heno de Pravia non se apreciou diminución ningunha da humidade, aínda que os tres anuncian esta función na súa etiqueta (describiuse anteriormente a maneira na que o fan). Por iso, cualificáronse "mal" neste apartado. Nivea, que polo menos non anuncia conseguir este efecto, diminuíu pouco a humidade nesta proba e queda nun "regular".

Na proba de uso...

  Os oito desodorizantes sometéronse a unha proba práctica de uso con consumidores. Na primeira fase valorouse a sensación de frescura no momento de aplicación do producto e o tempo de secado do mesmo na axila do usuario. E, ó cabo de sete horas da aplicación, valorouse (comparando en cada usuario a axila tratada coa non tratada) se o producto deixaba pegada ou mancha na roupa, así como a permanencia do perfume, a presencia ou non de olor corporal e a humidade da axila tratada con respecto da que non o estaba. No tocante á sensación de frescura, os mellores foron Natural Honey, Nivea e Heno de Pravia. Pola súa banda, Mum cualificouse como "aceptable", pero trátase do único desodorizante sen perfume e pode confundirse a sensación de frescura co agradable do perfume no momento da aplicación. As outras catro mostras foron cualificadas cun "ben" en sensación de frescura.

O tempo de secado fai referencia ó que é preciso para que a pel da axila quede seca despois da aplicación. Variou entre os 71 segundos de Nivea e os 112 segundos de Sanex. O tempo de Rexona, Heno de Pravia e Sanex, por ser superior ó minuto e medio, foi cualificado como excesivo polos usuarios. Con respecto ás pegadas ou marcas que poderían deixa-los desodorizantes na roupa, só Dove, Rexona e Natural Honey superaron a proba, xa que non se detectaron diferencias entre a axila tratada e a non tratada. O resto deixaron unha lixeira pegada na roupa. Por outra banda, os que mantiveron unha maior intensidade do seu perfume unha vez transcorridas sete horas da súa aplicación foron Hidro Genesse, Natural Honey e Nivea. Pero Sanex, Dove e Rexona mantiveron tamén aceptablemente o perfume. Dous desodorizantes suspenderon esta proba: en Heno de Pravia, unha porcentaxe significativa dos panelistas percibiu que o perfume se degradara. E en Mum, o único non perfumado, anotouse un certo cheirume de degradación das materias primas.

O máis importante, en todo caso, é que en ningún usuario se percibiu olor corporal ó cabo das sete horas de aplicación de cada desodorizante. Os oito, polo tanto, cumpren coa súa función principal: neutraliza-lo cheiro que xera a suor das axilas.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto