Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Atún claro en aceite: Case a metade non son "atún claro" senón simplemente atún

Analizáronse 7 mostras de atún claro en aceite vexetal, en paquetes de tres latas de 80 gramos netos, os prezos eran semellantes

 As mostras máis caras, Calvo e Escurís, custaban arredor das 760 pesetas o quilo, case un 20% máis ca Isabel, a máis barata, a 636 pesetas o quilo. As outras custan entre 704 e 729 pesetas o quilo.

É un producto ben elaborado (frescura, composición, aparencia e defectos) que se vende en boas condicións hixiénico-sanitarias. E na cata, os resultados foron positivos, xa que ningunha mostra mereceu o suspenso e (o que ten un valor especial, tratándose dun producto económico ó que non se lle deben esixir grandes prestacións organolépticas: sabor, aroma, textura, cor...) catro obtiveron un ben folgado na cualificación global da cata.

O atún en conserva é un alimento nutritivo e saudable. Achega proteínas (20%-24%, tantas coma a carne) de gran valor biolóxico, é pouco graxo (10%-12%) e non moi enerxético, unhas 200 calorías cada cen gramos de producto escorrido. E posúe, en proporción superior á maioría dos peixes, graxas poliinsaturadas "ácidos omega 3" ós que se lles atribúen efectos beneficiosos ante certas enfermidades cardiovasculares. Ademais, é boa fonte de minerais (salienta o iodo) e vitaminas (especialmente a D). Mediante unha técnica de determinación do ADN, o laboratorio comprobou a especie á que pertence a materia prima de cada mostra. Unha normativa que entrou en vigor o 5 de xuño de 2000 obriga a que as latas que se denominan "atún claro" conteñan exclusivamente Thunnus albacares (coñecido como yellow fine). Para latas elaboradas con outras especies (non sendo as de bonito, evidentemente), imponse a denominación de simplemente "atún".

A análise demostrou que Escurís, Isabel e Cabo de Peñas usan como materia prima unha especie distinta da fixada para o "atún claro", e de inferior calidade comercial. Isabel e Cabo de Peñas non incumpren a norma porque as súas latas se elaboraron antes do 5 de xullo do ano pasado, e a lei só establece a obrigatoriedade para latas producidas a partir desa data. Escurís non lle demostrou a CONSUMER que elaborou o seu producto antes desa data, e todo sinala a que o fixo despois do 5 de xullo.

As sete latas teñen como data de caducidade o ano 20006, e polo tanto poderían estar dentro de norma ata ese ano, sempre que se envasaran antes do 5 de xullo do 2000. Coidamos que é excesivo, o conveniente sería que a lei establecese unha data máxima de adaptación en función da comercialización e non do envasado. Que se fixase, por exemplo, o un de xaneiro do 2002 como data tope para que calquera lata denominada "atún claro" usase exclusivamente a especie de atún prevista para este producto. Por outra banda, agás Calvo, que utiliza aceite de xirasol, todos recorren ó de soia, máis barato e de menor calidade.

A mellor relación calidade-prezo é Friscos: é o segundo máis barato (704 pesetas o quilo), a súa calidade (composición, aparencia e defectos) é satisfactoria e foi o mellor na cata. Outra opción é Calvo, un 8% máis caro ca Friscos pero de mellor calidade e só un pouco inferior na cata.

Un alimento recomendable

Dentro dos túnidos, o mercado ofrece distintos tipos: bonito, atún claro e atún. Considérase que o bonito é o de mellor calidade, seguido polo atún claro e, detrás deste, o atún. O prezo segue esta mesma orde. O atún en conserva está composto por anacos de atún limpo e sen as vísceras, que se elabora a partir de atún fresco refrixerado con xeo ou conxelado a unha temperatura de 18ºC ou menor. Envásase en latas con líquido (neste caso, aceite) e sométese a un tratamento térmico de esterilización que o converte nun producto microbioloxicamente seguro e de longa duración. Se nunha lata hai un número elevado de microorganismos deberíase a un defecto de fabricación ou a unha contaminación posterior debida xeralmente a que a lata ten algún poro ou unha mala soldadura. A análise microbiolóxica demostrou que o estado hixiénico-sanitario das sete mostras era correcto.

  Os ingredientes do atún en aceite son: atún, aceite vexetal e sal. Ningunha mostra contén conservantes químicos. Todas recorren ó aceite vexetal, aínda que ningunha especifica de qué vexetal procede o seu aceite. A análise revelou que todas, agás Calvo, que utiliza aceite de xirasol, contiñan aceite de soia.

Xa noutra cuestión, as proteínas do peixe están formadas por aminoácidos que poden estar libres. Un deles é a histidina, que no proceso de almacenamento do producto é degradada por bacterias e encimas, formando outros compostos como a histamina, substancia que se relaciona coa frescura do peixe e que en persoas sensibles pode producir reaccións de alerxia. Nas latas estudiadas, os niveis de histaminas están por baixo de 2,5 ppm (partes por millón). É unha presencia moi inferior ó máximo fixado pola norma, o que indica que a frescura do atún era correcta.

O atún é un alimento tan proteico coma a carne, con máis dun 20% de proteínas de alto valor biolóxico, por conteren os aminoácidos esenciais para o mantemento e desenvolvemento dos tecidos humanos. O seu valor enerxético é moderado: unhas 200 calorías cada cen gramos de producto escorrido. É un peixe graxo, cun 10% de graxa, da cal só o 20%-25% son ácidos graxos saturados (os menos saudables). Esta achega lipídica é moi interesante, xa que contén dous ácidos graxos poliinsaturados (eicosapentaenoico e docosahexaenoico) ós que se lles está prestando moita atención científica. Pertencen ó grupo de ácidos omega 3, ós que se lles atribúen efectos beneficiosos respecto a enfermidades cardiovasculares. O contido nestes ácidos graxos móvese arredor do 1%, por riba doutros peixes. O colesterol do atún en conserva é variable, pero próximo ós 65 miligramos cada cen gramos, inferior a outros peixes e moluscos como a sardiña e os mexillóns (100 mg/100 g).

No tocante ós minerais, é boa fonte de iodo, potasio, fluor, calcio e ferro. A súa achega vitamínica céntrase nas liposolubles (vitaminas A, D e E) e é un dos alimentos con máis vitamina D (25 mg/100 g). Entre as vitaminas hidrosolubles, destacan a B2, a niacina e o ácido fólico.

Un producto de calidade

Á hora de establece-la calidade do atún en aceite, compróbanse os defectos, por unha banda, e a composición e aparencia, por outra. Estes dous últimos apartados fan referencia ó que se ve cando se abre a lata: se hai buratos ou zonas baleiras, se a coloración é uniforme e típica do producto, se se aprecian puntos ou raias avermelladas, ou algunha coloración estraña. De seguido, escórrese o aceite e establécese a porcentaxe de atún esmiuzado. Despois, os técnicos buscan defectos: presencia de materias estrañas, vísceras (parte non muscular do atún), espiñas, pel, escamas, vasos sanguíneos, carne avermellada... que diminúen a calidade comercial do atún.

Analizáronse sete latas por cada marca e fíxose a media dos resultados para cada unha. Ningunha marca suspendeu en ningún dos tres apartados, e os resultados, en xeral, consideráronse bos. En aparencia e composición, a peor puntuación correspondeulle a Isabel e Cabo de Peñas (2,1 puntos sobre 3 posibles), debido a espacios baleiros e a unha porcentaxe de esmiuzado entre o 10% e o 20% do producto. A cor, brillo e a ausencia de puntos ou raias avermelladas foron moi satisfactorios, agás en Escurís e Cabo de Peñas: unha das sete latas quedou algo peor. As mellores en composición e aparencia foron Escurís e Miau, con 2,9 puntos.

Os defectos atopados foron: espiñas pequenas (diámetro inferior a 1 mm), nunha lata de Isabel, dúas de Miau e dúas de Rianxeira; espiñas grandes (máis de 1 mm) nunha de Rianxeira; pel ou escamas (diámetro inferior ós 6 mm) nunha de Cabo de Peñas; carne avermellada (4-10 mm) en Friscos, Escurís, Miau, Isabel e Rianxeira. O único defecto común a tódalas mostras son os pequenos vasos sanguíneos. En resumo, en defectos as mellores son Calvo (2,7 puntos) e Friscos e Isabel (2,3 puntos). As peores, Cabo de Peñas (1,7 puntos) e Escurís e Miau (1,9 puntos, ambas). Friscos, Calvo e Isabel poden considerarse "moi boas" en defectos e o resto soamente "boas".

Etiquetaxe e pesos

O peso neto por lata, 80 gramos, inclúe o do aceite. O peso escorrido (non é obrigatorio declaralo) corresponde só ó do atún e debe representar como mínimo o 65% do peso neto, cunha determinada tolerancia. No noso caso, significa que o peso escorrido debe supoñer cando menos o 59,4% do peso neto.

  • En Miau esta proporción é do 59%, polo tanto, está, aínda que por moi pouco, fóra de norma.
  • En Calvo é do 63% e en Friscos do 64%, ámbolos dous por baixo do 65%, pero por riba do mínimo.
  • Dan xusto o 65% Isabel e Rianxeira e supérano Cabo de Peñas (66%) e Escurís (67%).Deixando a un lado a cuestión do tipo de especie de atún empregado, tódalas mostras cumpren a norma no referente á información obrigatoria.
  • Ademais, os envases indican que se poden reciclar.
  • Miau e Cabo de Peñas, pola súa banda, locen un logotipo que indica o uso de técnicas de pesca que impiden a captura de golfiños. A única lata sen información nutricional é Escurís, mentres que a que ofrece máis datos é Isabel: amais do contido en graxa, indica a cantidade de saturados e insaturados, e qué cantidade corresponde ós ácidos graxos omega 3, dos que inclúe información sobre os beneficios na nosa saúde.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto