Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Hoxe máis ca nunca, a lectura corre o risco de ser vista polos nenos como unha imposición máis de pais e mestres
O rapaz pode medrar sen o hábito de dedicar parte do seu tempo a mergullarse nas letras e a enfrontarse con fascinantes aventuras nos mares do sur. É precisamente na primeira década da vida cando as persoas poden adquirir este hábito; neses dez anos tense a oportunidade de asimilar para sempre o pracer de ler como unha necesidade consentida e desexada. Os pedagogos afirman que se aprende a gozar da lectura e, polo tanto, hai que ser conscientes de que se trata de algo que se pode ensinar. Para iso, é básico o núcleo familiar. Ensinar a ler é a materia que os pais lles deben transmitir ós seus fillos, tendo en conta sempre o seu carácter, motivación, apetencias e intereses. En definitiva, o reto é estimula-la curiosidade polos libros.
Escritores consagrados tiveron sempre unha inclinación por engadirlle á súa obra libros dirixidos a nenos e mozos. Roald Dahl e Bernardo Atxaga son dous exemplos de escritores de obras fundamentalmente infantís e xuvenís, aínda que os seus libros lense en tódalas idades. Pero tamén autores tan serios como Graham Greene (Todo vai sobre rodas), Ana María Matute (Tódolos meus contos), Rosa Montero (As barbaridades de Bárbara), Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca e Rafael Alberti (O meu primeiro libro de poemas), Lewis Carroll (Alicia no País das Marabillas), Kipling (O libro da selva), Carmen Martín Gaite (Carapuchiña en Manhattan), Manuel Rivas (Bala perdida), Tolstoi (Contos para nenos), Pedro Antonio de Alarcón (Historietas nacionais), Carlos Dickens (As receitas do doutor Mari Gold), Emilia Pardo Bazán (Contos) ou Bécquer (As lendas) completaron as súas coleccións con obras dirixidas ós máis cativos.
Ademais, obras mestras da Literatura Universal corresponden ó xénero infantil e xuvenil. É o exemplo de A Illa do Tesouro (Stevenson), Tom Sawyer (Mark Twain), A historia interminable (Michael Ende), O Señor dos Aneis (Tolkien), Don Camilo (Guareschi), O Principiño (Antoine de Saint-Exupéry), Adeus cordeira (Leopoldo Alas Clarín), As aventuras de Zalacaín o Aventureiro (Pío Baroja), Corazón (E. de Amicis), A abella Maia (Bonsels), Peter Pan (Barrie), Emilio e os detectives (Kaestner) ou A chamada da selva (Jack London). Entre todos eles conforman unha sopa de letras moi apetecible.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI