Saltar o menú de navegación e ir ao contido
¿Quen non tivo algunha vez ideas ou preocupacións que o asaltan repetidamente sen que saiba afastalas para vivir sen a súa perniciosa influencia?
Non son poucos os que dubidan sistematicamente se pecharon ben a porta, desconectaron o gas, apagaron a luz... e volven unha e outra vez confirmar que, efectivamente, si que o fixeran. Outras persoas enchen a súa vida cotiá de ritos, de manías como conta-las lousas da cociña ou os chanzos da escaleira, non pisa-las raias do chan, rete-las matrículas dos coches, ocupar sempre o mesmo asento nas xuntanzas ou xantares, levar un obxecto inútil no peto... Pero isto non son máis ca manifestacións case anecdóticas duns costumes que se poden converter nun verdadeiro problema psicolóxico.
Todos temos hábitos que, aínda que merezan o cualificativo de manías, consideramos normais. Pero cando estes pensamentos ou manías fan sufrir estamos diante dos trastornos obsesivo compulsivos. As obsesións son pensamentos que se repiten de xeito insistente en contra da vontade do individuo, e que escapan ó seu control.
Se os pensamentos obsesivos se converten en xestos de conducta case automática, deveñen en compulsións, accións ou manías que a persoa se ve forzada a executar para sentirse ben ou, cando menos, tranquila. É consciente do absurdas e irracionais que son, pero séntese incapaz de eludilas. Cando as compulsións se asocian entre si, formando unha cadea, convértense en rituais patolóxicos.
O pensamento, en xeral, é un diálogo con nós mesmos no que acabamos facendo afirmacións sobre determinadas situacións. Poden ser positivos se nos fan sentir ben e nos axudan; ou negativos, se nos orixinan emocións negativas ou nos fan sufrir.
Unha vez que foron identificados e analizados os pensamentos, cómpre substituí-los negativos por outros positivos. É difícil, xa que en situacións emocionalmente negativas tendemos a velo todo negro. Pero cómpre que saibamos que en calquera situación hai un raio de luz. A tarefa resultará moito máis sinxela se este exercicio de pensar en positivo se instala nun corpo e unha mente tranquilizadas mediante as técnicas axeitadas de relaxación e respiración. E, en calquera caso, cando a tarefa se presenta difícil lembremos que é moi útil o asesoramento dun profesional.
Todos temos manías, preocupacións ou pensamentos repetidos. Pero se a obsesión chega a dificultar ou impedi-las relacións sociais, se a persoa perde liberdade... estamos ante un trastorno obsesivo compulsivo que pode requiri-la intervención dun especialista. Resultaría interminable enumera-las consecuencias que poden ocasiona-los pensamentos irracionais en quen os padece e en quen convive con estas persoas. O catálogo é moi amplo, desde os inconvenientes máis triviais ata os desenlaces máis dramáticos. E todo iso só por interpretar a realidade deformada. Xa no século I, Epicteto, un filósofo estoico, afirmaba que "os homes non se perturban por causa das cousas, senón pola interpretación que fan delas". En calquera caso, o interesante é saber cómo ceibarse das obsesións e afrontar estes pensamentos irracionais e distorsionados. E, consecuentemente, cómo conseguir vence-las conductas compulsivas.
A psicoloxía científica, da man de autores como Ellis, Beck, Mahoney ou Golfried, iluminou a Reestructuración Cognitiva, unha técnica psicolóxica que ten como obxecto identificar, analizar e modifica-las interpretacións ou pensamentos erróneos que as persoas experimentan en determinadas situacións ou teñen sobre outras persoas.
En CONSUMER EROSKI tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI