Saltar o menú de navegación e ir ao contido
As hemorroides ou almorrás son un dos trastornos sanitarios máis frecuentes, ata tal punto que a maioría das persoas as padeceron nalgún momento da súa vida.
Aínda que é unha afección considerada banal, pode ser moi molesta e dolorosa. Basicamente, consisten nunha dilatación das veas que están na ampola rectal e que chegan ata o ano, é dicir, das veas hemorroidais. Estas veas, ó igual cás das extremidades inferiores, poden dilatarse por varias causas, co que perden a capacidade de retorna-la sangue que circula por elas. Deste xeito, fórmanse cordóns varicosos e nódulos que poden ser internos. Se as hemorroides se forman no interior denomínanse internas e cando saen ó exterior do ano coñécense como externas.
A maioría das veas dispoñen dunhas pequenas válvulas que impiden que o sangue corra cara a abaixo por acción da gravidade. Pero as veas hemorroidais non dispoñen destas válvulas, polo que o sangue atopa maiores dificultades para ascender polo sistema venoso. Cando se incrementa a presión interna, o sangue tende a circular máis lentamente, acumúlase e provoca a dilatación das paredes destas veas.
Por iso, tódalas circunstancias que aumentan a presión intra-abdominal condicionan a aparición desta afección: o embarazo, que a miúdo provoca tamén varices nas extremidades inferiores, é unha causa frecuente. Tamén a obesidade, especialmente a troncular (con abdomes amplos), ou as actividades que obrigan a pasar moitas horas de pé ou a permanecer sentado a maior parte do tempo favorecen a conxestión local. Igualmente, determinadas comidas con especias, picantes e as bebidas alcólicas favorecen a dilatación das veas. O estrinximento tamén é unha causa frecuente de hemorroides.
Tanto o tratamento local coma o xeral alivian, pero non chegan a curar definitivamente o mal. Moitas veces hai que afacerse a convivir coa enfermidade e a mantela controlada e sen que xere molestias. Para iso, é indispensable pór en práctica as medidas hixiénico-sanitarias axeitadas.
No caso de hemorroides moi grandes e dolorosas que provocan prolapsos, sangran ou sofren trombos a miúdo, cómpre recorrer a tratamentos máis ou menos agresivos, desde escleroterapia (ligadura mediante colocación dun anel elástico na base do paquete hemorroidal), crioterapia hemorroidal, aplicación de raios infravermellos ou hemorroidectomía (extirpación das veas hemorroidais). Ás veces, poden supoñe-la curación definitiva, pero tamén é frecuente que co paso do tempo as hemorroides volvan aparecer, xa que as veas que quedan poden volverse dilatar.
O síntoma principal das hemorroides internas é a hemorraxia. Xeralmente é de pouca cantidade, de cor vermella viva, e prodúcese ó final da deposición. Se as dilatacións son importantes, a hemorraxia é máis abundante. Cando estas hemorroides internas saen ó exterior sangran con máis facilidade (o que en termos médicos se coñece como prolapasar). Neses momentos, mesmo polo simple rozamento da roupa interior ou ó realizar esforzos pode chegar a producirse a hemorraxia. O prolapso pode producirse ó realizar esforzos, como no caso da defecación, golpes de tose ou esforzos físicos. Ó primeiro resólvese espontaneamente, pero, pouco a pouco, comeza a ser máis frecuente e a precisar reducción manual. Se seguen progresando e o seu tamaño aumenta, chega un momento no que practicamente están sempre ó exterior. Daquela, a súa reducción manual vólvese imposible. Nestas circunstancias, amais de sangraren con facilidade, aparece unha secreción mucosa moi molesta. Estar sentado moito tempo, suar e os esforzos atúranse mal.
A complicación máis importante e a que produce realmente dor é a trombose nas veas dilatadas. O sangue contido no seu interior solidifícase (fórmase un trombo), co que o cadro pode chegar a ser moi doloroso, ata tal punto que precisa atención inmediata. É o que vulgarmente se denomina ataque de hemorroides e motiva a consulta ó médico. Xeralmente as persoas con hemorroides non complicadas non van ó médico e optan por se trataren elas mesmas.
A miúdo as hemorroides desvían a atención sobre outras enfermidades intestinais. Por iso, cando se sangra ou aparecen outros síntomas anorrectais, é recomendable acudir ó médico para descarta-la presencia doutras doenzas que ofrezan síntomas semellantes. É o único xeito de confirmar que se trata realmente de hemorroides e, deste xeito, ofrece-lo tratamento axeitado.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI